A Real Academia Galega traslada a celebración do pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero á súa sede da Coruña (adiada a outra data)

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega, diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas na súa propia sede, na cidade da Coruña. A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal do autor o sábado 31 de outubro, cadrando co cento dez aniversario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento da pasada primavera. Mais atendendo a incidencia crecente da covid-19 na comarca de Ferrol nas últimas xornadas e as medidas propostas para frear a expansión do coronavirus na zona, a Academia renderalle tributo ao escritor, filólogo, profesor e académico nunha cerimonia que terá lugar no salón de actos da rúa Tabernas e que poderá seguirse en directo a través da páxina web da Real Academia Galega.
O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.”

A Coruña: “Simposio Ricardo Carballo Calero 2020”, na Real Academia Galega

Leitura Continuada de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AGAL:
“N
a sexta-feira 30 de outubro de 2020 terá lugar a Leitura Continuada do romance Scórpio (1987) que se realizará com motivo do Dia das Letras 2020 dedicadas a Ricardo Carvalho Calero.
O evento, organizado desde a Associaçom Galega da Língua decorrerá a partir das 17 horas no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago. Já podes fazer a tua inscriçom nesta ligaçom: https://carvalho2020.gal/leitura-continuada/.”

“Carvalho Calero, un cometa no ceo”

Desde Nós Diario:
“Unha sinxela ofrenda floral presidida por integrantes da Real Academia Galega (RAG), autoridades nacionais e o alcalde de Compostela foi a forma de homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas, que este ano se celebra de forma atípica debido á pandemia de coronavirus.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, a académica Margarita Ledo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, foron algunhas das personalidades que se achegaron até a porta da casa onde viviu o intelectual na capital do país, na Rúa Carreira do Conde, para realizar esta ofrenda floral, recitar un dos seus poemas e dedicarlle unhas palabras neste domingo.
A situación obrigou a que neste 17 de maio se optase por un acto “sinxelo” que o presidente da RAG quixo lembrar como unha celebración “chea de afecto, admiración e agradecemento”, por encima de todo o demais. O 17 de maio “sempre é un día especial”, unha “data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma en que aprendemos os primeiros nomes das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo”, engadiu.
Alí, tamén rememorou “o traballo, lealdade á causa da Galiza, compromiso e exixencia” que reflicte a obra de Carvalho Calero. En calquera caso, Freixanes agarda que o próximo 31 de outubro, a Real Academia poida realizar unha homenaxe en condicións en Ferrol, cidade natal do autor. Desta maneira, celebración coincidirá co 110º aniversario do autor, que “naceu no mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley”.
Foi o propio don Ricardo o primeiro en estabelecer unha relación entre o paso de este cometa polo ceo e o seu nacemento, nun dos seus poemas. Por iso mesmo, Margarita Ledo decidiu darlle voz nesta homenaxe a eses versos que o autor dedicou ao seu ‘irmán’ Álvaro Cunqueiro en 1980.
A académica recitou: “O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (…). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século”.
Neste 2020 fanse 57 anos desde que se comezou a celebrar o Día das Letras Galegas. No 17 de maio de 1963, o Pazo de Fonseca de Santiago acolleu aquela primeira celebración, onde o propio Carvalho Calero dedicou unhas palabras á poeta homenaxeada, Rosalía de Castro.
Nesta ocasión tocoulle ao mestre “Don Ricardo” recibir a admiración dos intelectuais galegos que o lembran como un “poeta intenso e exixente” que construíu “un universo por primeira vez” coa documentación da historia da literatura galega.”

A Deputación de Pontevedra pon en valor o galego como “identidade do país” na conmemoración do Día das Letras Galegas 2020

