Asinado o convenio entre a Deputación Provincial da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

“Odsc01650 pasado 23 de setembro conveniáronse actividades de promoción da literatura, visibilización de autores e autoras, celebracións anuais ou recompilación da tradición literaria oral. Estas son algunhas das actividades da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ás que a área de Cultura da Deputación da Coruña contribúe con 30.000 €.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, asinaron o acordo de colaboración para o desenvolvemento do programa de actividade da entidade, centrado na promoción da literatura galega.
A Deputación financia o desenvolvemento dun programa que se realiza ao longo do ano e que, entre outras iniciativas a actualización de contidos na web de autores e autores, a asesoría laboral e fiscal ou o mantemento das infraestruturas tecnolóxicas de comunicación da entidade. Ademais, o convenio anual das dúas entidades, aprobado por unanimidade no pasado pleno, recolle o desenvolvemento de novas actividades da “Escola de escritores e escritoras” como un obradoiro de creación ou a incorporación de novos materiais da recollida de tradición literaria oral que a entidade está a promover.
Como conmemoracións literarias anuais, a Deputación apoia a realización da homenaxe anual “O/A Escritor/a na súa Terra- Letra E” ou a Gala do Libro Galego en que se entregan os premios que, desta volta con outras entidades profesionais do sector, recoñecen autores e autoras dos distintos xéneros ademais doutras iniciativas arredor do libro.
De especial relevancia teñen tamén as actividades encamiñadas á difusión das novidades editoriais e literarias que a AELG realiza a través da rede e, de maneira especial, por medio da súa axenda cultural, actualizada con convocatorias e actos de socios e socias ademais de premios literarios ou congresos que forma parte do programa de actos que se recolle no acordo. Finalmente, a Asociación comprométese a elaborar, por medio de socios e socias, roteiros literarios pola provincia para a sección “O Territorio da/o Escritor/a“.”

Entrevista á escritora, poeta e tradutora Marilar Aleixandre

Desde Marilar Aleixandrea Televisión de Galicia:
“A Real Academia Galega ten unha nova incorporación. A escritora, poeta e tradutora Marilar Aleixandre que ocupará a cadeira do finado Neira Vilas. Unha muller das ciencias e da investigación. Bióloga, catedrática da USC, escritora para todos os públicos. Muller de ciencias e letras. Da educación. Tremendamente activa en todos os eidos. É a sexta muller na Real Academia Galega. Á entrevista, feita por María Solar, pode accederse aquí.”

Academia das Ciências de Lisboa nomea tres galegos académicos-correspondentes

DesdeIsaac Alonso Estraviz Sermos Galiza:
“Este 14 de xullo terá lugar unha sesión da Academia das Ciências de Lisboa (ACL) na que os galegos José-Martinho Montero Santalha, José Ângelo Cristóvão Angueira e Isaac Alonso Estraviz tomarán posesión como académicos-correspondentes da Galiza. Non é a primeira vez que hai galegos na institución asesora do goberno portugués en cuestións de lingua, mais si que se recoñecen pola ACL como “de Galiza”, creando así a categoría para o noso país. Nomes como Guerra da Cal ou Carvalho Calero, que eran correspondentes na ACL, facíano como “de Espanha” pois só se recoñecían os estados. “Desde o ámbito académico recoñécese que existimos, que Galiza está aí”, considera Ângelo Cristóvão Angueira en conversa con Sermos Galiza. Aponta a que estes pasos supoñen normalizar unha situación existente. “Tamén na nosa academia (pola Academia Galega da Língua Portuguesa, AGLP) temos correspondentes portugueses” e sitúa o foco na aprobación da coñecida como Lei Paz-Andrade. (…)”

Basilio Losada oficializa a cesión da súa biblioteca particular a Galicia

DesdeBasilio Losada Fervenzas Literarias:
“O profesor, escritor e investigador Basilio Losada oficializou onte a cesión da última parte da biblioteca particular ao Goberno galego. Por este compromiso, arredor de 3.000 volumes de diversos eixes temáticos e excepcional interese serán convenientemente catalogados e incorporaranse aos fondos da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.
Entre estes libros atópase unha rica colección de poesía e de literatura e crítica literaria portuguesa, multitude de obras sobre as cidades do mundo que o propio Basilio Losada visitou ao longo da súa vida, edicións singulares dos clásicos occidentais, así como un fondo de novidades en lingua galega desde 2001 ata a actualidade. Entre as pezas destacadas inclúese unha réplica en tamaño real da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán.
No ano 2001 a Biblioteca de Galicia xa adquiriu parte dos fondos bibliográficos de Basilio Losada, que conforman unha destacada colección na que están títulos fundamentais da literatura galega, especialmente do século XX, así como as diferentes edicións dos mesmos. (…)”

Luís Martínez-Risco: “A opção da escolha pelo português é simples: porque sim”

