Ramón Nicolás: “Reducir a don Paco a 140 páxinas non é xusto, foi todo un reto”

Entrevista de Ana Abelenda a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cóntenos como se coñeceron nos 90.
– Ramón Nicolás (RN): Por volta do 90, decidín compilar textos xornalísticos de don Paco, que durmían no esquezo nas hemerotecas. El aínda non publicara o seu libro de memorias Un río no tempo. Comecei preguntándolle cousas que son inocentes, pero daquela eu non tiña o coñecemento, por exemplo, de si el tivera que ver coa aprobación do Día das Letras Galegas por parte da Academia. Ao lado da compilación de textos, quería facer unha parte biográfica. Mandeille unha carta e convidoume a ir á Penzol. Eu fixen o traballo, fixen tamén unha copia que enviei a un concurso e non resultou premiado. O premio foi coñecelo.
– LVG: Custoulle comprimir a longa e intensa vida deste «obreiro» da cultura galega?
– RN: Facer un libro sobre don Paco en 140 páxinas non é xusto! Merecía un libro de mil páxinas, e quedaría curto… Reducilo a 140 páxinas foi todo un reto para min.
– LVG: O seu galego, confesa, mellorou grazas a un libro de don Paco. Cal é?
– RN: Sendo eu moi noviño, caeu nas miñas mans o Vocabulario castellano-gallego, unha axuda para que todo o mundo fale galego con dignidade. Xa que o meu entorno non era galegofalante, ese libro resultou clave. El ten unha obra de carácter divulgativo moi importante, como ese Diccionario de escritores en lingua galega, que durante anos foi o único manual que había accesible, actualizado, sobre os escritores e escritoras galegos. (…)”

Henrique Rabuñal: “Todas as pólas da obra de Murguía conéctanse ao servizo da nación”

Entrevista a Henrique Rabuñal no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Nunca o ben que ti teñas che roube outro; Ai! que eses males, nos bos corazóns duran, eternidade”, son versos de ‘Nena das soidades’, os primeiros que Murguía asinou en galego, no ano 1854. Murguía o poeta, o historiador, o galeguista, o xornalista, o polemista, o compañeiro de Rosalía de Castro… Todos forman parte da figura de Manuel Murguía, a quen se lle rende homenaxe no centenario do seu pasamento. Hoxe tentaremos coñecer un pouco máis de estudoso infatigable a través de Murguía. Un século despois, o último libro de Henrique Rabuñal. A entrevista pode verse aquí.”