A AELG adhírese á Homenaxe Nacional a Camilo Nogueira

ACamilo Nogueira Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega adhírese á Homenaxe Nacional a Camilo Nogueira que terá lugar mañá, 11 de novembro, a partir das 19:00 horas, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, destacando o inmenso valor das súas achegas á escrita ensaística, tanto no ámbito historiográfico como no da atenta análise económica, social e política. É un motivo de orgullo para a AELG contar coa súa participación como escritor no noso colectivo, e desexamos que o seu caudal creativo continúe abrindo horizontes para a cultura, lingua e sociedade galegas.

Teresa Moure: “Procuramos facer visible a nosa invisibilidade”

Desde 2016110413431224782Sermos Galiza (foto de Natalia Porca):
“Na quinta feira foi presentado o manifesto O Fim do Apartheid na libraría Pedreira, en Compostela. No acto interviron Teresa Moure, Suso de Toro e Verónica Martínez Delgado. Comeza Moure presentando o proxecto nun espazo acolledor en fronte dunha multitude de olladas. O manifesto nace por mor da iniciativa de Mário Herrero, quen sentiu a desigualdade que sofre a corrente reintegracionista. De aí que se plantexasen escreber unha serie de artigos e pedir sinaturas para o manifesto. “Hoxe a cifra é inmensa”, comenta Moure.
O segundo ponto do manifesto é a conciliación. Afástase do núcleo clásico do reintregracionismo para centrar o interese no día de hoxe. Na modernidade. Mais tamén é humilde. En canto a esta cuestión, afirma Moure que moitas persoas acusáronos de vitimistas. Ao que ela respondeu: “denunciamos por iso, porque somos vítimas”. Por outra banda, non é proselitista, senón que procura crear unha cultura cooperativa.
O cuarto ponto pretende apelar contra a discriminación que padecen as escritoras e escritores que escreben na forma internacional do galego. O obxectivo é rematar co Apartheid. As editoras e concursos rexeitan as obras escritas nesta forma. Iso implica que non se difunden, e sen coñecemento non hai recoñecemento.
Durante a apresentación do manifesto, interveu Suso de Toro, quen aclarou que estamos ante un asunto de xustiza. “Néganselles dereitos como cidadáns”. Verónica Martínez Delgado fala desde a experiencia. Explicou sucesos persoais nos que sente a marxinación. Neste sentido, tamén Teresa Moure engade que desde que comezou a escreber de xeito “non normativo” pecháronlle as portas moitas editoras. (…)”

Compostela: presentación do manifesto O fim do Apartheid

A quinta feira 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago de Compostela, preséntase o manifesto O fim do Apartheid. No acto participan Suso de Toro e Verónica Martínez Delgado, asinantes do mesmo, para alén dunha representación do grupo promotor dese manifesto.

Asociacións de escritoras/es e tradutoras/es piden unha mudanza na regulación do préstamo en bibliotecas

Os/AsAELG Logo 2-2015 escritoras/es e tradutoras/es, a través das principais asociacións que os/as representan, entre elas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, solicitaron nunha carta aberta unha mudanza na lexislación que regula o préstamo público dos seus libros, co fin de obteren unha remuneración xusta polo uso dos seus libros nas bibliotecas. No seu escrito propoñen, por unha banda, un pagamento centralizado a cargo do Estado e as Comunidades Autónomas; e, por outra, unha tarifa non simbólica que garanta unha remuneración axeitada, acorde coa doutros estados europeos. “Levamos case 25 anos sen unha normativa xusta, equilibrada e eficiente na materia”, explican.
Deste xeito, as entidades que subscriben a carta propoñen a aplicación real dun dereito dos/as creadores e creadoras tamén no Estado Español, mais sen que o goce dese dereito se faga repercutir nos usuarios deses servizos, senón en quen debe ter a responsabilidade de velar pola nosa cultura, e consecuentemente debe velar tamén porque aos creadores e creadoras se lles garantan unhas retribucións dignas e xustas polo seu traballo, que é a primeira pedra dun produto do que toda a cadea da industria cultural obtén beneficios económicos.
O texto da carta aberta, que farán chegar ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e ás Consellerías de Cultura, é o seguinte:

