Arquivo da categoría: Día das Letras
Guitiriz: o centenario de Díaz Castro inaugura os actos do ano dedicado ao poeta
Desde Sermos Galiza:
“O ano no que a Academia decidiu adicar o Día das Letras Galegas a Díaz Castro é tamén o do seu centenario. Será o próximo 19 de febreiro a data na que con distintos actos en Guitiriz se conmemore os cen anos do seu nacemento, saída tamén para un ano de festexos arredor do autor de Nimbos, levados adiante pola A. C. Xermolos.
Unha ofrenda poético-floral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no cemiterio de Guitiriz ás 17.00 horas iniciará unha sesión de tarde na que se darán cita no concello natal de Díaz Castro algunhas das máis madrugadoras iniciativas do ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Será ocasión tamén para inaugurar a exposición Nimbos de luz da Xunta, que quedará aberta na Casa Habanera e que conta con Alfonso Blanco -amigo e estudoso do autor- como comisario nun acto que contará tamén coa intervención do escritor Luís González Tosar e o investigador e crítico Armando Requeixo, autor a súa vez da primeira biografía do ano arredor do autor titulada Xosé María Díaz Castro. Vida e obra que se presentará a seguir.
A estrea do documental O instante eterno. de Xosé A. Cascudo, porá fin á xornada de homenaxe aberta ao público en Guitiriz, concello no que, desde primeiras horas da mañá, a lembranza será continua, de parte do alumnado da comarca, en especial, do centro que leva o seu nome.
O programa escolar comezará ás 10:30 coa visita á exposición por parte dos CEIP de Parga e Guitiriz. O espectáculo musical Zapatiños para Díaz Castro, de 2naFronteira inclúese tamén nunha xornada e mañá na que desde as 12:30 están convidados os colexios de Friol e o IES Urbano Lugrís da Coruña á festa da aniversario de Díaz Castro.”
Guitiriz: Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais, por Xosé Antón Cascudo, os 22 de febreiro, 1 e 8 de marzo
Margarita Ledo suma a súa curtametraxe ao Proxecto Nimbos
Desde Sermos Galiza:
“Noite do mundo é o poema que a directora de cine e académica Margarita Ledo Andión recrea na curtametraxe coa que participa no Proxecto Nimbos do blog Acto de Primavera, creado polos autores, críticos e programadores Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande. Con imaxes evocadoras e poéticas, é a propia voz da autora a que recita os versos de Díaz Castro, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e protagonista do proxecto que convoca a máis de trinta cineastas. Margarita Ledo é autora, entre outros, dos filmes A cicatriz branca, Liste, pronunciado Líster e Santa Liberdade.
José Antonio Cascudo: “Nimbos rexeita aparatos teóricos e ideolóxicos, é unha obra mestra ao sentido común”
Entrevista de Montse Dopico a José Antonio Cascudo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como comezas a recadar información sobre Díaz Castro? Xa coa idea de facer un documental?
– José Antonio Cascudo (JAC): A orixe de O instante eterno foi unha conversa con Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a comezos do 2011. Daquela ían cumprirse cincuenta anos da publicación de Nimbos e os dous coincidimos en que era necesario difundir a figura de Díaz Castro coa vista posta no seu centenario (que se celebrará dentro dunhas semanas, concretamente o 19 de febreiro). Pensamos que o mellor xeito de chegar ao público era a través dun traballo audiovisual. Alfonso entusiasmouse tanto coa idea que aquela mesma tarde visitamos o Vilariño, lugar da parroquia dos Vilares onde naceu Díaz Castro, de onde inevitablemente debería partir o relato. Mentres estabamos curioseando pola aldea pasou por alí unha veciña que se parou a falar connosco, entón Alfonso díxolle: “Imos facer unha película sobre o poeta”. Nese momento deime conta que xa non había volta atrás, coñecendo a capacidade de persuasión dunha persoa que leva case catro décadas sendo o epicentro do activismo cultural da Terra Cha. (…)
– MD: Un dos aspectos que salienta o documental é a conexión de Díaz Castro tanto cos poetas anteriores como cos posteriores. Ambas cuestións analízanse, fundamentalmente, a través de entrevistas: Félix Villares, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco… Que quixestes salientar máis, sobre iso?
