Henrique Monteagudo, novo presidente da Academia: “A política lingüística ten que ir alén de lexislar o galego no ensino”

Entrevista a Henrique Monteagudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A súa foi a única candidatura á presidencia da Academia. Quere iso dicir que había unanimidade ou que ninguén quere asumir un posto que é un “marrón”?
– Henrique Monteagudo (HM): É o tradicional. Só excepcionalmente se presenta máis dunha candidatura porque a Academia non pode funcionar en clave de “goberno-oposición”. É unha entidade na que participamos de forma voluntaria e na que traballamos ad amorem. De feito, temos prohibido cobrar polo traballo realizado nela. Sendo así, e cuns recursos moi precarios, sería unha tolería traballar nun contexto de confrontación.
– ND: Prometeu unha política de continuidade.
– HM: Sería absurdo que dixese outra cousa, porque levo na dirección da Academia desde 2013. É lóxico que fale de continuidade, mais tamén é certo que estamos collendo as rendas da entidade persoas dunha xeración distinta e, polo tanto, tamén hai lugar para unha evolución. (…)
– ND: Daquela a política lingüística debe ir máis lonxe da escola.
– HM: Claro, hai que pensar nunha política global, pensar como difundimos referentes de prestixio en galego para a rapazada. Cando eses referentes son sólidos, hai ferramentas para resistir mellor a presión do castelán. É só un elemento, pero quero dicir que a política lingüística debe ir alén de leis e orzamentos –que son imprescindíbeis– para preocuparnos por aspectos de liderado social desde a nosa lingua.
– ND: E, neste debate, que papel debe e pode xogar a Academia?
– HM: A Academia non ten competencias na implementación de políticas públicas, nin debe telas, porque para iso están os mecanismos democráticos, empezando polo Parlamento. Pero si ten un capital simbólico importante –é escoitada– e un caudal de coñecemento –por definición, unha academia é unha reunión de xente sapiente–. Co primeiro pode influír nas elites sociais e políticas; e co segundo, pode elaborar propostas e críticas ben fundamentadas. Penso que iso é o que está facendo, na medida das súas posibilidades, e eu, que traballo directamente no tema, tratarei de ser máis incisivo nestas cuestións.
Desde a institución temos datos directos da situación da lingua e, realmente, son moi impactantes. Mais tamén temos coñecemento do que se fai noutros lugares para mellorar a situación de linguas minorizadas, e aí é onde eu penso que poderiamos actuar de forma máis efectiva. (…)”

Xosé Carlos López Bernárdez ingresa na Academia de Belas Artes como figura imprescindíbel na investigación do movemento renovador da arte galega

Desde Nós Diario:
“O historiador da arte e colaborador do Sermos Galiza Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) ingresou o sábado 26 de abril na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), nun acto celebrado no Marco –Museo de Arte Contemporánea de Vigo–, como académico de número da Sección de Expertos nas Artes da institución após a lectura do seu discurso “Un contexto para a arte galega de entreguerras”.
O presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo, deu a benvida a Carlos López Bernárdez como novo académico dunha institución que nos últimos dez anos renovou máis de 50 % dos membros do seu plenario, candidaturas comprometidas “cunha visión contemporánea na que o patrimonio cultural se analiza e defende segundo as claves do actual momento histórico”.
Destacou a claridade coa que López Bernárdez pon en relación arte e literatura, unha cuestión que con frecuencia está pendente nos estudos teóricos. Tamén sinalou que a curiosidade cultural do novo académico está patente nas súas crónicas semanais sobre diferentes exposicións, con análises dos artistas. Ademais, o presidente da Ragba aproveitou para sinalar que a Galiza posúe “boas e grandes coleccións de arte públicas e privadas”, e reclamou a creación dun gran Museo de Arte Galega que poida albergar no futuro estas coleccións.
Xosé Carlos López Bernárdez comezou a súa disertación agradecendo a súa incorporación á Ragba e manifestado a súa lembranza admirativa a súa antecesora na Sección de Expertos nas Artes, a historiadora da arte Ana Goy Diz, “analista rigorosa do pasado artístico, experta na nosa arquitectura renacentista e barroca e no noso patrimonio cultural”.
Emocionado nunha xornada tan especial para el, López Bernárdez lembrou os seus, seus pais xa finados, e toda a súa familia e amigos “parceiros nos camiños da vida e da arte”. Tamén destacou a súa ledicia por ter feito este acto na súa cidade e, concretamente no Marco, xa que se criara no barrio do Areal a escasos metros do museo.
Rememorando os inicios, López Bernárdez volveu a vista atrás, a finais dos anos 70, á época universitaria en Compostela onde cursou a licenciatura de Xeografía e Historia e foi elaborando unha “consciente asunción da lingua e cultura galegas” como algo central da súa propia existencia.
Xa daquela, o historiador fixo as súas primeiras reflexións sobre como entender o papel da arte no contexto nacional. Acabados os estudos, o seu traballo inicial de análise cultural dirixiuse á literatura galega, sendo profesor de lingua e literatura durante 32 anos no Ensino Medio; desde aí, e nos últimos 25 anos, comezou unha aproximación á análise da historia da arte galega, interesado polo problema do poder e do lugar co obxecto de colaborar na creación dunha escrita propia da modernidade e da arte galegas.
“As miñas achegas tentaron incidir na necesaria descentralización e ruptura dos esquemas centralistas para elaborar unha reescritura situada da nosa historia, afastándonos das lóxicas asumidas e asumindo a consciencia do lugar desde o que falamos. Este cuestionamento da cartografía dominante, levoume a participar desde a Galizaa nunha alternativa ligada á idea de lugar e de espazo”, explicou.
O historiador recalcou que é fundamental analizar o pasado desde o presente e o presente desde o pasado para realizar unha historia da arte entendida como intervención crítica, tal como demostran as novas prácticas dos estudos culturais da visualidade, co fin de construír unha relación dialéctica entre a tradición en que está inserido o valor orixinario da obra e o seu presente.
“A relación da plástica co campo literario e coa historia literaria e lingüística é dunha importancia primordial para entender contextos como o galego, fortemente marcado por un conflitivo proceso de construción nacional”, asegurou. Así, López Bernárdez fixo referencia ao proceso do Rexurdimento, un movemento de finais do século XIX que propugnaba a recuperación dos valores culturais e da identidade política galega, para a continuación centrar o seu discurso na produción do movemento renovador da arte galega dos anos 20, no período republicano, na Guerra Civil e no exilio, tendo como cadro xenérico a Europa de entreguerras. (…)”

Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega, reunido na tarde do 4 de abril en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura de Henrique Monteagudo (Muros, 1959) á presidencia. O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.
Neste novo período de “continuidade e novo pulo” a Academia seguirá a traballar na defensa do idioma, afondando nunha liña propositiva que reforce a colaboración coa sociedade civil e outras institucións. Dentro da súa estratexia de servizo público, a entidade presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo, nun período no que regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.
A de Henrique Monteagudo foi a única candidatura rexistrada. O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita. Agradeceu tamén o tempo compartido cos demais membros das comisións executivas das que formou parte como secretario (2013-2021) e vicesecretario (2021-2025), doce anos nos que aprendeu “a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia e a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outros colectivos e institucións”. (…)”

Lugo a Versos 2025


A AELG colabora coa actividade Lugo a Versos 2025, organizada pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.

“No mes de marzo damos a benvida á V edición de Lugo a Versos, unha campaña de O Vello Cárcere para celebrar o Día Mundial da Poesía.

Este proxecto ten o obxectivo de conmemorar e divulgar a riqueza da poesía galega, de forma presencial e virtual. A campaña estará aberta a toda a cidadanía, e contará coa vosa participación nas redes sociais e tamén nun recital que terá lugar o 21 de marzo ás 18:00 h no propio Centro.

→ Bases de participación na dinámica virtual #LugoaVersos:
– A dinámica virtual dará comezo o 14 e rematará o 21 de marzo.
– Durante eses días, as persoas interesadas en participar deberán subir ás súas redes sociais (Facebook, Instagram, X) un vídeo ou audio recitando poesía galega, ou ben unha imaxe compartindo un poema galego en formato texto.
– Cada poema deberá ir acompañado do título e da autoría correspondente (que pode ser propia ou non).
– Todos os vídeos, audios ou imaxes que formen parte desta iniciativa deberán ir acompañados dos cancelos #OVelloCarcere e #LugoaVersos2025, e etiquetar os perfís de O Vello Cárcere (Facebook, Instagram ou X).

→ Bases de participación no recital “Lugo a Versos” no panóptico do Centro:
– O recital de poesía terá lugar o venres 21 de marzo ás 18:00h e as inscricións estarán abertas do venres 14 ata o xoves 20 de marzo ás 18.00h.
– As persoas interesadas en recitar deberán inscribirse a través do correo vellocarcere@lugo.gal indicando nome, apelidos, número de teléfono, e poñendo no asunto do correo ‘Recital Lugo a Versos 2025’.
– Durante o evento, e previa autorización das persoas participantes, gravaranse as intervencións co fin de ser posteriormente publicadas na nosa canle de Youtube e promocionadas a través das redes sociais.

