Arquivo da categoría: Homenaxes
“Isidro Novo: transeúnte en tránsito”
Desde
Sermos Galiza:
“O A Fondo que acompaña o #sermos301 está dedicado a Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. O caderno de análise do Sermos alcanza esta semana o seu número 200.
Isidro Novo (Lugo 1951-2018). Un escritor nas marxes xeográficas e literarias de Galiza. A súa obra tanto en verso como en prosa retrata o demorado que facer dun creador ousado e meticuloso. Poeta enorme, narrador experimental, recitador brioso, acubillador de palabras esquecidas, persoa doce e afable, sempre elegante no dicir e no facer. O A Fondo que acompaña o #sermos301 céntrase no autor lucense.
‘Querido Isidro’, é unha carta de Cesáreo Sánchez Iglesias ao falecido escritor. Mercedes Queixas, en ‘Unha camelia negra e o canto dun merlo’, lembra e explica a súa amizade con Isidro Novo.
Xosé Ramón Freixeiro Mato lembra en ‘Palabras con memoria’ o compromiso do escritor pola recuperación de palabras galegas, nun labor que alicerza o rico patrimonio lingüístico popular e que tamén desenvolveu a través dunha sección semanal en Sermos Galiza.
‘A beleza das marxes’, de Calvo Vidal. Resulta evidente que o mundo literario de Isidro Novo hai que atopalo na súa orixinal escrita. Á marxe de cuestións contextuais e, polo tanto, accesorias. Unha escrita enraizada nos sentimentos, nos ideais, nos soños, nos pesadelos, nas preocupacións e nas dúbidas dun home, dun poeta que sempre foi en serio, como moi poucos seres humanos o fixeron.
X. H. Rivadulla Corcón con ‘As sensacións de sentir ao poeta Isidro Novo’ debulla a vertente poética do lucense. Lois Pérez, ‘Coma un curandeiro da memoria’; ‘Na memoria de Isidro Novo’, Xosé Vázquez Pintor; ‘A memoria’ de David Otero; Antonio Reigosa e ‘Como as bolboretas’ completan o caderniño.”
Ribeira: actos destacados na Feira do Libro para os 23 e 24 de xuño
O
24 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios durante o fin de semana de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 23
– 20:00 h. Escritores de Ribeira na Feira do Libro. Lectura e coloquio con Carlos Callón (Galegocalantes e galegofalantes) e Carlos Lixó (As Casas). Modera Manuel Cartea, presidente da A. C. Barbantia. Posterior sinatura de libros.
– 21:15 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia, publicado por Chiado Editora.
Domingo 24
– 13:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.
– 19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
– 21:00 h. Acto en lembnranza de Plácido Betanzos.
“A Festa da Queizán”, artigo de Marga do Val
Artigo
de Marga do Val en Sermos Galiza (foto cedida):
“A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente
Nós queriamos celebrar unha Festa, unha Festa para e con Queizán, unha idea que tivo Sabela Mouriz e que nos foi transmitindo. Xuntámonos Amanda Álvarez, Ana Romaní, Inma Rodríguez, Pilar Abreu, Ánxeles Castiñeiras, Camiño Noia e fumos botando redes, de Compostela a Vigo e a Galiza toda. Espallando a idea, botando redes e gardando o segredo máis secreto. Tiña que ser unha homenaxe do feminismo galego a María Xosé Queizán, por recuperarmos as mans, por tratar das evidencias, procurar no segredo da Pedra Figueira, facer da palabra silenciada unha Festa, darlle a volta ao discurso para nos incluír, cuestionar a metáfora patriarcal, celebrar o espertar das amantes, situarse fóra, na outredade, escribir a cólera, denunciar que ten o seu punto a fresca rosa. Nós, queriamos esa Festa para Queizán, nós, que nunca abrimos a súa obra como unha flor, nós, as amigas, as irmás, queriamos recoñecer, agradecer, gozar.
Moito camiño andou Queizán desde aquel día en que as monxas de Cluny, coas que só estaría dous anos, a quixeron expulsar por levar no entroido un bonito vestido, tuneado do da primeira comuñón, cun escote palabra de honor, todo un escándalo; finalmente, á nena adiantada, Sisi antes de Sisi, conmutáronlle a pena por un cero en piedade, grazas á intercesión da súa nai. Laxeiro retratouna co vestido e escribiu: Para a nena máis bonita de Galicia. Moito camiño foi o que andou esta nena bonita, logo, moza existencialista convencida con pixama negro, que trouxo de París as novidades literarias que haberían de influír tanto na Nova Literatura Galega, moito foi o que aprendeu, o que se concienciou, entre a escrita e a publicación de A orella no buraco e a escrita, nunha noite de San Xoán, daquel artigo da revista Triunfo en que se preguntou ¿Por qué es barroca la literatura gallega? Pasaran dez anos e un matrimonio. Logo viría un crédito á honra concedido pola Caixa de Aforros de Vigo que lle permitiu realizar os seus estudos de Filoloxía en Compostela mentres educaba unha filla e un fillo, crédito que devolveu co seu traballo de profesora de lingua e literatura galega, co que gañou a vida. Nunca lle regalaron nada, ao feminismo tampouco. (…)” (…)
O Escritor na súa Terra: Nacho Taibo. Oleiros, 2018
SOCIO DE HONRA DA AELG. Letra E 2018 – Oleiros
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Nacho Taibo, que será homenaxeado en Oleiros, terra na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Alejandra Sampedro), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido polo propio autor) e a colocación dun monólito conmemorativo.
PROGRAMA DE ACTOS


Carral: XII Agasallo a Luís Seoane
Viveiro: A Escola de Idiomas pasa a chamarse EOI de Viveiro Luz Pozo Garza
Carballo: inauguración da exposición colectiva en homenaxe a Asunción Antelo
IES Xosé Neira Vilas, Perillo (Oleiros): Programa das xornadas dedicadas a Nacho Taibo, o 24 e 25 de maio
O
IES Xosé Neira Vilas de Perillo, Oleiros (Rúa Xosé Neira Vilas, 3), vai homenaxear a figura de Nacho Taibo, con motivo da próxima edición do Premio Escritor na súa terra – Letra E. O programa é o seguinte:
Xoves 24 de maio
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Nacho Taibo, a historia que agroma nos relatos. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Cesáreo Sánchez (presidente da AELG), Xosé Manuel Martínez Oca, María Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 4º e 1º de Bacharelato.
– 12:30 a 13:20 h. Mesa De narrador a narrador: Xián Alcayde Dans entrevista a Nacho Taibo. Interveñen Xián Alcayde Dans e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 1º ESO.
Venres 25 de maio
– 10:30 a 11:20 h.. Mesa “Encontro de Nacho Taibo cos lectores de As boas familias”. Intervén Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 3º ESO.
– 11:20 a 12:10 h. Mesa Encontro do profesor cos compañeiros. Interveñen Agustín Fernández Gago (director do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas), Pepe Couce, Ana Crego, Eduardo Álvarez, Xosé Manuel Fraguela e Nacho Taibo.
Asistirá o alumnado de 2º ESO.




