Arquivo da categoría: Exposicións
Vigo: presentación-recital de Criptografías, de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo
Gálix e o Concello de Pontevedra renden homenaxe a Fina Casalderrey cunha exposición
“A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil foi a encargada de elaborar para o Concello de Pontevedra unha exposición sobre a escritora Fina Casalderrey, candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e ao premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o “Nobel da Literatura Infantil”. A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.
A mostra, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias e está composta por 20 paneis que narran o seu percurso vital e literario. Son as propias palabras de Fina as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira. Desta maneira retrátase unha autora referente da nosa literatura contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén se presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.
Dende Gálix agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra e consideran esta homenaxe un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey.”
Xinzo: mesa redonda e recital poético “Mulher, Terra e Língua”
A Coruña: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 5 de abril
A Polavila Docampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, o 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.
A deste ano é a primeira e celebrarase no Fórum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1). Nela participarán poetas, músicos, narradoras/es orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades.
Programa da xornada do 5 de abril 2024:
– 18:00-18:15 horas: apertura da Polavila, da exposición bibliográfica sobre Xabier DoCampo e das adhesións recibidas de bibliotecas escolares, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 18:15-19:00 horas: Vouche contar un conto, sesión de contos para público familiar na sección infantil da Biblioteca do Fórum Metropolitano. Require inscrición previa.
– 19:00 – 19:45 horas: Catro cartas, lectura pública e continuada deste libro a cargo de amizades de Xabier DoCampo, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila Docampo 2024, no auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre até completar capacidade. Estará conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Contará coa presenza dos membros da Xeración Lamote Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero. Haberá lecturas de textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades: Francisco X. Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematará a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. A música correrá a cargo da cantora Uxía.
Ademais, o 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11 da mañá haberá un encontro cos clubs de lectura das bibliotecas municipais na Biblioteca do Fórum Metropolitano coa participación de María Xesús Fernández (crítica e tradutora de LIX), Xosé Cobas (ilustrador) e Martin Pawley (crítico de cinema). E durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano rende homenaxe ao escritor Xabier P. DoCampo a través da súa programación.
Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano (Concello da Coruña) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.