Escritores/as e tradutores/as, por unha remuneración xusta para o préstamo público

Os/As escritores/as e tradutores/as temos recoñecidos a nivel europeo, en virtude da Directiva 92/100, o dereito a sermos remunerados/as polo préstamo dos nosos libros en bibliotecas e institucións similares. Con todo, este dereito non está a ser efectivo no Estado Español, o que supón unha clara discriminación respecto dos nosos colegas doutros estados da Unión Europea.
É preciso, a ese respecto, ter moi claro que esta remuneración se xera como consecuencia dunha excepción puntual ao dereito de autor/a, unha figura xurídica que podemos asemellar a unha especie de expropiación á propiedade intelectual dos/as creadores/as.
É a propia Unión Europea quen recoñece, por unha banda, que calquera esforzo creativo e artístico esixe uns ingresos suficientes que sirvan de base a novos traballos e, por outra, que só unha regulación axeitada permite garantir esta remuneración.
O certo é que a lexislación española non foi capaz de garantir esta remuneración e os/as autores/as e editores/as levamos case 25 anos sen unha normativa xusta, equilibrada e eficiente na materia.
No entanto, na maior parte dos países europeos levan máis de dez anos recoñecendo este dereito e aplicando políticas activas para que autores/as e tradutores/as reciban a remuneración que lles corresponde. A realidade no Estado Español é moi distinta: aprobouse primeiro unha lei e logo un regulamento que imposibilitan de feito que os/as autores/as reciban este pagamento. Primeiro, porque sitúa nos concellos a obriga de remunerar ese dereito, o que supón acudir a cada un deles a facer efectiva a remuneración (algo que, na práctica, o imposibilíta) e, en segundo lugar, pola escasa contía da mesma, máis de cen veces por baixo das de países como Italia ou Polonia e máis de mil respecto das de Francia ou Alemaña.
Cando desde todos os ámbitos está a exporse a necesidade de homoxeneizar a lexislación de tal xeito que iguale en dereitos á cidadanía dos distintos países da Unión, é un contrasenso a situación que os/as autores/as vivimos no Estado Español.
Por este motivo demandamos unha mudanza urxente na lexislación do noso estado para axeitala ao mandato europeo, co fin de que os/as autores/as sexamos remunerados/as xustamente polo préstamo público dos nosos libros. Para iso propomos:
– Un pagamento centralizado a cargo do Estado e as Comunidades Autónomas, que se responsabilizarán da información.
– Unha tarifa non simbólica que garanta unha remuneración adecuada, acorde coa doutros estados europeos.

Entidades asinantes
A carta aberta foi asinada polas seguintes asociacións: Asociación Colegial de Escritores (ACE), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA), ACE Traductores (ACEtt) e Asociación de Escritores de Euskadi / Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE/EIE).

Moción da A. C. Ergueitos ao pleno do Concello de Sarria

“Desde a Agrupación Cultural Ergueitos tomamos a decisión de presentar unha moción ao pleno do Concello de Sárria para que as bases do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño se manteñan tal e como son desde a primeira edición do ano 2000 no seu punto 7º:
7- “A obra premiada… será publicada pola editorial Espiral Maior”.
A nosa intención é acompañar a moción cunha relación das persoas que a apoien. Para iso enviamos copia dela e pedímosvos que nos enviedes un correo (ergueitos@gmail.com) co voso apoio.
Moitas grazas pola vosa axuda.

