Arquivo da categoría: Comunicados e manifestos
Santa Cruz, Oleiros: Música e poesía aberta ao mar
Asociación Internacional de Estudos Galegos: “O abril máis produtivo para os Estudos Galegos”
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2015
Actividades promovidas pola AELG no Día de Rosalía, 24 de febreiro
Ás 19:00 o Grupo Bilbao convoca unha lectura de poemas de Rosalía diante da que fora a súa residencia madrileña, na rúa Ballesta, 13.
A RÚA DE VALDEORRAS
Como cada ano, está a celebrarse nos Concellos, tras aprobación dos seus plenos, a data do nacemento de Rosalía de Castro, coa lectura da súa obra en bibliotecas públicas ou naqueles lugares que dispoñan os Concellos. No Concello de A Rúa de Valdeorras lévase celebrando dende hai catro anos. Este ano terá lugar na biblioteca pública municipal sita na rúa Hermanos Losada, 15 (Casa da Cultura da Rúa).
Hoxe, 24 de febreiro, o alumnado dos centros Pablo Sexto, I.E.S. Cosme López Rodríguez, Colexio Manuel Respino, Taller da Memoria e público en xeral, teñen unha cita co mundo rosaliano ás 19:30 h.
#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”
Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”
Compostela: acto central de #EuSonRosalía, no Panteón de Galegos Ilustres
Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
Lectura do Manifesto da AELG.
•Rosalía Fernández Rial, vogal da AELG.
Lectura de poemas rosalianos:
•Xosé Iglesias: “O mar castiga bravamente as penas”
•Viki Rivadulla: “Tecín soia a miña tea”
•Mónica Caamaño: “A xusticia pola man”
•Fran Barcia: “Nosa Señora da Barca”
•Xosé Mª Lema: “Nosa Señora da Barca”
•Ledicia Costas: Fragmento do prólogo de Follas Novas
•Fernando Patricio: “¡Mar!, cas túas augas sin fondo”
•Paula Carballeira: “Soia”
•Isabel Vaquero: “Miña casiña, meu lar”
•Xurxo Souto: “Mentres eu peno”
•Isabelle Kerdudo: “¡Pra a Habana!”
•Andrés Collantes: “Sin Niño”
•Mercedes Queixas: “Tal como as nubes”
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
Actuación de Uxía.
Ofrenda floral.
Compostela: Polas fillas dos nosos fillos. Maniféstate pola Lingua, convocada por Queremos Galego
Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.
O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.
A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas. Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüística. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita.
Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política.
O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total. Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego
Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social.
Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo, para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.
Rosalía de Castro aterece, proposta da Plataforma de Crítica Literaria A Sega
Desde A Sega:
“E madía leva non aterecer! As razóns poderían ser evidentes: Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos.
Mais debaixo da pedra fría nosoutras sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria. Unha obra que apela a todas nós porque fala de nosoutras, fala das que cantamos, das que traballamos, das que rimos, das que padecemos, das que queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada. Ela ensinounos a camiñar mentres outros ladran, a buscar amores que nos queiran ben, ou a convivir coa soidade. Abriu a porta para que as que hoxe somos poidamos escribir o que nos pete, dende o patrón dunha chaqueta ata unha novela.
Por todo iso estamos certas de que Rosalia de Castro (RdC) non pode ficar máis á intemperie. Debémoslle polo menos a calor que nós aínda temos como vivas herdeiras do seu xenio. Ela ensinounos que todas sabemos cousas, que a nosa voz é importante. De aí que dende A Sega fagamos esta convocatoria aberta a todas as mulleres que queiran unirse a ela. O obxectivo é ben simple: cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor.
Descrición da actividade
A proposta da nosa actividade é moi sinxela:
– A nivel individual ou colectivo animamos a todas as mulleres a tecer calquera peza, dende unha bufanda a un chal que poida cubrir un busto ou estatua de Rosalía de Castro na súa vila ou lugar próximo.
– O día 24 de febreiro, día do nacemento de RdC, sairemos cubrir as estatuas en todos os lugares. Se as participantes queren organizar algún acto como unha lectura ou convidar a algunha escritora, cantante ou artista para acompañalas A Sega pode botar unha man á hora de organizar estes actos.
– As participantes deberían facer unha foto de cada unha das estatuas para poder despois darlles difusión a través das redes sociais e facer un mural con todas elas.
– As participantes poden solicitar permiso ao Concello correspondente para vestir a RdC, se ben os Concellos non adoitan poñer problema ante este tipo de accións (simplemente retirarán o “vestido” unha vez pase o acto se as participantes deciden deixalo no lugar concreto).
– Para calquera dúbida podedes contactar con nós no 606274507 (Susana).
A Sega.”