Francisco Castro: “Non querer ir á mili foi a miña primeira ruptura co patriarcado”

Entrevista a Francisco Castro na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Este e o teu primeiro ensaio, como te sentiches ao expresar aos teus lectores todas esas vivencias e sentimentos tan íntimos?
– Francisco Castro (FC): Sentinme ben, son moi consciente de que é un libro no que eu me expoño moito, fago case un exercicio de desnudez emocional pero é así como o quería facer. O libro ten moito de crónica xeracional, de contar que nos pasou cando nos educaron e como nos cambiou a cabeza co paso dos anos, sobre todo grazas ao traballo do feminismo. Iso era o que quería compartir. (…)
– AM: Dis no libro que se hai que despoxar dos privilexios que o patriarcado lle dá aos homes, de cales te desprendiches ti?
– FC: A verdade e que non sería capaz de facer unha enumeración, falaría máis ben dunha actitude. No meu traballo como editor, intento sempre apostar por traer mulleres ao catálogo ou abrir unha colección de feminismos. No meu día a día, a actitude refléxase tomando conciencia e intentando evitar os micromachismos, que aínda que é difícil despoxarnos deles, hai que esforzarse.
– AM: Dirías que o feito de non querer ir a mili e de verbalizalo á túa familia foi a primeira ruptura co patriarcado que tiveches?
– FC: Si, foi a primeira vez, xa que provocou un cisma familiar. Meu pai sempre me apoiou en todas as miñas decisións, pero o resto da miña familia e a que logo sería a miña familia política non, como conto no libro non entendían a miña decisión. Eles pensaban que eu estaba fallando como home, o que se esperaba de min era que desexase ir á mili. De pequeno todos os meus amigos querían cumplir os 18 anos para poder ir á mili, a min horrorizabame a idea. De maior tamén pasaba o mesmo, rapaces do meu tempo fantaseaban con ir a África e eu seguía sen compreder esa idea. De maneira que mesturando todas esas historias que se contaban das batallas ou dos adestramentos, eu ía desenrrolando unha profunda conciencia antimilitarista. Polo que si, sen decatarme, esa foi a miña primeira ruptura co patriarcado. (…)
– AM: En que medida e como crees que o teu libro achegará algo ao feminismo ou á sociedade en xeral?
– FC: Ao feminismo non sei se lle aportará algo, por sorte hai teóricas feministas cunha potencia intelectual á que eu non chego, esas son as que de verdade están aportando algo á sociedade. Eu creo que o meu libro se algo aporta é poñer sobre a mesa que os homes temos que tomar conciencia e temos que sumarnos ao debate e a loita por un mundo de igualdade. Se o meu libro consegue que un ou dous homes, realmente pensen sobre este tipo de cousas e actúen para cambiar determinadas realidades inxustas, será valiosísimo. (…)”

Entrevista a Emma Pedreira sobre Os libros que hai en min

Entrevista a Emma Pedreira en Radiofusión:
“O traballo editorial de Cuarto de inverno é espectacular. O tratamento dos libros por parte de David Cortizo e Andrea Jamardo é delicadísimo, segundo Emma Pedreira. O sistema literario galego ten un alto nivel e calidade, afirma a autora de Os libros que hai en min: Non padecemos instagramerismo, nin poesía de camisola, de frase bonita que se borra no tempo. En Galicia xógase a experimentar, creando con moita novela negra, moita contística, poesía experimental, con propostas interesantes e innovadoras. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Claudio Pato: “O poemario naceu para axudarme a entender o que pasaba durante a pandemia”

Entrevista a Claudio Pato na Televisión de Galicia:
“Claudio Pato vén de publicar o seu último libro: Corona e a inxunción das n articulacións (libres), un orixinal diario que creou durante o confinamento no 2020 e que foi amosando nunha rede social, como agasallo, nese tempo, en que non sorriamos. A entrevista pode verse aquí.”

