De 1936 a 1975. A ‘longa noite’, historia da literatura de galega, de Xosé Ramón Pena

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A ‘Longa noite de pedra’ inclúe a literatura da posguerra ata o segundo Rexurdimento. O relato literario acompáñase dun relato histórico, político e cultural de cada período. A entrevista pode verse aquí.”

Héctor Cajaraville: “Fálolles aos rapaces de Antonio Fraguas, pero tamén moito da época que lle tocou vivir”

Entrevista a Héctor Cajaraville na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Vostede naceu e criouse en Santiago, a cidade onde Antonio Fraguas se estableceu definitivamente en 1959. Tivo oportunidade de coñecelo? Que imaxe tiña vostede del antes de escribir a biografía para a colección Merlín e como foi cambiando?
– Héctor Cajaraville (HC): Xerais non me escolleu pola vinculación directa que puidese ter co homenaxeado, senón porque antes escribín un libro biográfico sobre frei Rosendo Salvado –Nova Nursia (Xerais, 2018)- e considerou que podería ser a persoa indicada para achegar a figura de Antonio Fraguas a rapaces. Á editorial non lle pareceu un impedimento que non o coñecese, viu interesante que alguén que non estivese condicionado por un coñecemento previo del puidese facer un achegamento máis libre e, digamos, aséptico á súa figura. Cando empecei a documentarme e a descubrir a Antonio Fraguas, quedei un pouco fascinado. Supoño que sempre pasa cando afondas na vida e na obra de alguén, pero neste caso estamos a falar dun home que fixo tantas cousas durante tanto tempo! Tivo relación máis ou menos directa con todo o que se fixo no ámbito da cultura e do galeguismo ao longo do século XX e, claro, é normal que quedes abraiado!
Por riba de toda a traxectoria académica e intelectual, todo o mundo co que fun falando para obter máis información sobre el destacaba o boa persoa que era, sempre xeneroso e disposto a axudar, e ese é o mellor recordo que pode deixar alguén. Que máis dá se es máis ou menos preciso nos teus traballos intelectuais se despois non deixas esa pegada humana que el si deixou. Descubrir isto foi unha das cousas que máis me gratificaron no proceso de achegamento a Fraguas.
– RAG: Tendo en conta o público ao que se dirixe esta biografía, un dos maiores esforzos debeu de ser a recreación da súa vida dun xeito ameno e cun estilo sinxelo.
– HC: Si, despois de reler todo o que se escribiu sobre el, entrevistas que lle fixeron ou artigos que completaban algunha perspectiva, o seguinte foi centrarme en filtrar e adaptar a información para un rapaz de 12 ou 13 anos que non coñece de nada a Antonio Fraguas, como é natural, porque polo menos ata o momento non era unha figura excesivamente coñecida e tampouco ten obra dirixida especificamente ao lectorado desta idade. O meu obxectivo é que cando remate o libro diga: “Agora entendo por que lle dedicaron o Día das Letras Galegas”. Con esta proposta de partida, centreime nos aspectos que me parecía que poderían ser de máis interese para un rapaz, e por iso me centrei na figura humana e non no puramente académico, nos seus traballos etnográficos ou xeográficos. (…)”

Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

Manuel Portas publica o libro Por puntos

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor Manuel Portas publica Por puntos, un libro que narra a historia dun grupo de persoas que coinciden nun curso de recuperación de puntos do carné de conducir. Experiencias que a maioría das persoas manteñen en segredo pola vergoña de recoñecer que asisten a estes cursos.
“É como un iceberg, vemos moi pouco e debaixo do mar, agóchase un mundo”, asegura o escritor.
Es España, máis de 36.000 condutores pasaron polos cursos de recuperación por puntos en 2017. Unha realidade descoñecida da que moi poucos falan.
“Vivimos nun mundo que contén outros mundos”, di o escritor, quen destaca a importancia de descubrir as vidas dos que temos arredor.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Rosario Álvarez: “A Xunta atende os nosos consellos unhas veces máis que outras”