María Casar.
Presidenta da A. C. Ergueitos”

Este é o texto da moción: mocion-a-c-ergueitos-outubro-2016.

mocion-ergueitos-2016-1mocion-ergueitos-2016-2

A. C. Ergueitos: Espiral Maior e o Fiz Vergara Vilariño

“A Agrupación Cultural Ergueitos comezou no ano 2000 o traballo de deseño e posta en marcha dun premio de poesía que levara o nome do poeta louzarín Fiz Vergara Vilariño. Foi unha decisión tomada dende a xustiza da súa valía poética e dende o afecto. E dende o inicio do proxecto, hai case vinte anos, o concello de Sarria estivo apoiando o premio, fomentando a difusión da poesía e da cultura e poñendo a Sarria no centro mesmo da vida cultural galega.
O Fiz recibiu o cariño do pobo de Sarria dende sempre e tamén iso se lle manifestou dende as institucións foran estas dirixidas por uns ou outros partidos políticos. O Fiz por méritos propios está chamado a ter un Dia das Letras Galegas máis cedo que tarde. E iso tamén importa .
O seu nome asignóuselle a unha rúa sendo concelleira de cultura polo PP Fe Vázquez Morán a finais dos anos noventa do século XX e o Fiz Vergara de poesía comezou a andar con Francisco Pérez como concelleiro de cultura nos inicios deste século, e dende hai 16 anos estivo organizado con gobernos municipais dos diferentes grupos políticos: PP, PSOE, Independentes, BNG… Institucionalizouse. E os labores organizativos recaen na A. C. Ergueitos.
É un premio de poesía que non aspira a máis que a render tributo a un poeta da nosa comarca e dar difusión aos gañadores e gañadoras do certame. Que se prepara con solidez e na procura unicamente da mellor obra de cada edición. Que se recoñece en todos os círculos culturais galegos e tamén é referencia noutros lugares do estado. Un premio que na difusión mesma das bases viaxa até todos os continentes e latitudes e busca manter a conexión coas galegas e galegos que viven no exterior.
O nome dun poeta e da nosa vila viaxan nas palabras até calquera recuncho onde haxa unha lectora ou lector de poesía ou alguén que estude a cultura galega contemporánea. Un proxecto cultural vinculado ao excelente labor dos membros de cada xurado que traballan e len con dedicación extrema para escoller cada ano entre o case centenar de obras que se presentan (superando no número con moito aos recibidos na maioría dos certames convocados) merece un pouco de seriedade.
Reprobar as declaracións dun deputado das Cortes é unha decisión política máis do xogo no que se entra no exercicio da política. Vincular as palabras de Miguel Anxo Fernán Vello co premio de poesía Fiz Vergara Vilariño é un despropósito. Primeiro porque as fixo Fernán Vello no seu nome e non no da editora Espiral Maior (de ser dende a responsabilidade de director da empresa sería outra cousa). E por dicir que sería case infinita a listaxe de empresas que polas declaracións dalgún dos seus directivos ou propietarios terían que ser reprobadas. E segundo e máis importante que o anterior porque Miguel Anxo Fernán Vello non ten responsabilidade na dirección de Espiral Maior dende hai meses. É dicir estase reprobando a Espiral Maior “per se”. A editorial Espiral Maior ten un administrador que non é Fernán Vello, el non forma parte da estrutura da editorial. Así está escriturado e así consta no Rexistro Mercantil. É bo documentarse.
Para reprobar a Espiral Maior deberíanse empregar argumentos que afecten ao cumprimento dos seus deberes neste premio. Da consecución dos compromisos adquiridos e do desenvolvemento do estipulado nas bases. Forma parte das bases que a obra premiada será editada en Espiral Maior porque é unha editorial de recoñecido prestixio, valorada polas poetas e os poetas como a mellor plataforma para chegar ao público lector. Cuns case 300 títulos editados na colección na que se inclúe o Fiz Vergara de poesía e cen máis noutras coleccións. Con 25 anos de dedicación á edición de poesía que fan dela un aval para o premio.
Non só estamos tratando da empresa editorial Espiral Maior. Estamos falando do Premio que nos enriquece como concello e como comarca e que vai unido indefectiblemente ao nome de Sarria.
A poesía, e a cultura están por riba deste debate político. Porque son iso: POESÍA, CULTURA. PALABRA ESCRITA QUE SE FAI VENTO PERO PERMANECE.

