Cunqueiro e Gimferrer, por Antonio Reigosa

DesdeAntonio Reigosa a páxina web de Antonio Reigosa:
Cunqueiro só foi convidado a visitar a Real Academia Española despois de morto. Nunha ocasión, tres anos despois do seu falecemento, chegou alí da man da escritora Elena Quiroga, cando no seu discurso de ingreso na augusta casa, pronunciado o 8 de abril de 1984, falou de “Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro”.
Pasarían moitos anos ata que outro académico convocase o seu espírito para lembrar, esta vez con apaixonamento, a grandeza e singularidade da obra do escritor mindoniense. Era o 30 de xuño de 2011 e quen falou con tal devoción da excepcionalidade da obra de Cunqueiro foi Pere Gimferrer. “En el regreso de Álvaro Cunqueiro” era o reclamo co que aquel día debullou o poeta catalán, sen papeis, unha lección maxistral arredor dun escritor illado e único, pois dixo que non tiña antecedentes nin descendentes literarios.
É certo que algo lle debía Gimferrer a Cunqueiro desde o 26 de abril de 1964. Nesta data, no Faro de Vigo que estaba a piques de comezar a dirixir, Cunqueiro, parapetado tras do pseudónimo A. L. (Alvaro Labrada), dedicoulle unha eloxiosa crítica a un dos primeiros libros de poemas do autor catalán. Escribía Cunqueiro que de todo o que lera naqueles tempos, o que máis o sorprendera e espertara fora aquel “Mensaje del Tetrarca” que o mozo de 18 anos chamado entón Pedro Gimferrer acababa de publicar.
Recoñeceu Gimferrer que só Cunqueiro entendeu e comprendeu os seus poemas, e que naquela análise tan favorable estaba o principio de todo canto de bo tivo, que foi moito, a súa excelente carreira literaria. Sigue lendo

A Coruña: O fillo da furia. 20 voces por Lois

OFilloDaFuriaLOIS-bannerO domingo 28 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar O fillo da furia. 20 voces por Lois, homenaxe a Lois Pereiro, froito dunha colaboración entre AELG e o Concello da Coruña.
Coa participación de Alfredo Ferreiro, Álvaro Antelo, Ana Romaní, Antía Otero, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Iolanda Zúñiga, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mario Regueira, Miguel Mato, O Leo i Arremecághona, Ramiro Torres, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas, Xavier Seoane, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xulio Valcárcel e Yolanda Castaño.
Coa colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.
Produción: Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas e Lino Braxe.

OFilloDaFuriaLOIS-cartelOFilloDaFuriaLOIS-postal_002

Os vellos non deben de namorarse, por primeira vez en versión para monicreques

DesdeFantoches Baj Os vellos Sermos Galiza:
“Pontevedra e Rianxo acollerán este próximo sábado a estrea en Galiza da que é a primeira versión para títeres da obra teatral Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.
A estrea da adaptación a marionetas de Os vellos non deben de namorarse presentouse a terza feira 26 de xaneiro no Museo de Pontevedra e os primeiros pases da representación, abertos a todos os públicos, terán lugar o sábado 30 de xaneiro ás 12 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o mesmo día, sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo. En ambos lugares da estrea a función será de balde. En Pontevedra as entradas convite poden retirarse xa calquera destes días pasando polo propio Sexto Edificio do Museo; e en Rianxo, as entradas convite poden retirarse desde unha hora antes do comezo da función, no propio Auditorio municipal.
Os vellos non deben de namorarse de Fantoches Baj está dirixida por Inacio Vilariño. Para deseñar os bonecos -tarefas da que se encargou o propio Inacio e o artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez “Luchi”- a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao. A partir desta semana, a obra estará en distribución co obxectivo de chegar ao público de todos os concellos de Galiza.”

Fondo pesar na cultura polo home “que vía o mundo desde a pedra de afiar”

DesdeXosé Fernández Ferreiro Sermos Galiza:
“A cultura galega volve mobilizarse para despedir a un dos seus: Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista e membro do grupo Brais Pinto. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, en Agrela (A Coruña), onde a sexta feira 18 de decembro, ás 15:15 horas, se lle renderá unha homenaxe.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, a persoa que máis estivo con el nos últimos tempos, dedícalle un sentido post no seu blog: “Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con (…)”
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destaca o Ferreiro “amigo e persoa entrañable, como compañeiro e como irmán maior, xeracionalmente falando”. Da súa actividade como escritor, subliña que “abriu camiños literarios, tentando tamén unha normalidade na literatura galega, facendo unha literatura máis popular que xa se estaba a facer noutras partes”.
“Quixo facer unha inmersión na normalidade literaria coa súa obra”, explica o poeta. “El dicíame que o feito de ser xornalista podía non ser precisamente un aliado, e que iso influía nos temas que trataba”.
“Para min é un referente afectivo e profesional, para min foi un gran trompazo”, di Álvarez Pousa, que compartiu profesión con el en La Voz de Galicia. “Fíxenlle unha entrevista hai pouco e amosábase preocupado porque o pouco que tiña non sabía a quen llo ía deixar, pois quería facelo a alguén que o precisase”.
Del Pousa destaca que “sempre estaba alegre, aínda que era moi socarrón, tiña un sentido do humor moi de Ourense, cunha visión do mundo desde a roda de afiar, vía o mundo a través dela e esa era seguramente a principal metáfora que explicaba a súa maneira de ver o mundo”. Tamén foi un home “moi desafiante, no sentido da necesidade de sentirse libre e dono de si”.”