Fran Alonso e Francisco Castro: “Se a lingua se vai, pechamos todos”

Entrevista a Fran Alonso e Francisco Castro en Diario de Pontevedra:
“(…) Dirixen as dúas editoriais que funcionan como piares do sistema literario galego. Fran Alonso (Vigo, 1963), á fronte de Edicións Xerais de Galicia, e Francisco Castro (Vigo, 1966), á fronte de Editorial Galaxia, manteñen unha relación cordial e coinciden en practicamente todo á hora de falar do momento que vive a industria cultural en Galicia. Critican duramente que a Lei do Libro de 2007 nunca se desenvolvese e denuncian o preocupante desleixo entre diversos sectores da poboación, como a mocidade ou o empresariado, con respecto ao uso do idioma propio.
“Por dar un titular: a situación da edición en Galicia eu creo que é de optimista resistencia no medio dunha contorna moi adversa”, comeza dicindo Francisco Castro. “Vivimos un momento transcendental porque estamos ante un cambio de paradigma, relacionado cun cambio tecnolóxico, que non sabemos exactamente cara onde nos levará”, explica Fran Alonso. O seu homólogo engade que as dúas editoriais que representan, neste sentido, van por diante das necesidades reais da sociedade. “A oferta dixital pola nosa parte estaba dispoñible moito antes de que existise unha demanda real”.
A maiores, para Fran Alonso este momento coincide no tempo con outra etapa crucial na cultura galega, “dunha grande proxección creativa, con produtos de enorme calidade”. Castro coindice e engade un apuntamento para quen manteña prexuízos sobre a lingua. “Non é necesario nin falar do fenómeno Tanxugueiras. Aí está unha compañía de teatro como A Panadaría, que pecha unha serie de funcións en Madrid, varias delas en galego, e o vende todo. Penso que non hai dúbidas. Hai 15 anos que houbese un autor galego traducido, agás en literatura infantil, era case unha excepción. Agora é bastante frecuente. E non nos traducen por guapos, tradúcennos porque recoñecen un bo produto literario”.
Falando en concreto do sector no que eles traballan, o do libro, ambos poñen de manifesto que os índices de lectura en xeral non deixan de aumentar e hoxe xa superan o 60% de poboación. En concreto, en Galicia, en 2021, un 61,9% de cidadáns leron algún libro no seu tempo de lecer, segundo o último Barómetro de Hábitos de Lectura da Federación de Gremios de Editores de España. “Aínda que non temos o dato exacto de cantos leron un libro en galego, normalmente baixa a entre un 6 e un 7%. Así que as nosas posibilidades están evidentemente moito máis limitadas”.
Castro e Alonso poñen o foco en que o futuro do sector cultural en xeral e o do literatura en particular dependen de como evolúa a situación lingüística. “E nese sentido non nos queda outra que ser pesimistas. Porque estamos presenciando un proceso de desgaleguización moi forte”, di Fran Alonso. O director de Galaxia coincide. “O futuro da edición, como o futuro do teatro galego, do audiovisual, da música ou de calquera outra produción cultural en lingua galega, depende da propia existencia da lingua galega”.
Castro cita dúas institucións referenciais á hora de facer esta análise: o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. “As dúas ofrecen anualmente informes sobre o estado da lingua e as dúas constatan que ano a ano perdemos falantes. Isto é para min é a gran traxedia da cultura galega. Porque a esencia do noso traballo ten que ver coa nosa lingua. Se esmorece, loxicamente a produción cultural farao tamén. Se a lingua se vai, pechamos todos”. E remata: “Así que, dalgunha maneira, vivimos un momento transcendental, como dícía Fran, pero tamén paradoxal. Temos unha cultura de altísima calidade, e así se nos recoñece, pero ao tempo o noso mercado real, o dos galegofalantes, cada vez é máis reducido. E mentres tanto as institucións que teñen que velar porque se ensanche ese mercado están a outra cousa”. (…)”

Xosé Monteagudo: “Estou convencido de que o que describo na novela existirá nun futuro próximo”

