A Guarda: presentación de O burato do inferno, de Xosé Manuel e Ramón Trigo

Despois de ser presentada o mércores 11 na Feira do Cómic da Coruña, este xoves 12 de agosto ás 20:30 horas, os irmáns Xosé Manuel e Ramón Trigo presentan a novela gráfica O burato do inferno, publicada por Faktoría K de Libros, no Museo do Mar da Guarda (Atalaia do Paseo Marítimo). No acto intervirá o escritor Marcos Calveiro.

A Coruña: presentación de Milu, de Manuel Rivas

A Fundación Meniños é a promotora da publicación de Milu, un álbum infantil escrito por Manuel Rivas, con ilustracións de Aitana Carrasco e editado por KALANDRAKA, que pretende reflectir a situación dos nenos e nenas en situación de desvantaxe social. O libro presentarase o mércores 12 de maio a partir das 20:00 horas na Fundación Luis Seoane da Coruña, en vésperas da celebración do Día da Familia (15 de maio). Participan o autor da obra, Manuel Rivas, o vicepresidente da Fundación MENIÑOS, Xosé Manuel Villanueva, e o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros.

Pasamento do ilustrador Perfecto Estévez

A Asociación de Escritores en Lingua Galega mostra o seu inmenso pesar polo pasamento de Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles.

Recital poético: Capela do Tanatorio, hoxe 6 de maio, á unha da tarde

Cremación: Hoxe, 6 de maio, á unha e media da tarde

Tanatorio Servisa – Coruña, sala núm. 3, fronte ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. (entrada ao aparcamento pola estrada do Hospital de Oza).

Pep Bruno e Mariona Cabassa gañan o III Premio Internacional Compostela

«A obra titulada “La Familia C”, con texto de Pep Bruno (Barcelona, 1971) e ilustracións de Mariona Cabassa (Barcelona, 1977), é a gañadora do III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. O galardón, cunha dotación de 12.000 euros, conleva a publicación do libro en galego, castelán, catalán, euskera e portugués. Os traballos do catalán Raimon Juventeny Corberó, “Manual del buen paseante. Descripción en veinte puntos”, e da arxentina Vanina Soledad Starkoff, “Bailar en las nubes”, son os finalistas do certame.
O fallo do III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado marca o inicio da X Campaña de Animación á Lectura que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, en colaboración coa Galería Sargadelos. Co lema “Un gran soño”, a campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades dirixidas a pre-lectores, escolares, educadores,
bibliotecarios e promotores de lectura, público familiar e, por primeira vez, futuros creadores artísticos. Ata o 22 de maio, o programa ofrece sesións de contos e música, visitas guiadas á exposición de ilustracións e obxectos artísticos, obradoiros de escrita creativa e de ilustración, actividades formativas para o profesorado, encontros con ilustradores e charlas para familias.»

Premio Internacional para un libro de Kalandraka

O león Kandinga de Boni Ofogo e Elisa Arguilé, editado por KALANDRAKA, foi un dos gañadores da segunda edición do concurso internacional CJ Picture Awards na categoría de Novas Publicacións. Neste apartado competían 635 libros de 39 países. A organización do certame vén de participar na Feria Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, cun stand no que amosou as obras premiadas.

A Fundación CJ de Cultura (CJ Culture Foundation) de Corea organiza o certame, co patrocinio do Ministerio de Cultura, Deportes e Turismo dese país, a Fundación Centro Cultural de Corea e a Asociación de Editores Coreanos.