Desde a Deputación de Pontevedra:
“A área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra conmemora este ano as Letras Galegas baixo o lema “A nosa lingua é a nosa identidade”, poñendo en valor o galego como “parte de toda a nosa vida, do ser de Galicia como país”. Durante toda esta semana a institución provincial, por iniciativa da área da deputada María Ortega, desenvolverá unha campaña promocional realizada en colaboración coa Asociaciación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que consistirá na difusión de 24 vídeos de autores e autoras da provincia lendo fragmentos de diferentes obras de Carvalho Calero que elas e eles mesmos escolleron.
Ortega destaca que a Deputación decidiu levar adiante a campaña a pesar de que os actos oficiais e presenciais das Letras Galegas 2020 non terán lugar o 17 de maio, senón que se adiarán ata outubro debido á crise sanitaria da COVID-19. A nacionalista explica que a Deputación traballa pola defensa e a posta en valor do idioma propio ao longo de todo o ano con accións continuadas e colaboracións con entidades, polo que afirma que manterá esa liña e as axudas a concellos e entidades, actividades e outras iniciativas, ademais de programar eventos nas datas máis sinaladas do calendario. “O Día das Letras non só é un día no ano, para nós son os 365 días“, remarcou.
Ortega salientou a importancia de que as institucións sexan activas desde todos os ámbitos para promocionar e poñer en valor o galego como “parte de toda a nosa vida e do ser de Galicia como país”. Destacou o reto de facer chegar o galego a persoas novas e neofalantes para que utilicen en todos os eidos da súa vida, tanto para a promoción da cultura propia coma no ensino, a ciencia, a economía ou o ámbito sanitario, tan en boga estes días.
Homenaxe a Carvalho Calero
A campaña que lanza a Deputación supón unha homenaxe a Carvalho Calero posta en boca de compañeiras e compañeiros do seu propio gremio. As redes sociais e a páxina web da Deputación difundirán ata o vindeiro domingo 17 de maio 24 vídeos nos que escritoras e escritores da provincia de Pontevedra lerán pequenos fragmentos de obras de todo tipo do creador ferrolán.
As e os autores participantes serán Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lorenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, Xurxo Esquío, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sanches Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego Abad. A deputada María Ortega agradeceulles a todas e todos eles a súa colaboración na iniciativa e o seu traballo a prol da lingua.”

A Academia valorará estender o Ano Carvalho Calero até 2021

Desde Nós Diario:
“As extraordinarias circunstancias en que se desenvolve este ano a celebración das Letras Galegas co Ano Carvalho Calero fixeron que a Real Academia Galega (RAG) tomara a decisión, sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de maio, de adiar o seu acto oficial até o mes de outubro.
O estado de alarma decretado polo Goberno español afectou a toda a programación de actos prevista e por este motivo numerosas voces, da man de escritoras, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de Carvalho Calero, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata “dunha posibilidade que está aí” mais que a institución terá que valorar no seu momento. Neste sentido avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e as académicas e académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas.
“Nós non nos fechamos”, asegurou, mais antes haberá que “reunirse”, posto que de momento non tiveron “nin posibilidade legal” nin material para celebrar un encontro nas condicións necesarias para abordar esta posibilidade e as propostas sociais realizadas neste sentido.
O presidente da Academia defendeu que “a visibilización está aí” e que a institución “está a facer un esforzo grande” para celebrar a Carvalho Calero, “con iniciativas de todo tipo” a través das redes para tentar paliar a suspensión de eventos e de actos presenciais.
Freixanes realizou un chamamento a superar estas circunstancias e “ser capaces, con imaxinación e esforzo”, de impulsar “iniciativas extraordinarias” e celebrar a Carvalho Calero coa “dignidade que merece”, como o acto central en Ferrol do próximo 31 de outubro coincidindo co aniversario do escritor.
Entidades, como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL), recoñeceron o intento da Academia de compensar esta situación, mais consideran que as circunstancias fan “moi difícil” a difusión adecuada dunha figura do calibre do autor de Scórpio e do primeiro canon da historia da literatura galega.
A AELG remitiu unha carta ao presidente da Academia para transmitirlle persoalmente a petición de que 2021 sexa tamén o Ano Carvalho Calero, despois de que a crise anulase “toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación” do narrador, poeta e ensaísta, tanto no panorama educativo como cos concellos.
“Pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural”, insisten na misiva.
A federación de asociacións culturais Galiza Cultura tamén realizou unha petición neste sentido, a través dunha misiva subscrita pola súa presidenta, a escritora Pilar García Negro.
“A excepcionalidade de tal medida está máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer”, sinalou, tendo en conta o gran abano de actos que sempre acompaña á conmemoración.”

Henrique Dacosta: “O Ano Carvalho debe prolongarse durante todo o vindeiro 2021”

