Compostela: actividades destacadas do 16 de xuño na Feira do Libro 2020

O 16 de xuño continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Charo Baleirón asina De Carballo Calero a Carvalho Calero, publicado por Hércules.
20:00 h. Marilar Aleixandre asina Santiago de Compostela desde dentro, publicado por Alvarellos.

Compostela: actividades destacadas do 15 de xuño na Feira do Libro 2020

O 15 de xuño continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Néstor Blanco asina Lingua guapa. Cantos que contan, publicado por Galaxia, en coautoría con Fina Casalderrey.
19:00 h. Aurora Marco asina Irmandiñas e Foula e ronsel, publicados por Laiovento.
20:00 h. Iolanda Aldrei asina Entrecortar, publicado por Através Editora.

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar”

Entrevista de Raquel C. Pérez a Xosé Manuel Sánchez Rei en Nós Diario:
“Un encargo foi o punto de saída de Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei que viu a luz en maio da man de Editorial Canela. Un percorrido pola vida do músico e artesán que reuniu nun único espazo tradición e innovación. E puxo nome a un legado que continúa vivo. (…)
– Nós Diario (ND): Tivo que acumular un bo feixe de anécdotas nos primeiros anos do obradoiro.
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Unha das máis comentadas é como se chegaba até alí. Unha estrada vella, con moitas curvas, que impón moito respecto. E unha vez que alguén chegaba canda Seivane tiña que tocar unha melodía, unha peza para deleitalo. Era habitual chegar pola mañá e que houbese un gaiteiro de Vigo que pedira un fol, outro doutra zona que quería arranxar un punteiro e outro a palleta. Era como un centro de encontro para moitos gaiteiros da época. Naquel momento funcionaba o teléfono, como se conseguiu que chegase ao obradoiro é outra historia en si mesma, pero moitas encargas chegaban directamente por carta.
– ND: Xosé Seivane bebe da tradición, mais fica claro que non tivo medo a innovar. Que papel xogaron os músicos-clientes nas súas investigacións?
– XSMR: Seivane sempre tivo un ouvido atento ao que lle pedían os gaiteiros. Ía un gaiteiro ou gaiteira e dicía “esta gaita afina moi ben, pero quero que afine coa técnica aberta e mais coa fechada”. El investigaba durante meses como ter un punteiro que afinase coa técnica moderna e coa antiga. A evolución da gaita foise marcando polas relacións entre gaiteiros e gaiteiras e artesáns. Ese foi outro dos méritos que ten como artesán, Seivane sempre estivo investigando para conseguir máis posibilidades do instrumento. (…)
– ND: Cal era a súa concepción do instrumento e mais da música tradicional?
– XSMR: Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar constantemente. Para el a gaita era o instrumento nacional da Galiza. Sen nunca perder de vista o pasado, el foi capaz de facer que evolucionase a mellor. Polo que teño escoitado del, sempre dixo que había que dignificar a música tradicional galega, poñéndoa á altura correspondente aos seus músicos e músicas. Hoxe escoitamos unha gaita nunha romaría, nunha feira, nunha alborada, pero tamén nun escenario cunha orquestra sinfónica de fondo. E iso é tamén grazas a Seivane. (…)”

Compostela: A escrita e a fala na rede

Con motivo das Letras Galegas, ante a imposibilidade de poder realizar actividades culturais no interior da libraría, presentámosvos “A Escrita e a Fala na rede”, unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, unha viaxe a través da súa obra da man de Henrique Rabuñal, Pilar García Negro e Héctor Cajaraville, transmitido en directo a través da conta en Facebook da Libraría.
– Xoves 14 ás 19:00: encontro con Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O Anxo da Terra (Ed. Galaxia).
– Venres 15 ás 19:00: encontro con María Pilar García Negro, autora de Ricardo Carvalho Calero: A Ciencia ao Servizo da Nación (Ed. Laiovento).
– Sábado 16 ás 12:00: encontro con Héctor Cajaraville, autor de Ricardo Carvalho Calero. A Pegada do Compromiso (Ed. Xerais).

