Entrevista
de R. Castro a Marilar Aleixandre en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Volvendo á Academia, parece que está a intentar compensar o déficit histórico coas mulleres. Agora son cinco de trinta, e en breve seredes seis…
– Marilar Aleixandre (MA): É un avance, mais as feministas o que pedimos é a metade de todo. O lóxico é que sexamos a metade das listas electorais, a metade dos postos elixibles, a metade dos representantes públicos, a metade das académicas… E nese momento estaremos chegando á igualdade. Eu son profesora na USC e as mulleres como docentes son a metade, pero son moitas máis nos postos máis precarios, no profesorado interino, que son mileuristas. Porén, catedráticas somos o 20%. Isto mostra que a promoción non se fai por igual. Porque cando unha muller é escollida para un posto, parece que se espalla a idea de que é porque hai unha cota. E cando é un varón dáse por suposto de que é polos seus méritos. E eu nego isto. As mulleres que chegaron a algún sitio normalmente tiveron que esforzarse máis que os homes en chegar aí.
– SG: Que supón para ti substituír a Neira Vilas na Academia?
– MA: É algo que ten un factor emocional grande, porque eu tíñalle moito cariño e el a min. Era un home entrañable, compartiamos moitas cousas. Ambos valorabamos a literatura infantil e xuvenil, non é unha literatura menor. E valoro tamén o seu compromiso social e político, sempre estivo a carón da xente que sufría inxustizas e eu síntome moi identificada con el. (…)
– SG: Cales son os teus obxectivos na Academia? En que ámbitos che gustaría deixar pegada?
– MA: Aínda é un pouco cedo para falar disto, porque en todas as entidades colectivas hai que ir con actitude de cooperación. Eu sei o que me gustaría pero teño que ver o que se agarda de min. Eu hai un ámbito que eu creo que podo achegar, que é o do feminismo, e xa hai persoas feministas na Academia, e iso é algo que debe ser reforzado neste momento. Hai feminismo moi interesante que se está a facer aquí, tanto a nivel de ensaio como no activismo, e eu espero achegar algo nese sentido. E tamén supoño que no ámbito nas ciencias, porque é unha situación que debería estar totalmente normalizada e non o está. E aí hai dúas cousas: a ciencia tamén é cultura galega. Non só é cultura galega a literatura e a música. Hai que incorporar toda a actividade científica que se está facendo tanto sobre Galiza e sobre outras cuestións máis universais. Temos que facer un esforzo para que se considere parte da cultura galega e, por outra parte, e que as científicas recoñezan que se pode dar ciencia en galego. E, por outra banda, que se rectifique ese decreto. (…)
– SG: Para rematar, cóntanos dos teus próximos proxectos literarios. Todo o que publicaches ultimamente foi para público infantil e xuvenil…
– MA: Neste intre estou cun libro de poesía que lle prometín ás miñas amigas de Apiario, que é un proxecto editorial marabilloso. Pretendo que estea rematado en maio, pero non sei porque hai moitas identidades están aí competindo. E tamén comecei un libro de relatos, pero que vai algo máis atrasado.”
Arquivo da categoría: Institucións
O Pleno da RAG oficializa a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a vacante de Xosé Neira Vilas
Desde
a Real Academia Galega:
“No Plenario ordinario celebrado pola Real Academia Galega o venres 4 de marzo oficializouse a proposta de Marilar Aleixandre para cubrir a vacante producida polo pasamento do académico de número Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro. A candidatura someterase a votación no vindeiro Pleno.
A vacante de Xosé Neira Vilas proclamárase o pasado 11 de decembro, no primeiro Plenario ordinario celebrado tras a súa produción, tal e como establece o Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. De igual xeito, na sesión do venres declarouse a vacante rexistrada polo falecemento de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro.
As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do Plenario posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe ir avalada polas sinaturas de tres membros de número da Academia. Unha vez oficializadas, sométense a votación no seguinte Pleno. (…)”
As celebracións do Día de Rosalía
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Reportaxe no programa televisivo Zig-zag sobre as celebracións do Día de Rosalía. A nova pode verse aquí.”
