Nace Leite Edicións para descubrir novas voces no panorama literario galego

Desde Cultura Galega:
“Pablo Rodríguez e Afra Torrado acaban de presentar Leite Edicións, un novo selo que parte da filosofía da autoedición e que busca a implicación dos autores en todo o proceso da elaboración do libro. Centrado polo momento no ámbito da poesía, o proxecto pretende achegar novas voces ao panorama literario do país e atender a propostas alternativas que consideran non atopan oco en editoras convencionais. Canda a obras dos promotores, o proxecto inicia a súa actividade con poemarios de Lucía Cernadas, C. Ermitas e de Arancha Nogueira. Ademais do lanzamento de libros, o novo selo sinala tamén o seu interese pola poesía transmedia e a videopoesía e permite o acceso a moitas das súas obras en liña. Os responsables da editora apuntan tamén que están abertos a publicar no futuro narrativa ou ensaio.”

A Asociación Galega de Editoras alerta da baixísima porcentaxe de lectura en galego

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Os datos coñecidos esta semana do “Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros 2018” da Federación de Gremios de Editores de España revelan un lixeiro incremento xeral, en todo o Estado, das persoas lectoras, pero poñen de manifesto, a un tempo, a delicadísima situación da lectura en galego no noso país.
Para a AGE, que medre o número de lectores e, sobre todo, lectoras, en todo o Estado é unha boa nova, pero a situación en Galicia segue a ser moi preocupante. Non só por seguirmos na zona baixa da estatística a nivel estatal, senón sobre todo por ese ínfimo 4% de persoas que afirma escoller libremente o galego como lingua de lectura.
Demandamos, unha vez máis, políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego. A nosa lingua é un patrimonio único que debe ser preservado e potenciado de maneira decidida. Conéctanos co mundo, porque nos fai singulares e vivos, e debe ser prestixiada.”

A proxección exterior e a formación entre as actividades da Asociación Galega de Editoras para 2019

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras afronta o 2019 coa proxección exterior e a formación como dúas das principais actividades a desenvolver. A primeira das citas internacionais será a Feira do Libro de Boloña, á que o gremio acudirá, de novo, cun stand propio. A formación ás empresas asociadas centrarase na venda de dereitos e na organización dunha nova edición do Simposio do Libro e da Lectura.
Así mesmo, a presenza da AGE nas feiras internacionais do libro reforzarase coa elaboración dun catálogo propio de novidades, en inglés, destinado ás feiras de Boloña e Frankfurt.

A proxección exterior, un dos eixes fundamentais
Logo da valoración positiva por parte da Asociación Galega de Editoras da participación na Feira Internacional do Libro de Boloña con stand propio no ano 2018, o gremio das editoras galegas acordou recentemente asistir de novo, co mesmo sistema, á feira máis importante do mercado editorial de libro infantil e xuvenil, para o que conta coa colaboración de CEDRO. A contratación do espazo fíxose efectiva estes días e permitirá que as editoras galegas estean representadas polo seu propio gremio ademais de contar cun catálogo específico para esta feira, elaborado pola propia AGE e que incluirá as principais novidades das editoras asociadas.
Nas seguintes citas internacionais –principalmente Frankfurt e Liber– a AGE decidirá que modelo será o máis axeitado para o noso colectivo.

A formación centrará o peso das actividades
A formación en venda de dereitos será outra das accións prioritarias. Dirixida a profesionais interesados en obter recursos, así como elaborar estratexias de organización nas feiras internacionais. Ademais, a organización do Simposio Anual do Libro e a Lectura, centrará o traballo da entidade para o vindeiro exercicio.