Entrevista de Antón Escuredo a Xosé Monteagudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vivimos un tempo en que se lle dá máis importancia á recuperación da memoria?
– Xosé Monteagudo (XM): Hai dous tipos de memoria: a memoria persoal e a memoria social ou colectiva. A memoria persoal sempre foi algo importante. Cada persoa trata de deixar unha imaxe de si mesma, do seu paso pola terra, que transcenda a súa vida unha vez que desaparece a persoa. Eu creo que todo o mundo temos ese certo desexo ou afán de deixar unha pegada. A memoria social é distinta. Faise con actos que teñen unha relevancia máis social, máis pública. É importante noutros aspectos que teñen máis que ver co devir histórico e coa política.
– ND: Na proposta da súa obra intervén a situación de precariedade laboral que hai na actualidade.
– XM: A precariedade laboral é algo actual aínda que sempre existiu, non é propia destes tempos. Na historia máis recente a xente do común, as traballadoras e os traballadores sempre estiveron nunha precariedade bastante grande. A inseguridade a nivel de mercado de traballo é unha constante. Quizais visibilízase máis nestes tempos como se visibilizan moitas outras cousas que estiveran máis agochadas, ocultas ou que non se lle daba esa visibilidade pública.
– ND: As novas tecnoloxías, tal e como figuran na novela, facilitan calquera escenario?
– XM: A revolución dixital é algo que está espallándose a todos os eidos do ser humano e da súa actuación. Desde os máis sinxelos até os máis transcendentes. O curioso é que nese espallamento do eido dixital o tema da morte aínda non foi tocado polo mundo das novas tecnoloxías. O que conta a novela é o intre en que ese eido, o do desexo de transcender, entra dentro da esfera dixital, da revolución dixital.
Nese sentido creo que é unha novela de anticipación. Estou convencido de que o que describo na obra, a aplicación que conto ou algunha semellante, existirá nun futuro próximo. Estou convencido de que non tardará moito en ser así.
– ND: Tamén hai interese en borrar a pegada dixital. É algo contraditorio non?
– XM: É curioso. Prodúcese unha situación moi paradoxal na actualidade. Temos as leis máis protectoras, máis restritivas da intimidade, da propia imaxe. Están aí as leis de protección de datos e tes que dar consentimento para case todo. Pola contra, a realidade é que nunca a vida das persoas estivo tan exposta á publicidade e ao coñecemento público a través das redes sociais e calquera das aplicacións de internet. Só tes que pór en calquera buscador de internet o nome dunha persoa, sexa a que sexa, e serán poucos os casos en que non haxa información desa persoa.
No exemplo da novela trátase do desexo da transcendencia do ser humano, de como queremos que sexa o que quede de nós.
– ND: Contén algunhas experiencias propias?
– XM: Toda novela é un pouco autobiográfica no sentido de que unha escritora ou un escritor sempre emprega pequenos detalles da súa experiencia, do que coñece, para encher os ocos da ficción e para ficcionalizar a realidade. O que describe a novela en si non é autobiografía, mais o que son os sentimentos, o feito de situarme na realidade leva algúns elementos da miña vida.
Máis que nos feitos, está na actitude ou no punto de vista que un ten diante da vida e diante da realidade. Quen escribe non pode afastarse das ideas que ten para contar unha realidade diferente e do que pensa sobre determinadas situacións. Non quero dicir que sexa unha novela de tese nin que exprese as miñas ideas conscientemente mais, seguramente sen decatarme de maneira plena, si que hai unha actitude e unha visión da realidade que transcende a novela. É algo que nos sucede a todas as persoas que escribimos.”

Rodrigo Costoya: “Cando triunfa a irracionalidade, as bibliotecas sempre son o obxectivo prioritario”

Entrevista a Rodrigo Costoya na Televisión de Galicia:
Misarela fíxose no verán do 2020 co Premio de Novela Histórica Ciudad de Úbeda, que levaba implícita a súa publicación en castelán, aínda que o autor a escribise orixinalmente en galego. É a segunda entrega dunha triloxía que comezou con Portosanto. A entrevista pode verse aquí.”