– JAC: Utilizamos as entrevistas porque nos parecía o xeito máis asequible para vertebrar o relato e ao mesmo tempo tocar o espectador no aspecto emocional. Díaz Castro recoñecía que nos Vilares non atopara as condicións propicias para escribir, pero que ese clima si se daba no Seminario de Mondoñedo onde había tal bulir creativo que de alí xurdiu unha escola poética propia, a Escola da Terra Cha. Alí se enmarca o seu nacemento como poeta, á sombra de Noriega, Crecente Vega e sobre todo do seu mestre, Aquilino Iglesia. Esta etapa requiría un exame profundo, a través de dous especialistas como Félix Villares e Armando Requeixo, xa que nos “cadernos poéticos mindonienses” Follas Verdes (1934) e Follas ao aire (1935) atopamos o xerme de Nimbos, incluso xa algún poema como Esmeralda.
Desde estas obra de xuventude, a poesía de Díaz Castro foi alumeando progresivamente o universal sen deixar de lado nunca aquel microcosmos natal do Vilariño. A través duns versos en aparencia tan elementais estalle insinuando constantemente ao lector que todas as cousas, se se saben mirar, están cheas de misterios. Esa audacia creativa radica non só no seu talento como poeta senón nun fondo coñecemento da cultura humana. En diferentes entrevistas sinalaba que o seu propósito literario era fuxir do influxo doutros, e esta ansia de buscar un estilo propio levouno a filtrar a autoría de xeito admirable, metamorfoseándose nas “chousas máis íntimas”, na lingua popular, na paisaxe da infancia, nos sons dos ríos ou nos silencios das noites chairegas.
Ese amor sincero polas cousas e o xeito de expresalo creo que foi o que fascinou a moitos poetas novos. Carmen Blanco, Rodríguez Fer ou González Tosar entre outros, son mostras inequívocas desa pegada. Por iso lles pedín que contasen que era o que os seducía daquel poeta que a simple vista non parecía poeta. Se houbese que extraer unha conclusión de síntese destas entrevistas quedaríame cun paradoxo: o mesmo Díaz Castro sempre xeneroso e amable era dunha rigorosidade extrema consigo mesmo, un obseso da perfección. Disto dá conta o feito de que de non ser pola insistencia de persoas como Carvalho Calero, Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro quizais Nimbos nunca tería visto a luz, porque o autor pensaba que non tiña a calidade suficiente para ser publicado. (…)”
O cineasta Xacio Baño suma o seu traballo ao Proxecto Nimbos
Desde Sermos Galiza:
“Autor da curtametraxe Anacos, posibelmente a máis premiada do audiovisual galego dos últimos anos, Xacio Baño incorpora agora un novo traballo ao Proxecto Nimbos, unha iniciativa creada arredor do poeta Díaz Castro desde o blogue Acto de primavera e no que participan máis de trinta cineastas.
Baño recrea en imaxes o poema Ai capitán que xa se pode ver na páxina do blogue creado polos críticos e programadores Xurxo González, Martín Pawley e José Manuel Sande. Acto de primavera publicou até o momento os filmes de Manuel Del Río, Manuel Álvarez, Carla Andrade, Otto Roca, RnL, David Castro e Xurxo Chirro. Proxecto Nimbos quer levar a obra de Díaz Castro ao audiovisual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Os cineastas que se comprometeron a participar no proxecto son Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, Xosé Antón Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés, Eloy Domínguez Serén, Simone Saibene, Sonia Méndez Alonso, Antón Caeiro, Uxía Blanco, Manuel Álvarez Álvarez, Alex Cancelo, Xoán Escudero, Ramiro Ledo Cordeiro, Pela del Álamo, Manuel del Río, Alberte Pagán e Lois Patiño.”