Valoración da actividade e do traballo gremial en 2018
A organización anual do Simposio O Libro e A Lectura, que este ano se centrou no xénero da poesía; o Galeusca, celebrado na Coruña no mes de xuño, o I Encontro da Edición Galega e Portuguesa e a Xornada de Internacionalización do libro galego, en setembro, marcaron as actividades de formación gremial durante 2018.
Así mesmo, 2018 marcou unha nova etapa na presenza nas feiras internacionais, pois a AGE participou, por vez primeira con stand propio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

Presenza en Cerdeña, Forum Edita Barcelona ou Literary Market de Valencia
Durante 2018 a AGE foi convidada a participar en diferentes actividades organizadas por outras entidades do sector editorial, coa finalidade de reforzar as oportunidades de negocio no exterior e traballar nas experiencias de éxito con outros gremios e editoras. Así, a AGE participou nas xornadas profesionais Liber & Liber, no mes de xullo, organizadas pola Asociación de Editores Sardos, en Alghero (Cerdeña), asistiu ao Forum Edita Barcelona (xullo) e, unha delegación de editoras galegas participaron no congreso Literary Market, celebrado en Valencia (novembro).

AGE, convidada ao 40 aniversario da Federación de Gremios de Editores de España
O pasado 18 de decembro a AGE participou no acto de conmemoración do 40 aniversario que a Federación de Gremios de Editores de España, celebrado na sala do Padroado da Biblioteca Nacional. A este evento acudiron, ademais do Presidente da FGEE, Daniel Fernández, representantes das asociacións gremiais federadas, entre as que se atopaba a AGE, representada polo seu presidente, Xosé Ballesteros. Contou tamén coa presenza da directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos; o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao e a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Begoña Cerro.
A Asociación Galega de Editoras valorou positivamente o compromiso anunciado neste acto por parte do Ministro de Cultura, José Guirao: o seu departamento duplicará a partida destinada á compra de novidades para as bibliotecas como prioridade para o vindeiro exercicio 2019.”

En 2017 só se publicaron 972 libros en galego

Desde Cultura Galega:
“O Instituto Nacional de Estatística facía pública a semana pasada a súa Estatística da Produción Editorial de Libros correspondente ao ano 2017. Estes datos verifican un novo descenso da produción editorial en Galicia e mais concretamente dos libros que saen publicados en galego. Deste xeito, e segundo o INE, publicáronse no noso país no período estudado un total de 1.872 títulos, o que supón unha mingua do 5,9% respecto a 2016. Aínda así, Galicia mantense como quinta comunidade cun maior volume de edición, por tras de Madrid, Cataluña, Andalucía e Valencia. Encol da edición en galego, a análise revela que só saíron publicados 972 títulos na nosa lingua, catro menos do que en 2016, dos cales 783 editáronse no noso país e o resto noutras comunidades. Isto supón que só o 41,8% dos títulos que viron a luz en Galicia estaban en galego.”

Nace o selo Guindastre Edicións de álbum ilustrado e audio-libros para cativos

Desde Cultura Galega:
“Un novo selo editorial bota a andar neste outono coa vocación de dar a coñecer e difundir para o público familiar albumes ilustrados, audiolibros de narración ou música e adaptacións de teatro de monicreques. Guindastre Edicións presentouse o mércores 5 de decembro na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago. A editorial, dirixida por Celtia Figueiras e Luis Vallecillo, está radicada na localidade coruñesa de Brión e xorde con dúas coleccións diferentes que ademais comezan cada unha cunha produción propia de cada un dos editores.
A primeira delas, baixo o nome de “Lui Son”, céntrase na música familiar e ábrese con Cantamos? como primeiro título. Trátase dunha obra educativa e lúdica do propio Vallecillo, que inclúe un CD de música e audio-contos, ademais de pictogramas para facilitar a lectura a persoas con necesidades especiais e prelectores.
Pola súa banda, a colección “A Xanela do Maxín”, dirixida por Figueiras, adaptará textos de monicreques a contos, procedentes da compañía que leva o mesmo nome, con letra manuscrita e ideados para primeiras lecturas. Iníciase este camiño coa obra Ula Lúa?, da propia Celtia Figueiras que está ilustrada por Marcelo P. Fernández.”

Cambre: presentación da editorial Cousa Nostra

A presentación terá lugar o sábado 15 de decembro na Casa de Cultura Vila Concepción de Cambre ás 19:00 h. Para a presentación contarase coa participación de Mercedes Queixas Zas, Marcos Ferreiro e Alberte Sánchez como editores. E así como os autores, e autora, que inauguran esta primeira colección, Simone Maestra, Luís Botana e Carolina Martínez.