Cuestionario Proust: Asun Estévez, desde Lecturafilia

Entrevista a Asun Estévez en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Entusiasmo e vitalidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A tolerancia, a honestidade e o respecto polo espazo de cada quen.
3. E nunha muller? O mesmo.
4. Que agardas das túas amizades? Que me queiran como son.
5. O teu principal defecto? A impuntualidade, unha batalla constante co tempo. Chegarei tarde ata ó meu enterro, mais ese día xa non será cousa miña.
6. A túa ocupación favorita? Escribir, unha boa conversa, soñar e viaxar sempre que é posible.
7. O teu ideal de felicidade? Un abrazo do meu fillo.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder ese abrazo. E perder a palabra.
9. Que che gustaría ser? Feliz. Nada máis e nada menos.
10. En que país desexarías vivir? Gústame onde vivo, pero unha voltiña ou dúas ó mundo non estarían nada mal.
11. A túa cor favorita? Azul, verde e amarelo, as cores da vida.
12. A flor que máis che gusta? Gústanme todas as flores, pero as silvestres as que máis.
13. Que paxaro prefires? As gaivotas.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Non son de devocións, pero si teño prefencias especiais. Neira Vilas, García Márquez, Almudena Grandes ou Saramago son lectura necesaria.
15. E poetas? A poesía en si mesma. Todo aquel poema que me faga vibrar e me obrigue a lelo e relelo unha e outra vez.
16. Un heroe de ficción? Non son de heroes, pero cando era nena atopaba en Tarzán un aquel: parecíame fascinante, salvaxe, primitivo, puro e libre.
17. Unha heroína? Pippi Mediaslongas. Rebelde e auténtica.
18. O teu músico ou música favorito/a? Non me podería decantar por ninguén.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Dalí e Lugrís.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Calquera que sexa capaz de saír adiante ante as adversidades. Eses son os verdadeiros heroes e heroínas.
21. O teu nome favorito? O meu. De nena horrorizábame, mais co tempo cheguei a querelo. Agora mesmo encántame: non podería chamarme doutro xeito.
22. Que hábito alleo non soportas? A hipocresía e a vulgaridade.
23. Que é o que máis detestas? Non son de odiar. Paréceme un sentimento frustante para quen o sinta, mais si aborrezo algunhas cousas. A inxustiza, a que máis.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera ditador.
25. Un feito histórico que admires? Como a miña nai viúva sacou adiante a cinco fillos.
26. Que virtude desexarías posuír? Gústame ser tal e como son, coas miñas virtudes e os meus defectos.
27. Como che gustaría morrer? Gozando plenamente.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Contenta. A pesar de tódalas tormentas nacín con esa predisposición e agardo que non me abandone nunca.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? O medo e os seus derivados.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Teño dous: “querer é poder” e “vive e deixa vivir”.”

Carlos Taibo: “Cando alguén celebra a desaparición dunha lingua, pregúntome que ten dentro da cabeza”

