Santiago: espectáculo de poesía e humor Super-Market

O xoves 14 de novembro, ás 21:30 horas, na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, nº 44) de Santiago de Compostela. Super-Market pode definirse como Stand Up Poetry: xa que se achega moito ao espectador dende o humor, pero dun xeito poético. Nace da necesidade de mesturar as diferentes disciplinas artísticas polas que transita Esther F. Carrodeguas: a escrita poética, o recitado, a interpretación, o clown ou a investigación xornalística (en referencia á alimentación nos supermercados, neste caso).

A lírica desde o escenario

Desde Cultura Galega:
“Elementos teatrais, música, vídeo. Xa non se trata de que os poetas incorporen as novas tecnoloxías para apoiar o texto. Nos últimos tempos están a se desenvolver en Galicia diferentes iniciativas que traballan a poesía como unha posta en escena na que diferentes disciplinas se integran nun espectáculo complexo. Propostas como (Retro)visor e DandyLady están a incorporar á axenda cultural do país este xeito de entender a lírica coas súas xiras. (…)
Para Antía Otero “fóra de aquí hai xa tempo que se traballa noutros formatos, é lago que se ve nos festivais de poesía. Pero penso que en Galicia non estamos nada lonxe”. Segundo asegura, “somos bastante xente que traballamos para que a poesía non sexa entendida unicamente como o papel, que non debe desaparecer, pero está por explorar as posibilidades de hibridar a poesía coas artes escénicas, a danza ou o audiovisual para un público cada vez máis ávido de cousas novas”. Coincide con ela Pinheiro, quen apunta que “aos poucos está a se asentar a poesía escénica e os videopoemas. Hai aínda pouca cousa, pero tanto a nivel galego como ibérico e europeo está a ser unha nova onda de xente que busca xeitos de contar a poesía desde unha perspectiva moi cotián”.
A estas súmanse aínda propostas que integran elementos escénicos ou musicais como Poetas da Hostia, dentro que aparenta ser un rexurdir da poesía ao vivo. Deste xeito, Branca Novoneyra sinala que “hai poetas actrices, bailarinas e cantantes, tamén hai actrices e moitos músicos amantes da poesía. Parece que a poesía expandiuse fóra do papel. Nun intre onde a edición do xénero en Galicia é marxinal, os poetas publican pouco pero len e actúan en público. A poesía oral volve, as lecturas e as escenas poéticas libéranse dos espazos institucionais”. Segundo Otero “a poesía nunca estivo agochada. Si é certo que agora ao mellor aparece un grupo de xente que toma o recital doutro xeito, ven que hai aí unha opción marabillosa de comunicar co público e entón si pode haber certo movemento, aínda que penso que nunca o deixou de haber”.”

Campaña de crowdfunding para Implícate! Noite de música e palabra solidaria, que terá lugar o 12 de xaneiro de 2014

Está xa na rede a campaña de crowdfunding para a celebración da edición de 2014 de Implícate! Noite de música e palabra solidaria, organizada por Implicadas no Desenvolvemento.

Data: Domingo, 12 de xaneiro de 2014. Ás 20:30 horas.
Lugar: Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 22).
Presentan: A poeta Yolanda Castaño e o actor Luís Tosar.
Organiza: A ONG galega Implicadas/os No Desenvolvemento.

Obxectivos do festival:
O obxectivo do Implícate! Noite de música e palabra solidaria, no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento, invitar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os cartos recadados con esta iniciativa destínanse integramente a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas.
Esta iniciativa lévase a cabo dende o ano 2006 en colaboración co Concello de Santiago, co Teatro do Morcego e con outras organizacións e institucións galegas. Dende o 2007 celébrase sempre no Teatro Principal de Santiago de Compostela e conta coa colaboración desinteresada dos artistas así como dos presentadores do festival. Consulta un vídeo resumo do festival Implícate! no 2013.
Ao longo da noite do Implícate!, o público pode gozar das actuacións dos artistas galegos e coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, o tipo de proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar a cabo en comunidades do Sur e as actividades de sensibilización e concienciación que realiza no ámbito galego.

Este ano o cartel do Implícate! Noite de música e palabra solidaria está formado por:
MÚSICA:
Najla Shami.
Doa.
Ataque Escampe.
DANZA
Druída Danza.
LITERATURA
Olga Novo.
Cesáreo Sánchez.
Elvira Riveiro.
Daniel Salgado.
TEATRO
Camila Bossa e Iolanda Muíños.
David Perdomo.

A Coruña: último espectáculo de A caricia da serpe

Desde La Opinión (a foto é de Aitor Saavedra):
“O mércores 16 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o último concerto de “A caricia da serpe”, o grupo formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo. Lonxe de ser unha ruptura, o poeta destaca que “hai que pasar páxina e facer novos encontros de cabeza xuntos”, polo que non descarta volver cruzar camiños cos seus compañeiros. (…)
A fusión de poesía e música que marcaron os últimos quince anos das súas vidas deron para falar sobre “cousas que andaban por aí, que podería falar calquera”, nas que o poeta rememora temas de actualidade como a da Pateira. Un tempo sen egolatrías, xa que Braxe di ter o seu ego “gardado no frigorífico”, pero que serviron para poñer palabras en baleiros sen ocupar, convertendo “as letras en caricias e a música en serpes”. Xogos malabares coa lingua e a melodía que mañá marcarán o principio de algo máis.”

Rianxo: actos do xoves 25, venres 26 e sabado 27 na Feira do Libro

O Concello de Rianxo organiza, xunto á Federación de Libreiros de Galicia e a Xunta, dentro dos actos do Verán Cultural 2013, unha Feira do Libro, que estará aberta de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 23:00 h. na Praza Castelao. Os actos literarios destacados para o xoves 25 e venres 26 son os seguintes:

Xoves 25
13:00 h. Dentro da inauguración, actuación poético-musical de María Lado e Lucía Aldao.

Venres 26
20:30 h. Casa do Concello. Xosé Neira Vilas presentan os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais, e Aquel neno, publicado en Embora.
21:30 h. Casa do Concello. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais de Galicia, e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado pola Editorial Galaxia. O moderador será Xerardo Agrafoxo.

Sábado 27
13:00 h. Casa do Concello. Presentación de Ninguén lembra, de Vanesa Santiago, publicada por Urco editora.

Lugo: comeza a Feira do Libro

O martes 14 de maio bota a andar a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Martes 14
19:00 h. Inauguración da feira. Actuación dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.
20:00 h. Urdime Teatro representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

Mércores 15
19:00 h. Presentación do libro Feminismos, da escritora María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora do libro, participará no acto Encarna Otero. Ao remate da presentación, a escritora asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Trama.
20:00 h. Coloquio con humor: Contos das 3.651 noites. Divertidos relatos a cargo de Lois Pérez.

O Porriño: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao

O venres 12 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Liceum do Porriño (Rúa Ramón González, 16), terá lugar o recital poético e musical Con dez poemas por barba, coa participación de María Lado e Lucía Aldao. O prezo da entrada é de 4 euros (2 para as persoas socias do Pub).