Entrevista de María Obelleiro a Rosario Álvarez en Sermos Galiza:
“Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) é presidenta do Consello da Cultura Galega desde 2018. Entrevistámola nun momento en que o órgano de carácter asesor e consultivo conta cunha ampla programación de actividades, como a organizada ao redor da divulgación científica, a da vespa velutina ou a da produción de sal na costa da Guarda e Viana do Castelo. Eis un extracto da conversa, publicada no número 342 de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): Como define o seu proxecto á fronte do Consello da Cultura Galega?
– Rosario Álvarez (RA): Non é fácil definilo, pero eu iría sobre todo a dous ou tres eixos complementarios. Un ten a ver coa miña vontade de contar cunha pluralidade o máis ampla posíbel de axentes culturais da cultura galega –de aí a chamada ás academias, as asociacións ao redor dun escritor ou escritora, museos…–. Temos a vontade de contar con eles, de saber a súa opinión, de intercambiar a información. Intentar atender todo o ecosistema cultural e estabelecer canles con eles. É un reto necesario. Non quero dicir que antes non se fixese, senón que queremos que se faga máis intensamente.
Nunha liña parecida está a igualdade. Unha igualdade que vai máis alá do xénero. Refírome á igualdade de acceso á cultura, á democratización da cultura. O Consello non ten que facer a programación cultural do país, nin moitísimo menos, pero si ten que alertar sobre a necesidade de que chegue a todas as persoas. O acceso á cultura ten que se interxeracional. Tamén hai que ter en conta a igualdade de hábitat. Como non vai haber un abandono do rural se o desprovemos de cuestións básicas como é a cultura? O Consello ten que advertir que se está a crear un gran desequilibrio social porque o acceso á cultura non está garantido en moitas áreas de Galiza. E hai unha igualdade territorial, porque non é o mesmo situarse no eixo atlántico que no oriental. Iso é unha fractura, de feito, entre dúas Galizas. Temos que alertar dos retos que hai que vencer.
– SG: E o terceiro eixo?
– RA: En canto ao terceiro eixo, salientaría que entendemos por Galiza. Quero borrar o adxectivo de exterior cando se fala de cultura galega. Cando falamos de exterior pensamos no traballo de promoción e difusión de cultura galega fóra dos límites administrativos de Galiza. Temos que exportar a nosa cultura xunto coa imaxe do país: a excelencia dos produtos, unha imaxe dunha Galiza contemporánea e moderna, cunha lingua propia… pero, ollo, non é o mesmo iso que a cultura galega que se fai fóra. Os galegos que se atopan fóra están facendo cultura galega. Hai a Galiza territorial, si, e sabemos cales son os seus límites, mais hai unha tradición global. Nós somos un pobo espallado no mundo. Non hai unha cultura galega do exterior, senón global. Unha Galiza global que fai cultura galega desde moitos lugares do mundo. É fundamental que o ecosistema da cultura galega non quede fechado nos límites administrativos de Galiza. Hai unha Galiza máis ampla. (…)”

Xosé Ramón Pena presenta o volume da súa historia da literatura dedicado á “longa noite”

Desde a Real Academia Galega:
“A detención de Celso Emilio Ferreiro no ano 1937 serve de punto de partida para a nova entrega do gran proxecto da historia da nosa literatura iniciado por Xosé Ramón Pena en 2013. O autor presentou Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. A “longa noite” na Real Academia Galega, acompañado do director de Xerais, Fran Alonso, e de Xesús Alonso Montero. O académico gabou o rigor e a riqueza documental que ofrece en toda unha serie que presenta “o discurso literario galego desde Mendiño ata hoxe mesmo”, demostrando un dominio da historia da literatura no seu conxunto cada vez máis difícil de atopar, salientou. Un percorrido desde o século XIII pola historia das nosas letras que ten ademais ánimo divulgativo, capaz de achegala a diferentes públicos, engadiu Fran Alonso. (…)
A cuarta entrega alicerza unha narración documentada desde o comezo da guerra civil ata finais de 1975, o tempo da “longa noite de pedra”, en palabras de Celso Emilio Ferreiro, pero tamén, nos últimos anos da ditadura, un momento en que se anunciaba o segundo rexurdimento das letras galegas que se produciría coa chegada da democracia. “Nestes anos, malia referirse á literatura realizada durante o franquismo, o número e a importancia dos textos vai en aumento, sobre todo a partir da década dos 60. Medra, polo tanto, a bibliografía que hai que tratar e a investigación con respecto ás etapas anteriores”, indica o autor.
O maior número de obras e de bibliografía sobre elas non foi a única complexidade desta obra. “Foi agradable escribir sobre autores que cheguei a coñecer e a tratar, pero por outro lado iso produce certo medo, porque un quere ser especialmente coidadoso e unir esa relación coa necesaria obxectividade”, confesa Xosé Ramón Pena. (…)”

Quico Valeiras: “Falar da familia é falar da primeira e máis politizada das células sociais”

Entrevista de Alberto Ramos a Quico Valeiras en Praza (foto de Alexandre Fernández):
“Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira “voz poética” e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra “eminentemente política” que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74).
– Praza (P): Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos.
– Quico Valeiras (QV): Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar.
– P: Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?
– QV: Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas horas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras. (…)”