Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
Premios da Crítica Galicia 2013.
O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.

10º Simposio do Libro e da Lectura: O futuro da biblioteca no entorno dixital

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O Simposio anual sobre o Libro e a Lectura chega a súa décima edición co mesmo ánimo e gañas cos que iniciou o seu percorrido, alá polo ano 2003. Todo un privilexio e unha fortuna nos tempos que corren. No transcurso destes dez anos ininterrompidos pasaron por este evento máis de 1.500 profesionais entre conferenciantes, relatores e asistentes de todas as edicións.
Nesta renovada xeira, centrada nas bibliotecas, a organización prantexouse abordar os retos que estes espazos de promoción e dinamización do libro e a lectura, deberán enfrontar nun próximo futuro, retos que non  son alleos ao mundo editorial, fundamentalmente no eido do novo paradigma dixital e tamén no que atinxe ás dificultades derivadas da coxuntura económica de todo o ámbito do libro.
O futuro da biblioteca no entorno dixital é o título baixo o cal se elaborou un programa que contempla unha xornada de traballo intenso e reflexivo, na cal os asistentes e os participantes, relatores e conferenciantes, van ter ocasión de expoñer e debater sobre a actualiadade e o futuro do paradigma dixital no entorno bibliotecario.
Aberto o prazo de inscrición, que se pode realizar aquí: Formulario.

O programa, que pode descargarse aquí: Simposio do Libro 2013, é o seguinte:
10:00 h. Inauguración. Presidente da AGE, Secretario Xeral de Cultura e representante Consello da Cultura Galega.
10:30 h. Conferencia inaugural: Jordi Permanyer i Bastardas, Gerent de Biblioteques da Diputaciò de Barcelona.
De 12:00 a 14:00 h. Panel de experiencias sobre bibliotecas de éxito. Interveñen:
* Cristina Novoa, Coordinadora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. As bibliotecas escolares galegas no contexto da cultura dixital. Proxecto E-LBE.
* Mari Luz Corral, directora do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros.
* Catuxa Seoane, responsable de comunicación dixital e coordinadora das redes sociais da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.
* Francisco Domínguez, director da Biblioteca Penzol. Dixitalización para a investigación.
* Mª del Mar Larouba Sánchez, directora da Biblioteca Nodal Miguel González Garcés da Coruña.
De 16:30 a 18:00 h. Debate sobre a biblioteca e o entorno dixital. Interveñen:
* Celso Figueroa, director de Nube dixital. Libranda/Bibliotecas.
* Mabela Casal, directora da Biblioteca Universitaria da USC.
* Elena Becerra, directora de Bibliotecas de Redondela.
* Miguel Ángel Calvo Lázaro, director Xeral de Xercode-Servizos Bibliotecarios.
De 18:15 a 19:30 h. Conferencia de peche: En defensa da biblioteca pública. Suso de Toro, escritor e profesor.”

Muxía: Berta Dávila na Galería de Mulleres no mes de outubro

O Concello de Muxía segue coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela e acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de febreiro centrarase en Berta Dávila.

Basilio Losada regalará a Galicia os 10.000 libros que pretendía adquirir unha universidade norteamericana

Entrevista de Ramón Loureiro a Basilio Losada en La Voz de Galicia:
“O profesor Basilio Losada, unha das grandes figuras do mundo académico hispano, confirmou a súa intención de regalar a Galicia os 10.000 volumes que conforman a súa colección persoal de libros singulares, xoias bibliográficas e edicións canónicas de clásicos universais. O profesor, natural de Láncara, confirmaba que non venderá á Universidade de California eses libros, porque o seu desexo é que «estean en Galicia a disposición de quen teña interese neles».
«Estou no final de miña vida -di Basilio Losada, co desenfado de sempre-, e sei que eses libros non poden vir comigo cando morra. No inferno arderían; e no Ceo queimaríanos tamén, porque moitos deles estiveron no índice de obras prohibidas. E como en Galicia xa están os case vinte mil volumes que mandei no seu día a raíz do acordo ao que chegara con Manuel Fraga, agora, cando sei que non é moito o que me queda de vida, quero que esta outra biblioteca tamén sexa para Galicia, á que tanto lle quero». (…)”

Gondomar: sesión de Espazo Lectura con Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O sábado 16 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para que os nenos e nenas lesen coas súas familias durante este mes foi O elefante dunha soa orella, do escritor coruñés Xosé Henrique Rivadulla Corcón. O autor estará na biblioteca para conversar sobre a súa obra cos nenos e nenas que participen. A asistencia á actividade é gratuíta.

Muxía: Fina Casalderrey na Galería de Mulleres no mes de febreiro

O Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de febreiro centrarase en Fina Casalderrey.

A Coruña: doazón de Natalia Gómez González á Real Academia Galega

O venres 25 de xaneiro, ás 12:30 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, o acto de doazón por parte de Dona Natalia Gómez González, viúva de Xosé Antón Arjona Santiago, da súa biblioteca, de diversa documentación e doutros bens da súa propiedade. Estarán presentes Natalia Gómez González e Xosé Luís Méndez Ferrín.