MARÍA CASAR.
PRESIDENTA A.C. ERGUEITOS
Sárria 1 de outubro de 2016″

Meira: IV Festa da Afirmación e Dignidade

imm_irimia-2016

Faleceu Agustín Fernández Paz, Socio de Honra da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda do seu Socio de Honra Agustín Fernández Paz, quen na súa escrita e traxectoria persoal conciliou tenrura e dignidade.

Foi proposto pola AELG para o Premio Nobel de Literatura en 2015 e 2016. A AELG tamén impulsou o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Hoxe, martes 12 de xullo, desde 17:00, velatorio na sala 9 do Tanatorio de Pereiró e mañá mércores, a partir das 10:00 h. Tamén mañá, no Salón do Tanatorio, acto civil na súa memoria ás 19:00 horas.

_NIK6616

A páxina web da AELG superou os 24 millóns de visitas

UNHA WEB AO SERVIZO DA NOSA ESCRITA

OsAELG Logo 1-2015 datos de que dispomos constatan un crecemento progresivo (superáronse os 10 millóns de visitas en febreiro de 2012, os 15 millóns a finais de 2014 e os 20 millóns a fins de 2015) desde a súa creación en 2003.

Para nós, a web é unha casa aberta á espera de recibir convidadas e convidados a calquera hora, pois temos sempre dispoñible este espazo para fecundar o coñecemento e a paixón pola nosa escrita. Aquí tedes un pequeno roteiro:

No Centro de Documentación pode accederse aos materiais xerados polos escritores e escritoras, así como á súa actividade social; a Fototeca permite axudar á súa visibilización; a Videoteca achéganos a presenza audiovisual, con lectura das obras e entrevistas ás autoras e autores; a Literatura na rede conéctanos cos seus outros espazos persoais en internet, ao tempo que podemos coñecer a información sobre os premios literarios de interese e achegármonos tamén ás obras editadas pola propia AELG.

Se queredes coñecer mellor a asociación, aquí explicamos que é, como asociarse e os servizos que prestamos. Tedes tamén información sobre as nosas actividades, os manifestos e comunicados e, entre outras cousas, a nosa repercusión nos medios.

Para alén do anterior, podedes visitar e dar uso ao Espazo Didáctico, as actividades da Escola de Escritoras/es, a sección do Territorio do/a Escritor/a, o espazo de Palabra Audiovisual, o universo da Sección de Literatura de Tradición Oral ou o traballo de recuperación das Palabras con Memoria, entre outros apartados da web.

As seccións máis visitadas até agora son, por orde, o Centro de Documentación, dentro da que destaca nomeadamente a Fototeca, seguidas pola dedicada aos Roteiros Literarios no Territorio do/a Escritor/a, e a continuación a sección de Escritores/as do mes.

Desde 2005, data en que se puxo en marcha o Centro de Documentación e foi desenvolto un entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como o Espazo Didáctico, a páxina recomezou a súa andaina tal e como a coñecemos hoxe, enriquecéndose progresivamente con diversas actualizacións e novos contidos. Para 2016 o esforzo centrarase na ampliación da sección “Fototeca”, para convertela noutra de maior entidade, “Arquivo fotográfico dos/as escritores/as”, que permita xunguir os contidos existentes na web, tanto na propia Fototeca como nas respectivas galerías fotográficas das actividades da AELG. Esta nova plataforma permitirá a socios/as e visitantes da web, ao estilo do que se fai nunha rede social como Facebook, subir e etiquetar fotos relativas ao sistema literario galego, contando cun sistema de administración que permita revisar os contidos achegados antes de se faceren públicos.