A Universidade de Vigo investirá doutora «honoris causa» á poeta Erin Moure
Desde
La Voz de Galicia:
“A poeta e tradutora canadense de ascendencia galega Erin Moure será investida doutora honoris causa pola Universidade de Vigo. O consello de goberno deu onte o visto e prace ao nomeamento a proposta dos departamentos de filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. A petición foi argumentada por «a súa innovadora e premiada produción poética, multilingüe e comprometida; polo seu labor como mediadora incansable entre culturas mediante reescritura e tradución; polo seu activismo en favor das minorías lingüísticas, étnicas, sexuais e moi especialmente pola súa contribución á internacionalización da cultura galega e a preservación do seu patrimonio».
Moure é unha firme defensora da lingua do seu bisavó galego, así como unha destacada tradutora de poetas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez. Na súa obra aparecen varios poemas con títulos en galego. O seu propio nome é unha galleguización do orixinal que sería Erin Mouré, segundo púxose de manifesto durante a exposición en defensa do seu nomeamento. Vinculada á Universidade de Vigo desde o 2008 a través do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, tras o apoio unánime do consello de goberno, a escritora supón o vixésimo quinto doutoramento honoris causa da institución viguesa, e será a segunda muller en recibir este recoñecemento.”
Varias institucións preparan un simposio sobre as Irmandades para novembro
Desde
Sermos Galiza:
“Neste ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala estanse a preparar múltiples actividades para lembrar o nacemento desta primeira organización do nacionalismo galego. Este congreso, que se suma aos anunciados polo Consello da Cultura Galega, pretende “fornecer un marco de análise da súa significación na evolución do pensamento, das ciencias, da literatura e das artes de Galiza, así como a súa incidencia na dinámica política dun período en que as tensións nacionais e a conflitividade sociopolítica adquiren unha especial relevancia no seo do Estado español”.
O simposio, que terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego do 17 ao 19 de novembro, está aberto a comunicacións por parte de investigadores, que serán avaliadas polo Comité Científico. O programa, que aínda está pendente de concreción en canto a nomes, incluirá os seguintes temas: ideoloxías e programas; organización e acción política; lingua, literatura e medios de comunicación; economía e sociedade; a cuestión de xénero; ciencias; artes plásticas e música; relacións exteriores; e análise comparativa.
As entidades organizadoras son: o Museo do Pobo Galego, o departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña, a revista Murguía, a Federación de entidades culturais Galiza Cultura e as fundacións Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Fraguas, Losada Diéguez, Isla Couto, Galiza Sempre, Moncho Reboiras, Penzol e Vicente Risco.
Na Comisión Organizadora están Justo Beramendi, Uxío Breogán Diéguez, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo.
Ano das Irmandades
As Irmandades absorberán gran parte do esforzo cultural deste ano, cunha grande exposición promovida pola Deputación da Coruña, en colaboración con outras institucións, e comisariada por Pepe Barro que será inaugurada arredor do 18 de maio, data da creación da primeira Irmandade da Coruña.
A Deputación da Coruña está a implicarse a fondo nesta conmemoración, traballando en producións propias e tamén abrindo liñas de apoio a iniciativas doutros colectivos. Outras institucións que promoverán eventos son a Real Academia, o Museo do Pobo e o Consello da Cultura, que realizará desde 2016 a 2018, un álbum web, dúas exposicións e tres congresos, o primeiro dos cales terá lugar este mesmo ano, e que sitúa este movemento no contexto internacional.”
A Casa de Rosalía disponibiliza o seu arquivo informatizado
Desde
Sermos Galiza:
“A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta.
Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar “un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza”.
Así, “calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos”, acrecentan.
Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia, na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana… e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade.
Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa.
Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía.”