O acto estará aberto ao público ata completar cabida. Máis información: 689 793 840″

A Xunta abre o prazo para que os profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades fóra de Galicia durante 2025

Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os diferentes profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades de difusión e comercialización fóra de Galicia que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro deste ano, e para o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000 €.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia e aberta ata o 1 de xullo, vai dirixida a persoas escritoras, ilustradoras e editoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, como feiras, festivais seminarios, encontros, obradoiros e estadías como medio de favorecer a creación e a promoción do libro en galego. As solicitudes poden presentarse e de xeito presencial ou a través da sede electrónica da Xunta.
Deste xeito, son obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a estes eventos fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante. No caso concreto das empresas editoras, poderán designar ata dúas persoas para que asistan a unha mesma actividade ou a diferentes cada unha delas, sempre que o traballar non acuda a máis de dúas.
O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte que inclúen axudas desde os 500 €, se o desprazamento é dentro de España, aos 900 € se son para participar en accións de creación e promoción do libro galego por Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo, e ata os 1.600 € para a asistencia deste tipo de actividades polo resto do mundo. En todo caso, a orde de axudas recolle que este importe pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, polo que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.
O ano pasado beneficiáronse desta partida específica para o sector do libro unha trintena de profesionais para asistir a citas en Madrid, Barcelona, Granada ou Xixón, así como a eventos internacionais en México, Italia, Alemaña, Francia, A Arxentina, Suíza ou Kenya.”

A Coruña: Xornada do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. “Lingua con dereito. Dereito á lingua”

A estabilidade marcou as cifras o sector cultural galego en 2023

Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega presentaba na mañá deste 13 de novembro a VIII Conxuntura estatística do ámbito cultural, publicación na que repasa os principais indicadores do sector ao longo de 2023. As conclusións do documentos salientan a estabilidade que viviu o noso país neste aspecto en canto ás cifras de emprego e de creación de empresas, e revela que continúa a medrar a produción e o consumo.
O sector cultural dá emprego a 36.800 persoas no noso país, unha cifra similar á do anterior período analizado. Así o revela o informe que realizou o Observatorio da Cultura Galega que, no entanto, advirte tamén que se produciu un descenso nesta cifra durante os últimos tres trimestres do ano. Os datos da Seguridade Social, pola súa banda, revelan un incremento de 216 filiacións neste ámbito, na súa maior parte adscritas ao réxime de persoas autónomas.
En canto á creación de empresas, ao longo de 2023 apareceron 135 novas firmas, catro menos que no ano anterior. Por actividades, a educación cultural, o deseño especializado e os servizos de arquitectura son os epígrafes que manteñen tendencias crecentes, mentres as actividades de fabricación de produtos culturais e axencias de noticias perden filiacións. Artes gráficas, librarías e actividades de comercio de produtos culturais mantiveron as súas cifras ao longo do último exercicio.
No ámbito do libro, as empresas de edición rexistradas pasaron de 49 a 52, e a cifra de edición de libros recuperou os niveis de 2011 con 2.955 rexistros. A literatura infantil e xuvenil, cun crecemento do 64,3% encabezan este incremento. En total, están rexistrados en galego 1.857 libros ao longo do último exercicio analizado, fronte aos 1.717 do anterior.
Unha cifra negativa para o sector é a baixada no comercio exterior de propostas culturais galegas. Se entre 2019 e 2023 se rexistrou un incremento do 88% neste ámbito, no último exercicio deuse unha mingua do 2,4% con respecto ao ano anterior (de 12.246.200 a 11.946.300 euros). As actividades de edición, que rexistraron un descenso do 6,6%, e as de creación, artísticas e espectáculos, que tamén baixaron un 6% foron as principais prexudicadas nesta tendencia.
Pola banda da administración pública, o documento recolle o incremento dun millón de euros, ata o 116,6, dos orzamentos autonómicos para cultura e normalización lingüística. Este crecemento, por baixo da media das contas do goberno, situou o nivel de gasto nestas áreas no 0,8% dos fondos autonómicos en 2023. Pola súa banda, as entidades locais galegas pasaron de investir 233,6 millóns de euros a 241,5, o que deixou o gasto un 6,7% do seu total, un 0,9% menos do que no ano anterior.
Entre as cifras destacadas do documento, está o importante incremento do gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais, que superou os 500 millóns de euros en 2023, un 1,38% do seu gasto total. Os servizos culturais, que inclúen entradas ou subscricións a contidos, acaparan as cifras máis alta de gasto (151,7 millóns de euros, 55 máis só no último ano), seguidos dos libros (118,2 millóns) e dos soportes de imaxe, son e datos. A seguir a tendencia de recuperación, en 2023 foron ao cine 3.2 millóns de persoas fronte aos 1,2 de 2020, que supuxo unha recadación de 20,1 millóns de euros, cifras similares ás anteriores á pandemia.”

Conversa con Lois Ladra, novo director do Museo do Pobo Galego

Desde a Radio Galega:
“Conversamos co novo director do Museo do Pobo Galego, o antropólogo e arqueólogo Lois Ladra. Este coruñés nado en 1972 foi escollido tras un concurso de méritos con máis de vinte candidaturas.
O seu propósito é conseguir aumentar os recursos económicos e humanos do Museo, recuperar todo o conxunto monumental de San Domingos de Bonaval e concluír a montaxe das novas salas de Historia, coa vista posta no 50 aniversario da institución, en 2027. A entrevista pode escoitarse aquí.”