Mario Regueira gaña o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, con Outono aquí

O sábado 10 de setembro, e convocado polo Concello do Grove e a Editorial Sotelo Blanco, deuse a coñecer a obra gañadora do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011. O xurado, composto por Armando Requeixo, Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Ánxela Gracián e mais Chelo Suárez, esta última en calidade de gañadora da anterior convocatoria do galardón, decidiu, por unanimidade, outorgar o premio á novela presentada baixo o título Outono aquí, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do narrador, poeta e ensaísta ferrolán Mario Regueira. Nesta obra (que estará nas librerías previsiblemente contra finais de ano) Regueira narra a historia dun reencontro entre dous irmáns orfos. Un deles —o maior, famoso cantante que vive na cidade belga de Gante— sofre unha enfermidade grave e, logo dunha delicada operación, vese obrigado a gardar unha moi longa convalecencia encamado, así que opta por retomar o contacto co seu irmán menor —operario que mora nunha cidade galega—, co que hai anos que non ten maior relación, e decide chamalo cabo si. O que segue despois é unha intensa trama onde o papel da rememoración dos tempos da infancia e mocidade pasadas se entremestura coas complexas vivencias do presente, nas que o amor, a fidelidade e a xenerosidade alternan co odio, o rancor e a incomprensión creando un fresco de paixóns sostido por uns personaxes magnificamente perfilados e de grande fondura psicolóxica.

Isaac Xubín gaña o premio literario Os Viaductos

“O premio literario de relatos curtos en galego Os Viaductos recalou este ano no filólogo coruñés Isaac Xubín, quen gañou 1200 euros e a publicación da obra presentada, titulada Le pied de Julien Dupuy. O novo autor explicou que o conto, de apenas seis páxinas, “narra a vida de tres persoas en Francia, en tres relatos diferentes unidos por un pano de fondo que é o deporte do rugbi”. O xurado do certame tamén recoñeceu os traballos de Pedro Feijóo Barreiro (O segredo do viaducto) e Alberto Rodríguez (Contradanza para dous coellos). A entrega de premios deste prestixioso concurso literario para mozos tivo lugar o sábado pasado na Casa da Torre, coa asistencia do escritor e académico da Real Academia Galega e xefe de Policía de Galicia, Luís García Mañá, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, o alcalde Javier Bas e o concelleiro de Cultura Alberto Pazos”. Vía Bibliotecas de Redondela.

Iria Morgade gaña o 7.º Premio Biblos-Pazos de Galicia coa obra Verbas no ar

‘Iria Morgade Valcárcel, unha moza de Poio (Pontevedra) de 23 anos que vén de licenciarse en Políticas en Madrid, é a gañadora do 7º Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou o 22 de xullo do 2011 no transcurso da tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao (a quince quilómetros de Compostela) a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Xabier P. Docampo como titor e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. (…)
A novela Verbas no ar, da que é autora Iria Morgade Valcárcel, resultou gañadora por unanimidade ao considerala o xurado unha obra “actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno”. Para o xurado, integrado por Xabier P. DoCampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, “a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas e nos parágrafos de pouca extensión, que procuran máis a suxestión cá descrición. Seguindo un estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario, Iria Morgade sabe o que fai disparando verbas ao ar”. Segundo o fallo, Verbas no ar “amosa o texto que as florituras non son necesarias para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe tamén que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza, como ela o fai a través das palabras dun Ayat que sufre lonxe pero que o sentimos preto grazas a ese certo ton de crónica que impregna a novela”. Verbas no ar, engade, “zóupanos con imaxes duras, facéndonos partícipes á forza dunha novela real. Percíbese tamén a tentativa da autora da incitación á loita, filosofando sen cortapisas, e instigándonos a filosofar a nós tamén. Así, o sabor agridoce que nos deixa a súa lectura é un dano colateral necesario, como moitos dos que sufren os personaxes. E, á fin e ao cabo, estes danlle voz a un manifesto que debera ser universal…”. O xurado “valora tamén positivamente os outros traballos finalistas e anima a Iria Ameixeiras Cundíns e a Andrés Carrasco Solla a rematar os seus respectivos proxectos dadas as moitas posibilidades que se apuntan neles”. Ambos autores recibiron cadansúa placa como finalistas. E Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo recibiron cadansúa escultora creada por Ramón Conde para os titores do premio. O acto concluíu coa entrega doutro galardón, o 3º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia e que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, que este ano correspondeu ao exconselleiro Vázquez Portomeñe polo seu labor de recuperación do Camiño de Santiago.’ Vía Biblos Clube.

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.

Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, é o título da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo “supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo”. A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.’ (La Voz de Galicia).

Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.

– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigasPrometeo e Trampa de luz.  Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Prometeo, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña (1977) e corresponde ao título A chave da Atlántida, novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica. O autor premiado declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. “Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o Premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.”

– O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas ÁnxelaGabirroPelouro. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pelouro, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré (1960) e corresponde ao título Febre, obra que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial. O autor comentou que Febre naceu dos seus recordos. “Cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo ‘nos tempos do volframio…’ Eran como o “érase unha vez nun país  de moi lonxe” dos contos de fadas, a diferenza estaba en que esas historias pasaran aquí mesmo. Eu non sabía moi ben o que pasara naqueles tempos do volframio, pero escoitaba fascinado por un mundo que me parecía completamente diferente ao que eu coñecía, un mundo de aventureiros que andaba na procura dun ouro negro, de xente que andaba armada pola rúa, que arriscaba a vida por unha beta de mineral. A min parecíame unha película do oeste. Decidín escribir esta historia deixándome levar por ese estilo das películas do oeste, un estilo épico que encaixaba perfectamente na loita do personaxe central, Carmucha, unha rapaza que ten que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte na procura da súa liberdade.”

– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa.  Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo e corresponde ao título Extramunde. O autor declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro. Entremedias 20 anos pasados de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito de resistencia contra a ignominia. Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Mais non é só iso, senón unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Extramunde, admite, pois, variadas lecturas, con distintos planos de profundidade, coma se un fose debullando unha a unha as capas dunha cebola, ate atopar o seu núcleo central e, no camiño, rir e soñar, anoxarse e sufrir, evadirse e finalmente, se cadra, chorar.”

A festa literaria da entrega dos premios Xerais consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, como mantedora literaria desta velada, rememorou no seu discurso: Escribir en nome propio, as trobairitz, as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. A autora sinalou que “o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.” Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Turismo, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios, e reclamou nestes tempos de recurtes a maior atención para o mundo do libro e da cultura.

Recollido tamén en Cultura Galega, Asociación Galega de Editores, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Xornal, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, Diario de Pontevedra, El Progreso, A Nosa TerraEuropa Press.

Na rede tamén se poden consultar as repercusións en diversos blogs e varias fotogalerías, como a de Manuel G. Vicente.

Rafael Laso gaña o premio Carlos Casares de microrrelato con Amor de Monicreque

Rafael Laso gañou a décima edición do Premio Carlos Casares de microrrelato, concedido polo Liceo de Ourense, coa obra Amor de Monicreque, pola que obtivo un premio en metálico de 1.500 euros. A entrega do premio de microrrelatos contou coa presenza de Javier Casares, Carlos Ramírez, e Teresa Devesa.