María Xosé Queizán le un fragmento de Vivir a galope

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Vivir a galope por parte da súa autora, María Xosé Queizán, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Héctor Cajaraville: “Quixen sobre todo deixar claro o compromiso permanente de Carvalho Calero coa lingua como creador, como intelectual e como docente”

Entrevista a Héctor Cajaraville na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Esta [Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso] é a segunda biografía sobre o protagonista do Día das Letras Galegas que escribe para Xerais, despois da dedicada en 2019 a Antonio Fraguas. Como foi desta volta a experiencia? Vostede é docente de lingua e literatura galegas. Que imaxe tiña de Carvalho Calero antes de escribir esta biografía e que descubriu del ao emprender a escrita deste libro dirixido a un público que se move entre a primaria e a secundaria?
– Héctor Cajaraville (HC): Ademais dos títulos das súas obras e algún episodio clave da súa vida, pouco máis sabía. Coñecía, por suposto, toda a polémica suscitada pola súa deriva cara á confluencia entre galego e portugués e algunhas opinións sobre a súa personalidade ou o seu carácter. E algo que a min me afectaba máis como biógrafo: fixérame á idea de que se trataba dun individuo gris e aburrido que non habería modo de “vendérllelo” aos rapaces e rapazas… Todos eses panos foron caendo e fun descubrindo unha personalidade fascinante, un intelectual pioneiro en moitas das súas múltiples facetas, arriscado, comprometido e valente, o que trouxo consigo a súa marxinación no ámbito académico e intelectual, e mesmo que tiña unha traxectoria vital interesante e atractiva.
No caso de Antonio Fraguas a tarefa xa non foi doada, pois non era o típico homenaxeado no Día das Letras Galegas dos últimos anos, con obra literaria infantil e xuvenil, cunha traxectoria coñecida a nivel xeral. Carvalho Calero, outro tanto, así que o traballo de novo non era fácil. Había que empezar polo máis básico: datos biográficos, obra publicada, recoñecementos… Pero, sobre todo, convencer o alumnado de que este autor non só era merecente da homenaxe que supón dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano, senón de que foi alguén que se dedicou en corpo e alma á lingua e á literatura, e incluso de que tivo unha traxectoria vital que paga a pena coñecer.
Algúns elementos xogaron ao meu favor, ademais dos múltiples escenarios en que transcorreu a súa vida, o que sempre axuda a artellar un relato máis ameno. Por exemplo, o variado da súa obra literaria (relatos curtos, textos infantís, narrativa, poesía, teatro…), que lle dá ao libro un dinamismo que non tería alguén que só cultivou a poesía ou o teatro, ou o seu labor académico, no que foi pioneiro en varios aspectos. E logo está tamén esa cuestión do outsider, do incomprendido, do que vai quedando só… Iso tamén posúe un innegable atractivo literario. Na parte das complicacións, o meu medo era abordar todo o relativo á preferencia lingüística de Carvalho Calero de xeito parcial, incompleto ou difícil de entender. Pero penso que esta cuestión quedou suficientemente clara: hai un capítulo enteiro do libro dedicado a isto, probablemente o capítulo no que investín máis tempo para a súa redacción.
– RAG: Como concibiu o libro?
– HC: Como unha especie de relato que avanza con fluidez e que só se detén nos momentos transcendentais na historia do autor, nos que a súa personalidade se mostra con maior claridade: a morte da nai cando el era aínda un neno, o seu namoramento de Santiago cando chega para estudar na súa universidade, o estalido da guerra civil –que o sorprende en Madrid presentándose a unhas oposicións–, os seus anos na fronte e no cárcere, a súa condición de represaliado durante máis dunha década, a súa capacidade de superación –acabou aprobando aquelas oposicións con 54 anos–, unha entrega á docencia que o leva a seguir traballando unha vez xubilado… Pero sobre todo quixen que quedase claro o seu compromiso permanente coa lingua, como creador, como intelectual e como docente. Un compromiso que o levou, como el mesmo recoñeceu, a abandonar a súa vocación de escritor, sobre todo de poeta, para desenvolver outro tipo de angueiras: elaborar unha gramática da lingua practicamente en solitario, abordar unha historia da literatura galega como nunca antes se fixera, compartir o seu coñecemento cos demais, abandeirar todo tipo de actos vinculados á defensa da lingua… (…)”