Na AELG parabenizámonos por terse convertido xa a páxina web nunha ferramenta central para o coñecemento e divulgación da literatura galega entre todas aquelas persoas e entidades que manifestan interese polas nosas letras, ás que agradecemos as visitas que lle dan vitalidade e un uso crecente deste espazo, razón fundamental da súa creación e mantemento. E, evidentemente, convidamos a toda a cidadanía a coñecer máis e mellor a creatividade cultural que enriquece, desde a nosa lingua, o desenvolvemento individual e colectivo, mostrando a capacidade de indagación e reflexión sobre o existente e, ao tempo, dándolle corpo á imaxinación para iluminarmos o futuro desde a escrita.

Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias na I Gala do Libro Galego

“Amigas GalaDoLibroGalego2016e amigos autoridades das institucions políticas, sociais e culturais do noso país, a Gala do Libro Galego faise realidade hoxe como día de celebración do libro da cultura das letras galegas no marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

No noso texto fundacional diciamos e dicimos hoxe que: Para os Escritores, Editores e Libreiros é un día de celebración e un día de reivindicación dun sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nesta lei, o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultura e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade.

É esta realidade a que queremos axudar a mudar. Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.

Precisamos o desenvolvemento dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos un plan de apoio á rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. Sen esquecermos a todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, bibliotecas, e centros de ensino, animadores e centros socioculturais entre outros.

Para poder conseguir estes fins precisamos da recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; cunha Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico para o libro Galego, cun programa de potenciación do comercio exterior para o libro.

Precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega na Galiza e no exterior; da existencia de plans anuais de lectura.

É inaprazábel converter a defensa das librarías nun asunto de Estado para poder defender o libro como produto de excepcionalidade cultural.

Precisamos dunha maior dotación orzamentaria para o desenvolvemento dun sistema de adquisición de novidades editoriais galegas, coa creación dunha liña específica de axudas para a edición de grandes proxectos editoriais e obras de interese galego.

Agardamos que os medios de comunicación de titularidade pública estexan implicados en dar visibilidade á cultura galega e ao libro en Galego en concreto en horarios de máxima audiencia.

Sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.

Os escritores e escritoras damos os contidos culturais ás diversas industrias do noso país, mais somos tamén moito máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser vivo cunha identidade colectiva propia, imborrábel. Da mao das nosas editoriais e máis do tecido das librarías levamos a todo o corpo social o libro, a seiva nutricia da nosa cultura. É a nosa responsabilidade a de crear lectores e lectoras con capacidade crítica.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe celebramos por vez primeira? A de engadir a necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo de sobredimensionamento de certa cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este ano, 2016, toda Galiza está a celebrar a un poeta, Manuel María, mais sobre todo está a celebrar ao galego que tivo sempre como norte esta Terra e as mulleres e homes desta Terra. Soñando sempre unha lingua, orgullosa de seu na voz das nenas e dos nenos.

Este ano celebrase tamén o centenario das Irmandades da Fala. As que colocaron a Galiza como centro de decisión e suxeito do propio devir e á cultura galega como alma dinamizadora do seu ser social. Eles foron visionarios ao lle dar un valor fulcral ao seu labor editorial, como forma de vertebrar unha cultura. Eles foron escritores, e foron editores de libros e prensa. Lendo os textos dos homes e mulleres das irmandades da fala sobre os problemas da cultura do seu tempo, resultan dolorosamente actuais, mais alentadores eles no ánimo que demostraron nesta angueira que era a súa e é a nosa. Grazas a elas e eles estamos hoxe aquí. Somos o camiño que vén do pensamento, da palabra, das arelas das xentes das irmandades e queremos ser legatarios desta herdanza.

O libro é un lugar para a memoria que transgrede o tempo, un espello, un Mestre, co que crear e recrear o mundo que fomos capaces de fundar.

