Compostela: actividades destacadas dos 8 e 9 de maio na Feira do Libro 2021

O 8 de maio comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:

Sábado 8
12:30 h. Pregón de inauguración a cargo de Arantza Portabales.
13:00 h. Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas, publicada por Galaxia, e Historias de Mentes, publicada por Bululú.
13:00 h. Esther Carrodeguas asina Malcriada e 32m2, publicadas por Positivas.
18:00 h. Yolanda Castaño asina Xela quixo ser ela, publicado por Xerais.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
19:00 h. Beatriz Busto Miramontes asina Um país a la gallega, publicado por Através.
20:00 h. Antón Reixa asina Outlet, publicado por Chan da Pólvora.
20:00 h. Andreia Costas asina Corazón de vaca e outras vísceras, publicado por Urutau.

Domingo 9
19:00 h. Carlos Negro asina Non cantan paxaros neste bosque, publicado por Xerais.
20:00 h. Manuel Gago asina Nus, publicado por Xerais.

Pontevedra: Faladoiros do XXII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: “Emerxencia literaria!”

Xoán C. Domínguez Alberte: “No libro hai unha proposta de reivindicación, para dar a coñecer a nosa vida, os nosos nomes”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace este poemario [Nomes] e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, “Lugares”, deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo.
No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di “son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos”. Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo.
– ND: Entón a presenza da natureza non é só por tratar a toponimia senón tamén como reivindicación.
– XCDA: Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos.
– ND: Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra?
– XCDA: Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. (…)”