Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 28 e domingo 29 de abril

O sábado 28 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 28
12:30 h. Pregón a cargo de Rosa Aneiros.
13:00 h. Inauguración da exposición Lorca & Galicia. A viaxe de 1916, por Alvarellos Editora.
19:30 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, publicado pola Fundación Galiza Sempre. Participan no acto Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.

Domingo 29
12:00 h. Xoán Babarro asina exemplares de O baúl de Domingo Quintas e Ana María Fernández e Enrique López de Ring… Ring! Quen rima? na caseta da Libraría Aenea.
20:30 h. Presentación de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xavier Senín. Participan os autores e Marta Neira.

A Coruña: visita guiada á exposición Como se imprime un libro. Grafistas e impresores en Bos Aires 1936-1950

O martes 10 de abril, ás 18:30 horas, organizamos unha VISITA GUIADA á exposición Como se imprime un libro. Grafistas e impresores en Bos Aires 1936-1950, na sala de exposicións da Fundación Luís Seoane. Estaremos acompañados por Silvia Longueira, comisaria da exposición, e por Mª Antonia Pérez. documentalista e grande coñecedora da obra de Luís Seoane.
Da man dos exiliados galegos en Arxentina naceron 4 das grandes editoras latinoamericanas. Para coñecer esa parte da historia cultural dos exiliados en Arxentina e tamén as pezas chave da gráfica editorial arxentina durante a chamada ‘época dorada da edición’ e polo que organizamos esta visita guiada.
Para poder participar tedes que enviar un correo ou tamén podedes facelo través do formulario da web da A. C. Alexandre Bóveda.

Vigo: mostra «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo»

Desde Afundación Vigo:
“Do 6 de abril en adiante podes visitar na Sede Afundación de Vigo a exposición «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo», un diálogo artístico entre obra visual-obxectual e poesía discursiva dos dous artistas, canda a interpretación plástica de poemas dun amplo conxunto de autor@s galeg@s. Remata o 28 de abril.
O diálogo artístico entre Baldo Ramos e Pepe Cáccamo desenvolve, a través do proxecto expositivo A dobre páxina, unha nova modalidade comunicativa no proceso de interacción entre a poesía discursiva e a poesía obxectual. O libro, a plataforma clásica da palabra, é agora o soporte físico das intervencións, tensións e conversas entre ambos artistas, creando libros-obxecto de fondo valor literario e estético.
A dobre páxina pódese entender como o terceiro proxecto despois de Cara inversa no 2014 e Libros conversos no 2016, no que os artistas foron dessenvolvendo esta conversa artística. Na mostra intensifícase a proximidade entre as poéticas discursivas e visuais de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. O libro de vello é a materia sobre a que traballan, intervindo cada un sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, en equilibrio ou contraste de estilos, con natural préstamo recíproco das linguaxes propias de cada autor. O obxectivo procura, alén do fortalecemento dos vínculos expresivos que van tecendo desde hai anos o seu diálogo creativo, a solución dun reto: construír pezas artísticas unitarias nas que se fundan –sen confundirse– e complementen as propostas individuais de cada autor. O mesmo horizonte perseguen as liñas de versos que, na parede da sala actuarán ao xeito de pé de foto.”

A Coruña: Libros a monte 2018