Entrevista a Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:
“Por vez primeira, a Real Academia Galega adiou o acto central do Día das Letras Galegas, neste caso ao 31 de outubro –un día despois de que se cumpran os 110 anos do nacemento do seu protagonista–, por mor da pandemia provocada polo Covid-19. Esta decisión, que é histórica, non é suficiente para boa parte do tecido cultural e social de Galicia, que pula por que a homenaxe a Carvalho se prolongue durante todo 2021. “É o lóxico”, defende o escritor Henrique Dacosta, quen considera que só dese xeito o polígrafo ferrolán recibiría “unha homenaxe como é debido”. (…)
– Diario de Ferrol (DF): Hai moitas publicacións paradas e, sobre todo, tampouco hai certeza de cando poderá volver a normalidade. Cre que a Academia atenderá esta petición?
– Henrique Dacosta (HD): Eu agardo que teña a suficiente sensatez como para que se dea de conta de que hai unha presión social para que se faga así. No sentir das redes sociais e os medios hai un posicionamento máis ou menos acorde para que 2021 siga sendo o Ano Carvalho. É de xustiza, repito. Hai moito traballo que está por se publicar e ten que publicarse.
– DF: Sobre a controversia da grafía, Carballo ou Carvalho?
– HD: As fillas escríbeno con “b” e con “ll”, non hai problema, e el até o último momento da súa vida defendeuno con “v” e con “lh”. O seu posicionamento pola vía histórica e lingüística, polo reintegracionismo –o que el chamaba romance ibérico occidental, que tecnicamente desde punto de vista filolóxico é así– e a súa comuñón co portugués eran ben evidentes desde os 1971-1972, cando comezou a trabar amizade con Rodrigues Lapa. Eu creo que neste momento por aí non haberá demasiada controversia; haberá quen o escriba dunha manera e quen o escriba doutra. El desde os anos 70 até a súa morte comungou claramente co reintegracionismo e aí non hai ninguha dúbida ao respecto. E logo, desde o punto de vista ortográfico, estamos nun momento importante: a vía binormativista pareceríame a solución máis interesante, que se puidese debater e que se puidese conseguir. Isto é, a coexistencia dunha normativa tal como está na escola nestes momentos con esoutra da vía do portugués padrón ou algo semellante para que o galego teña tamén unha dimensión internacional. Podiamos pensar, egoistamente, en termos económicos: temos un mundo por abrir e descubrir inmenso. Xa está ben de nos mirar simplemente para o noso embigo e quedarmos cada vez máis illados. Coido que esa non é a solución actual.”

Proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai pública a carta que dirixiu ao presidente da Real Academia Galega, coa seguinte proposta sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

“Sr. Presidente da Real Academia Galega,
Prezado Sr. D. Víctor Freixanes,

A situación de excepcionalidade sanitaria, social e cultural que está a vivir a Galiza, levou a anular toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación da figura do narrador, poeta, ensaísta, lingüista, profesor e pensador don Ricardo Carvalho Calero, no ensino e nas diversas actividades de concellos e outros colectivos culturais.
Despois de se reunir o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, acordou trasladarlle á Real Academia Galega, institución que vostede tan dignamente preside, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, no pleno da RAG para tal fin, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.
A RAG, como consecuencia desta grave situación, decidiu adiar ao 31 de outubro -data próxima ao aniversario do nacemento no noso escritor- os actos de celebración das Letras Galegas deste ano 2020. A celebración do seu nacemento xustificaría de por si tan importante acto a celebrar pola RAG e toda a cidadanía na súa cidade natal.
Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural.
Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos.
Por todo o antes exposto, agradeceríamos tomase en consideración a nosa proposta, arriba desenvolvida, para que sexa posta en valor a figura de D. Ricardo Carvalho Calero e a súa tan importante obra para a nosa literatura e a nosa cultura.

Reciba os cumprimentos do Consello Directivo da AELG e, no seu nome, o afectuoso saúdo de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”

A Real Academia Galega traslada o pleno do Día das Letras Galegas ao 31 de outubro

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19. A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.
A Real Academia Galega tomou esta decisión ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos. A medida, inédita nos cincuenta e sete anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características. O cambio de data desta e doutras iniciativas pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carvalho Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega.
Malia os cambios no calendario de actividades presenciais arredor do Día das Letras Galegas, a RAG quere que o 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva, e fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están a aproveitar nestes tempos de obrigado afastamento social. Nesta liña, a institución reforzará nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carballo Calero, tanto a través desta páxina e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras como do Portal das Palabras.
A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 15 de marzo xa obrigara a Real Academia Galega a adiar o acto centrado no labor como dramaturgo de Ricardo Carvalho Calero que estaba a organizar da man de Santiago Fernández, que xunto con Manuel Lourenzo dirixe o estudio teatral Casa Hamlet. O programa ía desenvolverse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o pasado 25 de marzo, cadrando co trixésimo cabodano do autor e nas vésperas do Día Mundial do Teatro.
Outro acto que terá que ser reprogramado á volta do verán é a homenaxe ao labor de Ricardo Carvalho Calero como docente, e como parte da resistencia galeguista na posguerra, que a RAG ía celebrar o 7 de maio en colaboración co Colexio Fingoi, o centro educativo lugués que o autor dirixiu dende 1950 ata o seu regreso en 1965 a Santiago de Compostela, onde se fixo cargo das primeiras aulas de galego na universidade. Tamén no outono, como vén sendo habitual, terá lugar o Simposio das Letras Galegas.
Tendo en conta o impacto que pode estar a ter a suspensión das clases presenciais no desenvolvemento de parte dos proxectos escolares dedicados a Ricardo Carvalho Calero, a RAG ampliará ata despois do outono o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras –convocado ao abeiro do proxecto Primavera das Letras– e anima o profesorado a que, alén de promover accións virtuais nas vésperas do propio 17 de maio, estenda as iniciativas arredor da figura e a obra do homenaxeado ao primeiro trimestre do curso próximo.”