Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22

OFeira do Libro de Foz 2015 sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do venres 21

OFeira do Libro de Foz 2015 venres 21 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:30 h. Presentación do libro de literatura infanto-xuvenil Tempos de norte, de Mónica Justo e Roberto Martínez.
20:30 h. Presentación de Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. No acto participan, xunto ao autor, Moncho Ermida e Luís Gonçales Blasco.

Paula Carballeira: “Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira”

EntrevistaPaula Carballeira de Carlos Loureiro a Paula Carballeira en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Canto de Paula Carballeira hai nas túas personaxes? -ti mesma tes confesado que te “disfrazaches en peles de personaxes”-…
– Paula Carballeira (PC): Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira, só que selecciono dentro de min os rasgos que mellor lles van e intento ver cara a onde me levan. Interpretar un personaxe é toda unha aventura, tes que arriscarte e deixarte ir da man da persoa que dirixe, explorando as túas posibilidades como intérprete de emocións, de movementos, de ficcións. (…)
– NG: Escribir e contar contos para idades máis temperás require imaxinación, compromiso… pero cando falamos de versos, iso xa é outra cousa, e estamos a nos referir ás túas obras poéticas de Contatrás
– PC: A poesía require se cadra maior imaxinación, maior compromiso, como dis, hai que seleccionar moi ben as palabras, escoitar a súa música, debuxalas no papel. Para min a poesía sería a linguaxe universal, porque nela se crean xogos, melodías, imaxes, todo un mundo.
– NG: E para amosar unha vez máis a interdisciplinariedade entre xéneros, achamos a versión teatralizada das anteriores obras poéticas so o título de A folla máis alta… Sería buscando unha maneira mellor de chegar ao publico máis novo ou foron outras as circunstancias?
– PC: Con A folla máis alta pretendemos demostrar que ás veces a nosa condescendencia co público infantil non nos deixa descubrir que a súa capacidade de evocación, de entrar na ficción do xogo teatral, lles permite atopar respostas para desenvolverse no mundo que nos rodea. Desde a poesía, os ritmos, as coreografías de movementos e o humor, sorprendémonos coa boa acollida que o espectáculo tivo por parte do público e, ao mesmo tempo, puxemos o noso gran de area para contribuír ao emprego de formas teatrais contemporáneas tamén para público infantil e familiar. (…)”

Fina Casalderrey: “As novelas de María Victoria eran inxeccións intravenosas directas de sentimentos para a xente nova e non tan nova”