Especial sobre Xosé María Díaz Castro no Diario Cultural da Radio Galega
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado xoves día 2, primeiro día hábil do ano, o Diario Cultural da Radio Galega dedicou a súa emisión á figura de Xosé María Díaz Castro, sobre a que levou a cabo un programa monográfico no que, amais do recitado de poemas de Nimbos na voz do propio poeta e a inserción de opinións sobre a importancia da súa figura expresadas por diversos autores, desenvolveuse un amplo faladoiro no que participamos a profesora e investigadora Carmen Blanco, o estudoso e responsable da Asociación Cultural Xermolos Alfonso Blanco Torrado e mais eu.
Por espazo de case tres cuartos de hora, tivemos ocasión de repasar algún dos principais trazos definitorios da súa obra, aclarar certos episodios biográficos e mesmo poñer á audiencia na pista das actividades de divulgación e recuperación da súa figura que se concretarán neste 2014, oficialmente declarado pola RAG como Ano Xosé María Díaz Castro, pois a el se dedicará o vindeiro Día das Letras e tamén este próximo 19 de febreiro celebraremos en Guitiriz a grande festa do seu centenario de nacemento, os actos da cal están xa a se preparar.
Podedes oír todo o que alí falamos clicando aquí. Beizóns aos amigos da Radio Galega e, moi especialmente, a Xiana Arias, quen conduciu inmellorablemente un faladoiro que se converteu, pola data de emisión, no primeiro evento diazcastriano do ano.”
Roi Vidal fai balance do Ano teatral de Roberto Vidal Bolaño
Os Vilares: a terra baixo a poesía de Díaz Castro
Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“Todo comeza con Manuel María. “Aló polo ano 93 eu estaba na organización da Romaría Labrega da Chaira e fixéramos unha exposición de fotografías antigas da parroquia. Viñera Manuel María inaugurala e dixo que todo aquilo estaba moi ben, pero que había que completalo cunha pequena historia sobre a parroquia, porque é unha parroquia que tiñan certas peculiaridades. E, dese xeito, encomendoume dalgún modo o facelo”. Fala Pastora Veres, que ultima un libro sobre a parroquia dos Vilares, en Guitiriz, o lugar no que creceu e viviu Xosé María Díaz Castro.
De seguro que o autor de Nimbos será un dos protagonistas deste ano 2014 que comezaremos en poucas horas, e ao igual que noutras ocasións estes meses serán unha boa oportunidade para afondar en todos os aspectos que conforman a súa obra e que definiron a súa vida. E poucos tan importantes como a terra que pisou e a paisaxe que mirou: a parroquia dos Vilares. “Estívenlle dando voltas, falando con veciños, pero fun deixando o tema. Sempre tiña aí ese tema, e este ano, aproveitando a celebración da Letras, decidín sacalo adiante”, comenza Veres, que lembra que o propio Manuel María salientara naquel encontro que “era unha parroquia que ía dar que falar, referíndose precisamente ao tema de Díaz Castro e das Letras, pois supoñía que nun futuro sería homenaxeado”.
Porén, Os Vilares: Lareira de soños é moito máis ca un libro de textos e fotografías sobre a parroquia. O proxecto complétase cun documental en preparación, a cargo de Cibrán Tenreiro, que ao igual que a publicación, verá a luz nos vindeiros meses. Un e outro traballo recollen as imaxes das aldeas e da paisaxe, e tamén a voz dos veciños que habitan o lugar: “Cada veciño ara o seu rego para facer dos Vilares a Terra Sucada, sementada e traballada nas miles de páxinas que podería ter cada libro e cada vida. Sabemos que Os Vilares e Guitiriz van ser no ano 2014 o centro da cultura e as letras galegas pola homenaxe que o mundo rendirá ao indixena parroquiano Xosé María Díaz Castro. Independentemente da merecida dedicatoria ao poeta chairego, a contorna do seu nacemento e crianza merece tamen proxectarse ao coñecemento dos que alí nunca estiveron nin saben”. (…)”
Publicado o Volume III das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño
Edicións Positivas vén de publicar o Volume III das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, e que contén un texto nunca antes publicado, o mítico Caprice de Dieux, así como outros cinco títulos (Sen ir máis lonxe, Cochos, Bailadela da norte ditosa, Memoria de mortos e de ausentes e Laudamuco, señor de ningures).