Vigo: doazón de manuscritos, mecanoscritos e debuxos de María do Carme Kruckenberg á Fundación Penzol
A Coruña: recepción como académico de honra de Basilio Losada Castro
O
sábado 3 de outubro, ás 12:00 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, celébrase o acto de recepción como académico de honra de Basilio Losada Castro, quen dará lectura ao discurso Reflexións sobre as primeiras novelas de Rosalía de Castro. Responderá en nome da Academia o seu presidente, Xesús Alonso Montero.
Ramón Villares, “honoris causa” pola universidade de Braga
Desde
Galaxia:
““Temos que profundar nas cousas que nos unen, non nas que nos separan. Unha parte importante da historia de Galicia explicase ollando Portugal, e viceversa: non se pode entender Portugal sen comprender Galicia”.
Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago, autor de Galaxia, membro do consello de redacción da revista Grial, foi investido solemnemente doutor “honoris causa” pola universidade do Minho, na cidade de Braga.
O profesor José Viriato Capela actuou de padriño e leu a laudatio, que levaba por título: “Ramón Villares. Historiador. Ensaista. “Figura da Nación” da Cultura Galega e Portuguesa”.
Cerrou o acto o reitor da universidade miñota, António M. Cunha, recollendo a idea de deitar pontes e profundizar nas relacións entre as dúas culturas: a galega e a do norte de Portugal, raiceira común chea connotaciòns históricas, mais tamén realidades sociais, económicas e políticas que deben entenderse no século XXI no marco da realidade europea. (…)
“Proclamamos a necesidade de percorrer en sentido contrario (o sentido do reencontro e a descoberta mutua) os vellos camiños”, rematou a súa intervención o profesor Villares, logo de repasar as relacións entre Galicia e Portugal ao longo da historia, “e propiciar relacións galaico-portuguesas que recuperen a perspectiva global que Castelao defendía cando falaba dunha Hespaña, segundo a cal o hispanismo debía englobar todas as culturas e as linguas de Iberia”.”
Manuel Ferreiro: “A responsabilidade sobre o uso do galego é de todos, tamén das universidades”
Entrevista
a Manuel Ferreiro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal foi o detonante para que as tres universidades asinen un manifesto en defensa do galego?
– Manuel Ferreiro (MF): O primeiro que hai que matizar e que non é un manifesto das tres universidades, qué máis nos gustaría aínda que se cadra si o asinarían, senón dos tres departamentos. É algo que xa hai tempo que se está xestando porque a universidade ten unha función crítica na sociedade e ten que facer unha chamada de atención cando o cre necesario. Nos tres departamentos somos unhas cens persoas que aprobamos este texto como unha chamada de atención a sociedade, as administracións e os poderes públicos pola preocupante situación que vive o galego.
– LO: Cal é a situación da lingua galega na actualidade?
– MF: O documento tenta que todo o mundo reflexione porque se aprecia un retroceso polo inclumplemento do Plan de Normalización Lingüística e especialmente desde a aplicación do decreto de plurilingüismo. O Plan de Normalización establece un mínimo do 50% das materias en galego e co decreto, no mellor dos casos, impártense o 30% das asignaturas. Ademais, na realidade hai centros que non chegan nin o 20 nin o 10%.
– LO: O Goberno da Xunta suspende, polo tanto, en política lingüística?
– MF: A lingua é de todos, pero son os poderes públicos os que por lei teñen que tomar medidas para garantir os dereitos das linguas. Está claro que se nota unha reducción drástica na defensa e promoción da lingua galega. No ano 2008, o departamento de normalización lingüística da UDC recibía 90.000 euros desde a Xunta e agora, só recibe 20.000.
– LO: Que cifras manexan noutras comunidades con lingua propia?
– MF: En Galicia, as tres universidades teñen 60.000 euros da Xunta para normalización lingüística -20.000 cada unha- mentres que no País Vasco reciben dous millóns de euros. Na comunidade galega traballan catro persoas na área de normalización das tres universidades, mentres que en Valencia, por exemplo, son 30. Están a desmantelar a industria cultural, hai cartos para todo menos para garantir a defensa da lingua propia. (…)”
