Desde
o Premio Pérez Parallé:
“O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato O vello e o minotauro.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.”
Arquivo da categoría: Premios poesía: ditames
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde
o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”
Gonzalo Hermo gaña o Premio Nacional de Poesía xove con Celebración
Desde
Sermos Galiza:
“O xuri considera que o mellor poemario composto en calquer das linguas do Estado en 2014 é Celebración, un libro editado por Apiario.
O premio -outorgado polo Ministerio de Cultura- está dotado con 20.000 euros. Hermo (Rianxo, 1987) é un dos valores emerxentes e de maior calidade da poesía galega. (…)”
O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns
Desde
o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:
– Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica).
– Exhumación.
– Do outro lado das portas (O Miño).
– Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita).
– Culpable (Nüwa).
A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.
O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.”
Silvia Penas obtén o XIX Premio de poesía Avelina Valladares
Obras premiadas do XLI Certame Literario Concello de Vilalba
“Dende
a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Vilalba, faise público os premiados no XLI Certame Literario do Excmo. Concello de Vilalba 2015.
– PRIMEIRO PREMIO, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, para o poemario Adagio por outono, presentado baixo o lema “Giacomo da Lentini”, por Modesto Fraga Moure, de Arteixo (A Coruña).
– SEGUNDO PREMIO, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, para o poemario, Poemas de ruxido e barruzo, presentado co lema “Barruzo” por Paulino Pereiro, de Ferrol.”
Eva Veiga gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Silencio percutido
“O
Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de Silencio percutido, escrito por Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.
O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha “poética do silencio”, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán-Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeras -como gañador da edición anterior-. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.”
Charo López Sánchez gaña o XV Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño
Desde
a A. C. Ergueitos:
“En Sarria a 22 de maio de 2015.
Reuniuse o xuri do XV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Marta Dacosta, Verónica Martínez e Miguel Anxo Fernán-Vello, actuando con voz e sen voto como Presidenta a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Por unanimidade acordouse conceder o XV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á obra presentada baixo o lema De como acontece a fin do mundo, co seudónimo Morgana de Camelot. O xurado valorou especialmente o discurso e o carácter unitario do libro, que constitúe una “crónica vital”, na que se entrelazan a experiencia existencial e a tensión social, unido isto a unha linguaxe poética de gran efectividade expresiva.
Aberta a plica en acto público ás 18:00 horas a obra presentada baixo o lema De como acontece a fin do mundo resultou ser da autoría de Charo López Sánchez.”
Emma Pedreira gaña o Premio Gonzalo López Abente con S/T
Desde
Sermos Galiza:
“O Premio de Poesía Gonzalo López Abente recaeu nun dos máis destacados nomes e unha das xa máis premiadas poetas da chamada xeración dos 90. O libro S/T, de Emma Pedreira, foi celebrado por unanimidade por un xurado composto polos poetas X. H. Rivadulla Corcón, Miguel A. Mato Fondo e Modesto Fraga, con Viki Rivadulla como secretaria.
O xurado adianta que a obra “indaga nos grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que soa moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo”. A escritora, que verá o seu novo libro publicado en Edicións Xerais, recollerá o premio nun acto que a Fundación organiza o vindeiro día 11 de xullo. (…)”
Coñécense as obras gañadoras dos Concursos Literários da A. C. O Facho
“A
Agrupaçom Cultural O Facho tem a bem de informar das Resoluçons dos Concursos Literários convocadas pola Entidade:
Concurso de Poesía:
– Premio à obra: Nenaespiraes, de Tamara Andrés Padín.
Concurso de Contos de nenos para nenos:
– Premios da Categoría A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Primeiro premio: Mentres dormes, de María Carballo Rodríguez. Alumna do CEIP Concepción Arenal da Coruña.
Segundo premio: O roubo de Pontenova, de Clara Brage Amado. Alumna do CPI Virxe da Cela de Monfero.
– Premios da categoría B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Primeiro premio: Samaín, de Jéssica Lorenzo González. Alumna do colexio Filipenses Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa.
Segundo premio: Pecha os ollos, de Carme Castrillo Solto. Alumna do colexio Maristas Santa María de Ourense.
– Concurso de Teatro Infantil:
Premio à obra: Estrela… fugaz?, de Carlos Labraña.
Crunha, 20 de Maio do 2015″