O libro toma unha nova dimensión, neste tempo dunha perversa sobreinformación, que sepulta a capacidade de comprensión e que leva a banalizar as causas dos problemas que traen a dor ao ser humano e que banaliza entre delas, a emigración nas súas máis sutís formas que arrinca á xente da súa terra coma árbores, en palabras de Juan Gelman, e anulan a capacidade dos pobos para determinar o seu futuro.

Somos unha das máis antigas culturas da Europa e querémola na altura ética e solidaria que a soñaron, Rosalía, e Pasolini, Víctor Casas e Virginia Woolf, Maruxa Mallo e Pere Gimferrer, somos un dos pobos que a axudamos a construír cando viñeron a se ollar no espello do serán de Compostela porque previamente tiñamos construído unha inmensa tradición.

Parafraseando ao noso Escritor Galego Universal:
“A Lingua determina en parte o que un escrebe mais é a tradición literaria de cada lingua a que ven ter un peso enorme”. Afortunados os que temos unha tradición como a Nosa. É esa tradición a que nos dá, en palabras de Otero Pedraio, a Conciencia que vive na zona íntima intraducible e libre do pobo galego. A que nos dotou e dota da conciencia de sermos e crear, aquilo que nos dá a capacidade de dialogar con outras culturas enriquecéndonos, sen sermos asimilados, que dicía Don Ramón Otero Pedraio no seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, sobre todo posibilita o coñecemento do ser colectivo que somos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen editores, libreiros e escritores que fixeron e fan nacer a palabra nova. Cos nosos libros arrincarémoslle á dura pedra da realidade algunha faísca de verdade.

Artesáns da palabra, orfebres do idioma, comprometémonos coa tarefa de convertelo nunha lingua de ouro, como acuñara Pondal. Compartimos con Pere Gimferrer a tarefa de conquistar para a nosa lingua e a nosa literatura territorios aínda non explorados, como así ten feito o noso poeta coa Lingua e a literatura catalá.

Editores coma Ánxel Casal ou Álvarez Blazquez que ao publicar crearon e recrearon mundos. Libreiros coma Antón Patiño Regueira, ou Manuel María e Saleta que nos axudaron a atravesar, tantas, e tan longuísimas, noites de pedra, creando lugares de comunicación entre o texto escrito e editado co lector. Eles e elas fundaron librarías como ágora de civilidade ou íntima praza pública.

E antes de lle dar paso ás e aos protagonistas esta noite, permitídeme unha lembranza fraterna para os que partiron e fican humildes na sua obra.
O escritor Xosé Fernández Ferreiro que hoxe é esparexido orballo na Horta da súa casa natal en Nogueira de Ramuín. O escritor e teólogo Xosé Chao Rego, que pensou para nós esta Terra como lugar da solidaria irmandade, como o sempre paraíso. Na súa Gres natal Xosé Neira Vilas xace xa en matrimonio eterno con Anisia Miranda, a escoitar soñador o merlo, o paporroibo, nalgún marmeleiro en flor. No mar de Vigo, María do Carme Kruckenberg, vogando de alma elegante, seguirá a tecer un tempo Novo para a tenrura. O xornalista e escritor Ramón Lugrís Pérez, que seguirá a percorrer, dende o seu Ferrol natal, a Europa, para nos dar noticia de todo lugar onde os dereitos deixaron de ser humanos. En Moaña, o Libreiro Benxamín Riobó, para sempre na súa inacabada xuventude partiu a camiñar os areais do alén onde sempre hai unha libraría onde se acoller e nos acariñar a alma.

Entre todos e todas alimentaron o que somos e o que soñamos ser.

Sede benvidas e Benvidos a este acto de amor ao libro Galego, ás librarías, a este acto de reivindicación da escrita en Lingua GALEGA como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación do ser colectivo que somos e do que nos orgullamos e que se chama Galiza.

Cesareo Sánchez Iglesias
En representación da AELG, AGE e a FLG.”