Entrevista de Sergio Casal a María Canosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle interesaba explorar en Dipnoi sobre todo o que non se di na adolescencia?
– María Canosa (MC): O libro é unha pequena análise da sociedade máis nova. Como están tan afeitas e afeitos a comunicarse a través dos teléfonos e das redes sociais, cunha pantalla de por medio, que despois lles resulta complicado mirarse en fite e dicir as cousas. Por outra banda, tamén fala sobre como se están modificando as relacións: o difícil que parece comunicar aos nosos o que sentimos mentres en internet soltamos o primeiro que se nos pasa pola cabeza sobre nós. Isto pasa tamén grazas a esa sorte de coiraza que ofrecen as redes sociais. De todos os xeitos, hai que ensinar tanto os pros como os contras deste tipo de comunicación, porque tamén hai cousas boas na rede.
– ND: Esa rede aparece como un espazo de verdade emocional fronte á vida presencial: é un refuxio ou un xeito de enmascarar identidades e emocións?
– MC: Pola mesma coiraza que un se pode poñer na rede, como un pseudónimo que ninguén ten por que coñecer, si que somos capaces de dicir todo aquilo que tememos dicir na realidade. Pensamos que é un lugar ao mellor máis diverso. Dun xeito ou doutro, xente que ten certos medos, debilidades ou preocupacións é quen de poñelas aí porque é un universo no que non temos cara. É certo que así parece máis sinxelo poder amosar a nosa identidade, pero porque non a ensinamos ao completo. É un pouco unha confrontación, que tamén podería ser un primeiro paso para atopar apoios. (…)”
Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Eva Mejuto: “Con esta obra pretendo facer partícipes ás crianzas de todas as loitas de Begoña Caamaño”
Entrevista de Sergio Casal a Eva Mejuto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que contar a historia de Begoña Caamaño a través dun álbum ilustrado?
– Eva Mejuto (EM): Para min o álbum ilustrado é a modalidade narrativa máis atractiva e estimulante para as crianzas. Contar unha historia coa combinación de texto e imaxes paréceme como autora moi divertido; e, como lectora de álbum ilustrado, penso que é un formato ao que se lle pode sacar moito partido.
– ND: Que lle permitiu expresar que non cabía nun relato máis convencional?
– EM: Nun álbum ilustrado o texto permite narrar os feitos e as ilustracións van máis á parte afectiva. O texto é moi breve e a ilustración ten o labor de amplificar toda a información e permite facer metáforas visuais, como neste caso, que son bastante potentes. Permite unha lectura máis profunda, con moitas capas. Os máis pequenos comprenderán unha cousa e os maiores, outra. Esta é unha lectura na que caben moitas lecturas. (…)”
Pontevedra: XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Antía Yáñez: “O poder que ten a literatura é amosar historias diferentes á narrativa dominante”
Entrevista de María Amigo a Antía Yáñez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Be Water II: Terra é o segundo tomo dunha saga distópica. Que a levou a escoller este xénero?
– Antía Yáñez (AY): A fantasía e a ciencia ficción sempre me gustaron, foi con Os xogos da fame como descubrín o xénero da distopía xuvenil. Tamén é un tema a debater o que é ou non é xuvenil, porque parece que se pon esa etiqueta máis facilmente cando escriben mulleres.
A distopía é unha forma de criticar o presente índonos ao futuro. A min gústame escribir ficción e afastarme da realidade que estou vivindo e a fantasía sempre é unha ferramenta útil.
En xeral eu, como lectora, cando collo un libro, o que quero é tamén escapar por medio da imaxinación, igual que escapo vendo unha serie ou unha película.
Aínda así gústame facer preguntas sobre cara a onde nos encamiñamos como humanidade e cal será o noso futuro.
– ND: Continuar esta saga foi máis sinxelo ou máis complicado que comezar unha novela desde cero?
– AY: Máis difícil, porque había moitas expectativas creadas con Be Water I e había cousas das que non me lembraba. Tiña moito medo, primeiro a defraudar, e despois a ser incongruente co primeiro libro, que o escribín en 2019. Dese ese ano cambiei bastante e tiña medo de que parecese que o escribían dúas persoas distintas.
– ND: Todo isto afectoume psicoloxicamente, por iso tardei tanto en sacar esta segunda parte.
– AY: Na obra trata temas que están á orde do día. Como alimenta a actualidade a súa produción literaria?
As miñas preocupacións, aínda que intente fuxir delas, sempre están aí, pero gústame abordalas dunha maneira diferente. Sempre tiven a lectura como un pracer e non collo un libro para ver confirmados os meus pensamentos, cólloo por lecer. Vivo no mundo, son filla da miña xeración, son millenial, sufrín diferentes crises e non podo evitar que me preocupen temas que probabelmente lle preocupen a outros millóns de persoas no mundo. Ao final, como escribo do que me interesa, remato indo a cousas que son moi comúns. (…)”




