Entrevista de Antón Escuredo a Carlos Taibo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal é a razón escribir agora unha obra entre autobiográfica e lingüística?
– Carlos Taibo (CT): Ás veces non hai unha razón precisa. A miña vida intelectual, e non lle dou ningún relevo a este adxectivo, é unha mesa con catro pés. Un deles é o meu traballo na universidade vencellado coas mudanzas na Europa central e oriental. Outro o activismo político que me invita a contestar ao capital e ás súas regras. O terceiro serían os libros como obxecto marabilloso sen os que a miña vida non tería sentido. E o cuarto as linguas.
Decateime non hai moito que boa parte das historias e brincadeiras que eu conto teñen unha base lingüística. Pareceume que tiña sentido de facer unha homenaxe ás linguas que para min son a creación máis marabillosa da especie humana. Ese é o miolo do que xorde o libro.
– ND: Ese amor polas linguas tamén é algo revolucionario nun mundo que, cada vez máis, procura concentrarse en poucas e dominantes?
– CT: Cando alguén celebra a desaparición dunha lingua, eu pregunto que é o que ten dentro da cabeza. A desaparición dunha lingua é a desaparición dunha cultura. Certamente, aínda que no libro hai unha dimensión de brincadeira, mesmo nalgún caso canalla, hai unha reivindicación das linguas e singularmente das linguas minorizadas.
Este libro é produto dun compromiso lingüístico coa lingua do meu país, o galego-portugués. É unha mestura entre a vocación de chamar a atención dunha maneira razoabelmente divertida e relaxada sobre as linguas e ao mesmo tempo unha reivindicación política coas que están nunha situación difícil e que creo que merecen o noso apoio.
Debo salientar, en calquera caso, que eu non son un gran dominador de linguas. Ás veces a xente pensa que eu teño grandes habilidades, que son un políglota e non é así. Son un curioso que foi mergullando en moitas linguas e que espera seguir facéndoo no tempo..
– ND: Boa parte do libro trata do reintegracionismo e da necesidade dun intercambio mutuo. Hai esa vontade tamén en Portugal e no mundo lusófono?
– CT: Esa vontade foi forte na retórica mais nos feitos débil. Porén, teño a impresión de que as cousas están empezando a mudar. Ultimamente escoito moito en Portugal, cando saben que es da Galiza, dicir “que sorte tedes na Galiza que conservades a nosa lingua primixenia cando a nosa está deturpada pola influencia do inglés e falamos cada vez peor”. Esa idea ten a parte saudábel de que identifican unha xenealoxía entre o galego e o portugués mais a parte débil é unha ignorancia manifesta do estado decrépito da lingua da Galiza.
De calquera maneira, este tipo de percepcións en Portugal significan que algo está comezando a mudar. Nos estamentos oficiais probabelmente continúan a triunfar a retórica que anuncia unhas cousas mais sen medidas precisas que supuxesen un achegamento efectivo entre os dous espazos lingüísticos.
– ND: Cales cre que son os atrancos máis importantes que teñen as persoas para non dar o salto ao galego-portugués?
– CT: Eu pasei por esa situación hai 20 anos. Houbo unha época en que eu era reintegracionista, porén empregaba a ortografía oficial. O paso non é sinxelo. Escribir un galego reintegrado reclama un esforzo innegábel. Mais, sospeito que por tras hai un exercicio de comodidade, de aceptación dunha orde que sabemos que non é a nosa e que depara certas vantaxes.
Eu non podo queixarme moito de ter sido discriminado por empregar un galego internacional ou reintegrado. É verdade que é unha reflexión un pouco falsa por ser expulsado dos medios de comunicación do sistema, polo que non ten sentido escribir en galego internacional en La Voz de Galicia porque non penso en escribir nese medio.”

Cuestionario Proust: Emma Pedreira, desde Lecturafilia

Entrevista a Emma Pedreira en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? A coherencia.
2. Que calidade aprecias máis nun home? O sentido do humor.
3. E nunha muller? O mesmo.
4. Que agardas das túas amizades? Empatía.
5. O teu principal defecto? Falar sen filtros (un eufemismo para bocachancla?).
6. A túa ocupación favorita? Observar.
7. O teu ideal de felicidade? A tranquilidade absoluta: silencio, espazo e saúde.
8. Cal sería a túa maior desgraza? A falta dos meus seres queridos.
9. Que che gustaría ser? Unha creadora viaxeira, sempre en movemento por fóra e por dentro.
10. En que país desexarías vivir? Nun onde os dereitos de todos os seres fosen respectados.
11. A túa cor favorita? Depende do momento. Ultimamente o amarelo.
12. A flor que máis che gusta? A caléndula.
13. Que paxaro prefires? A andoriña.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Cristina Sánchez-Andrade, Jeanette Winterson, Sarah Hall, Angela Carter, Marilar Aleixandre, Pilar Pedraza.
15. E poetas? Olvido García Valdés, Joyce Mansour, Anne Sexton, Olga Novo…
16. Un heroe de ficción? O barón rampante.
17. Unha heroína? –
18. O teu músico ou música favorito/a? P. J. Harvey.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? As miñas referencias de pintura ultimamente están nas paredes das rúas. Muralistas (Lidia Cao, Nana, Cestola na cachola, Lula Goce) e grafiteiras anónimas.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Son máis de heroicidades anónimas, de persoas que loitan polos dereitos cada día, que tiran da vida coas mans, sen grandes publicidades.
21. O teu nome favorito? Encántanme os que rematan en –el.
22. Que hábito alleo non soportas? O cuñadismo, o pois anda que eu, o pois eu máis…
23. Que é o que máis detestas? A falta de empatía.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera ditador.
25. Un feito histórico que admires? Os que teñan que ver coas liberdades, os dereitos e as identidades.
26. Que virtude desexarías posuír? A paciencia.
27. Como che gustaría morrer? Rindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Paso da euforia á negrura con moita facilidade.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que veñen de serie coa inocencia.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? O caso é non levar un gholpe!”