Paseos Literarios por Compostela 2026

Os Paseos Literarios por Compostela 2026 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela. No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2026, terá lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. O punto de saída en todos eles será a propia SELIC, na Praza da Quintana.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:
– A Conferencia Ambulante de Serafín Andante.
Carlos Labraña
Data: sábado 3 de outubro, ás 12:00 h.

– A cidade e os milagres
Daniel Asorey
Data: quinta feira/xoves 8 de outubro, ás 17:00 h.

– A Conferencia Ambulante de Serafín Andante.
Carlos Labraña
Data: sábado 10 de outubro, ás 12:00 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

A Coruña: IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 28 de outubro

Destacado

A AELG participa nas IX Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

Esta nova edición chega baixo o título de Morreu o demo e viñeron os monicreques!. Terá lugar na cuarta feira/mércores 28 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Desde a Universidade colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Participan:
– Anxo García, quen falará sobre o Proxecto Barriga Verde: da barraca á aula.
– Larraitz Urruzola, quen fará un Obradoiro de monicreques.

A entrada é libre e gratuíta.

Falece o xornalista e escritor portugués José Viale Moutinho aos 81 anos

Desde Nós Diario (foto desde Facebook):
“O escritor, xornalista e investigador portugués José Viale Moutinho faleceu esta terza feira aos 81 anos, vítima dunha doenza súbita que padecía, segundo comunicou a súa familia, tal e como recolle a axencia de noticias Lusa. Nado en Funchal, na illa portuguesa de Madeira, o 12 de xuño de 1945, Viale Moutinho residía no Porto e desenvolveu a súa traxectoria profesional tanto no xornalismo como na literatura, cunha extensa obra traducida a idiomas como o ruso, o búlgaro, o castelán, o alemán, o italiano, o catalán, o asturiano e o galego.
Estreouse como novelista en 1968 coa obra Natureza Morta Iluminada e, desde aquela, publicou perto de medio cento de libros infantís, ademais de traballos de investigación centrados na literatura popular, na Guerra Civil do Estado español e na posterior represión franquista, así como estudos sobre autores como Camilo Castelo Branco e Trindade Coelho.
Ao longo da súa carreira participou da dirección da Associação Portuguesa de Escritores, a Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia e o Círculo de Cultura Teatral, e presidiu tamén a Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto. Era tamén socio do Pen Clube Português e da Academia de Letras de Campos de Jordão, no Brasil.
Viale Moutinho mantiña unha relación moi estreita coa cultura galega: era membro honorario da Real Academia Galega e recibiu en 2012 o Premio Rosalía de Castro, outorgado polo PEN Club de Galicia. Entre os recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria figuran tamén o Grande Prémio do Conto Camilo Castelo Branco (Associação Portuguesa de Escritores), o Grande Prémio de Reportagem Norberto Lopes (Casa da Imprensa de Lisboa), o Prémio de Periodismo El Adelanto, o Prémio Edmundo Bettencourt, unha Medalla de Honra da Sociedade Portuguesa de Autores e, xa en 2021, o Prémio D. Diniz da Fundación Casa de Mateus e o Prémio de Tributo Consagração da Fundación Inês de Castro, así como, tamén en 2021, o premio especial do xurado de aRitmar á Embaixada da amizade galego-lusófona.”