Arquivo da categoría: Bibliotecas
A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés
O
venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:
– Luz Pozo Garza.
– Xulio López Valcárcel.
– Lino Braxe.
– Olga Patiño.
– Miguel Mato Fondo.
– Estíbaliz Espinosa.
– Manuel Rivas.
– Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Ánxeles Penas.
– Xavier Seoane.
– Manuel Álvarez Torneiro.
Coa música de César Morán e Xosé Taboada.
MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.
A Coruña: O segredo do Pergamiño Vindel, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés
Carballo: presentación de A segunda lingua, de Yolanda Castaño
Carballo: actividades na Biblioteca Rego da Balsa para novembro e decembro
Na nova biblioteca de Carballo, por Cesáreo Sánchez Iglesias
Artigo
de Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Inaugurar unha biblioteca pública é un profundo acto de amor para co noso idioma, é un profundo acto de amor á humanidade e é un acto de irrenunciábel esperanza. É, en fin, chantar os íntimos alicerces onde asentar as pedras basilares da arquitectura da nación que soñamos.
A biblioteca é coma un grande corazón no que os libros que irán enchendo os seus andeis son o torrente sanguíneo do saber, son eses fermosos obxectos que conteñen as vellas verdades universais e tanto labor en mancomún: a condición ética que nos move.
Unha biblioteca, aínda que feita en clara e fermosa arquitectura, sempre é un casal antigo, pois é gardador das fontes claras da memoria do home, tamén da nosa.
As escritoras e os escritores galegos somos tamén en grande parte fillos das bibliotecas. Delas recibimos hábitos de lectura, nelas aprendemos a compartir e, co pasar dos años, a elas, ás bibliotecas, entregamos os nosos froitos, os froitos do noso traballo na voz inextinguible do noso idioma, onde os materiais do espírito humano vivirán en historias e personaxes capaces, en palabras de Faulkner, de axudar aos galegos a lle alixeirar o corazón lembrándolle a esperanza, o orgullo de Sermos Nós e a solidariedade coma palabra necesaria da dorida realidade do noso tempo.
Esta biblioteca acollerá a historia de Carballo que, inscrita con letras de ouro, forma parte da historia da Nosa nación, acollerá os libros dos seus fillos e fillas ilustres. Mais nela tamén aprenderán os rapaces e rapazas a ler a liña da vida nas mans labregas, amorosas, populares que defenderon Baldaio, que nos defenden en Corcoesto.
Hai momentos da historia dun pobo onde a súa dignidade está mais mans de mulleres e homes que defenderon fértiles areais e a Terra de noso, xenerosa amada que é coma defender a nación toda.
O verdadeiro ouro da Nosa Terra é o noso idioma, os libros que dende hoxe habitan esta fermosa biblioteca.”
Ourense: obradoiro literario impartido por Francisco Castro na Biblioteca Pública
A Coruña: inauguración da exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López
O
martes 16 de setembro, ás 13:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), Xesús Alonso Montero inaugura unha exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López, que estará aberta desde este día até o 7 de outubro. Durante o acto presentará as publicacións Manuel Rodríguez López, que recolle os contidos dos dezaseis paneis da exposición e Antoloxía poética, editada por Santiago Rodríguez e Xesús Alonso Montero, con comentario deste último. Participarán tamén no acto Antonio Giz, Irene López (viúva do escritor), José Manuel Mato e Anxo Lorenzo.
Manuel Rivas doa parte da súa biblioteca persoal para a Biblioteca Municipal de Vimianzo
Desde
Que pasa na Costa:
“(…) O escritor Manuel Rivas e Isabel López Mariño doarán parte da súa biblioteca persoal ao Concello de Vimianzo.
O vindeiro xoves, día 4 de setembro Manuel Rivas desenvolverá na Biblioteca Pública Municipal un acto con rapaces e rapazas no que os achegará a súa obra infantil.
No transcurso deste acto o escritor coruñés, con casa en Vimianzo dende fai máis dunha década, entregaralle á Biblioteca Pública Municipal de Vimianzo parte da súa biblioteca persoal.
Diante desta doazón, que estará a disposición de toda a veciñanza, o Concello quere expresarlle ao autor o seu máis sincero agradecemento, xa que é un orgullo que un autor do prestixio de Rivas colabore co Concello de Vimianzo doando parte da súa biblioteca persoal.”
Muxía: María Canosa na Galería de Mulleres no mes de agosto
O
Concello de Muxía segue coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela e acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de agosto centrarase en María Canosa.