EntrevistaFina Casalderrey de Lara Rozados a Fina Casalderrey en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Como coñeceu a María Victoria Moreno e como foi a súa relación persoal con ela?
– Fina Casalderrey (FC): Todo comezou naqueles primeiros cursos de galego no ensino. Xa ves, veu unha extremeña aprendernos galego. Veu falarnos con paixón de Cabanillas e de todos os autores que permanecían para nós tapados con quilos de mala pintura. Veu ela falarnos deles neses primeiros cursos de galego, en Pontevedra e noutras zonas. Ela foi unha das nosas mestra de mestres. Lembro que ela falaba a moita velocidade, case aprendín a ser taquígrafa tentando non deixar atrás nada do que contaba. Pero relendo despois os apuntamentos, as cousas que dicía non só eran amenas e interesantes, senón que contaxiaban aquela paixón que ela poñía no que contaba, de Na noite estrelecida (de Cabanillas), e das pequenas cousas que ela sabía e che ía debullando. Despois fixémonos amigas pouquiño a pouco…
Lembro unha crítica que fixera, sen ter aínda confianza comigo, de O misterio dos fillos de Lúa, que remataba “O defecto que lle vexo é que me gustaría telo escrito eu”. Lembro tamén ler poesía xuntas… Canta poesía sabía esa muller! Sabía atopar versos para todo, sabía mirarlles as tripas… Nesa profundidade serena da amizade, sen ter que dar contas a ninguén… Aprendín tanto dela…
– SG: Notábaselle esa sensibilidade na escrita.
– FC: Na escrita e na vida. Ata o seu xeito de lear os cigarros tiña un rito poético. Dunha volta, viñamos de Santiago, dun acto, as dúas na súa “Teresita” (só a ela se lle puido ocorrer poñer ao seu coche -vermello, por certo- un nome de muller), ela conducía e pediume que lle lease un cigarro. Eu, que tantas veces a vira facelo, tentei imitala, pero cando llo entreguei, dixo “Isque é un vurullo de cuspe!”
Sabía moitísimo de literatura! Eu dicíalle “Es tan sabia que ata es quen de aparentar impertinente”, con todo o cariño do mundo. “Si?”, respondía cun sorriso pillabán que pretendía inxenuidade. E non se cortaba cando alguén dicía unha incorrección ou unha mentira, ou mesmo unha frase mal construída… Rebentábana eses usos do infinitivo “Dicir que…”, ou o abuso dos xerundios… mesmo lles dedicara un soneto aos xerundios. Tería merecido máis recoñecementos… Dos lectores e lectoras, do alumnado… tenos, pero pola parte dos premios…
– SG: Se cadra por esa parte dos premios, da crítica, máis institucional, foi algo esquecida… Pero que significou para a LIX galega?
– FC: Pois ela foi das pioneiras, cando escribiu Mar adiante (1973), por exemplo, nese momento en que esta literatura estaba nacendo. Unha escritora galega, porque escribía en galego, amaba Galicia e, como ela mesma dicía, “Eu nunca lle puxen os cornos a Galicia”; de certo, defendeu Galicia coma unha Galega “da tribo”. Foi, cando aínda eran moi poucos/as quen facían literatura infantil e xuvenil de forma continuada, alá polos setenta, das que estaban aí. Tamén entrou na literatura xuvenil cando aínda non había en galego moito onde escoller, velaí aquela Anagnórise tan potente destinada á xente moza, e non tan moza, que afonda nos sentimentos que xorden nunha conversa entre unha muller madura e un rapaz nunha simple viaxe en coche. (…)”

Viveiro: acto literario destacado da Feira do Libro o sábado 15

OFeira do Libro de Viveiro domingo 16 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 15:

19:30 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participa, xunto ao autor, Cándido Meixide.

Viveiro: actos destacados da Feira do Libro do xoves 13

OFeira do Libro de Viveiro xoves 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:00 h. Lectura do pregón a cargo de Ledicia Costas.
20:30 h. Presentación de Un animal chamado néboa e Escarlatina. A cociñeira defunta, de Ledicia Costas, publicado por Edicións Xerais.

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do mércores 12

OAgosto cultural Cee mércores 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:30 h. Concha Blanco presenta O balcón do meu universo, publicado por Embora. No acto estará acompañada por Xosé María Lema Suárez.
13:15 h. Presentación de Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota, de Manuel Vilar Álvarez, publicado por SEMESCOM, nun acto onde participa tamén Xosé María Lema Suárez.
20:00 h. Presentación de O becho que quería comer a avoa, de Rocío Leira, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Marilar Aleixandre.
20:30 h. Presentación de 50 anos de historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema Suárez e Xosé María Rei Lema, acompañados no acto por Víctor M. Castiñeira Castro.
21:00 h. Presentación de Rubicundo, de María Canosa, publicado en Xerais. Presenta o acto Santiago Garrido.

A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9

OFeira do Libro da Coruña 2015 sábado 8 e domingo 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 8
18:00 h. Presentación de De paseo por Crunia, de Cristina Corral Soilán, publicada por Edicións Embora. Participa, xunto á autora, Cándido Meixide.
19:00 h. Presentación de Os medos, de Xabier Vila-Coia, publicado por Lapinga Edicións.
20:00 h. Concerto-presentación de Lucecús, de Pirilampo, publicado por Galaxia.
20:30 h. Xavier Alcalá presentará a nova edición de Fábula, publicada en Galaxia, acompañado de Tati Mancebo, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Víctor F. Freixanes.
20:30 h. Luís G. Soto asinará exemplares da súa obra na caseta de Editores Coruñeses.

Domingo 9
13:00 h. Encontro fantástico na Terceira Era. Presentación de Contos Estraños v. 7. Encontros na Terceira Era e de Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, editados baixo o selo Contos Estraños, de Urco Editora.

Portada Crunia