EntrevistaLuís Martínez-Risco no Portal Galego da Língua a Luís Martínez-Risco:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Que é Cultura que Une? Como nasceu a ideia? Quem a integra e quem participa?
– Luís Martínez-Risco (LMR): ‘Cultura que Une’ é uma associação cultural que pretende continuar o labor de reencontro entra a Galiza e o Norte de Portugal que na década de 1920 iniciaram as personalidades mais salientes da cultura galego-portuguesa. Vultos da literatura, do pensamento e da política como Teixeira de Pascoaes, Leonardo de Coimbra, Hernâni Cidade, Santos Júnior, Vicente Risco, Johan Vicente Viqueira, Fermín Bouza Brey,…
A ideia nasceu ao retomar, e redesenhar um velho projeto denominado GALLAECIA, que entre os anos 1990-1992 se desenvolveu em concelhos do Alto Tâmega (Chaves, Montalegre, Boticas, Ribeira de Pena, Valpaços, Vila Pouca de Aguiar) e da «província» de Ourense (Alhariz, Cela Nova, Riba d’Ávia, Ginzo, Verim e Ourense). (…)
Integram «Cultura que Une» pessoas, associações, pequenas empresas, alguma Câmara Municipal. A Associação já está legalizada na Galiza e em fase de legalização em Portugal (onde os requisitos e o procedimento administrativo são muito mais complexos) Consideramos que tal integração passa pela confluência de todos estes elementos. As relações entre pequenas empresas são fundamentais para consolidar mercado. E o trabalho destas com os agentes culturais, imprescindível. O apoio das instituições permite oficializar. E sem as pessoas, nada existe. (…)
– PGL: Qual é a tua opinião sobre a situação linguística na Galiza? Que elementos positivos e quais negativos salientarias?
– LMR: O grande inimigo do galego na Galiza está na força dos meios de comunicação, no lazer, no cinema,… maioritariamente em espanhol. Há uns anos uma ativista do catalão dizia que o que se ganha na escola (na aula) perde-se no pátio. Hoje parece que conseguiram inverter a situação. Há esperança. (…)”

A Coruña: Políticas culturais institucionais no ámbito galego, no ciclo Políticas culturais na Galiza

ORamón Villares xoves 14 de abril, ás 12:30 horas, no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, terá lugar, dentro do ciclo Políticas culturais na Galiza, organizado pola área de Filoloxías Galega e Portuguesa co apoio da Comisión de Cultura da Facultade de Filoloxía, o coloquio Políticas culturais institucionais no ámbito galego, coa participación de Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega) e Anxo Lorenzo (secretario Xeral de Cultura).

Marilar Aleixandre: “É moi importante que haxa máis mulleres nas institucións, mais tamén que haxa mulleres feministas”

EntrevistaMarilar Aleixandre de Montse Dopico a Marilar Aleixandre en Praza:
“(…) – Praza (P): Todo apunta a que vas entrar na RAG como membro numerario en substitución de Neira Vilas… Que significa para ti?
– Marilar Aleixandre (MA): Estou de candidata. Candidata única, pero tampouco hai que dalo por feito, porque a candidatura someterase a votación no vindeiro pleno. En calquera caso, para min tería un significado especial pola relación que tiven con Neira Vilas. Un home entrañable ao que lle tiña moito cariño, e penso que el tamén a min… Eu xa fora proposta como candidata outra vez, e fora el unha das persoas que me propuxeran. Ademais do seu compromiso coa lingua e coa cultura, tamén se destacou polo seu compromiso coa xustiza social, encarnada nesa oposición que fai en Memorias dun neno labrego entre Balbino e Manolito. Balbino non se resigna, desde logo. Neira Vilas tiña ese espírito, e unha vitalidade moi grande. Era unha persoa moi reivindicativa. Ía onde o chamasen. (…)
– P: Hai tempo que se está a falar de fórmulas para que a RAG se abra máis á sociedade, ou que sexa percibida por esta como unha institución realmente decisiva para a lingua e a cultura. Cando entrou Margarita Ledo, por exemplo, dábase así entrada ao audiovisual…
– MA: É moi importante que haxa xente cun perfil variado, si. Que entrase Margarita Ledo foi tamén, si, un recoñecemento á importancia do cinema na cultura galega. No meu caso, supoño que podo representar, metade e metade, a literatura e as ciencias. E pode ser un xeito de visibilizar que as ciencias son parte da cultura galega. A cultura non é só a música popular, a literatura ou a historia. Tamén é a ciencia. Ademais, fun unha das primeiras persoas en escribir manuais de ciencias en galego. Un deles tivemos que publicalo clandestinamente, porque cando se ía publicar foi o golpe de Tejero. Decidimos autoeditalo. Despois, no 88, xa saquei en Xerais un libro de ciencias naturais, Sete estrelo.
Iso é parte da miña biografía, e ademais parece que agora volvemos a aquel tempo, porque hai unha lei que exclúe o galego das clases de física e matemáticas. É moi importante, neste contexto, persuadir a xente de ciencias de que o galego é tan válido como calquera outra lingua para aprender matemáticas ou física, e sobre todo na Universidade. En primaria e secundaria hai máis profesores de ciencias que imparten docencia destas materias en galego. Carvalho Calero fora o primeiro profesor en dar aulas na Universidade en galego. Despois viñeron outros, como Antón Santamarina. Pero de ciencias o primeiro foi Manolo Bermejo. (…)
– P: Foi habitual, nese tempo, que os propios profesores comezasen a escribir literatura infantil e xuvenil en galego, en parte pola necesidade que vían de lecturas nesta lingua para o alumnado.
– MA: Si, pero eu non era profesora de lingua nin de literatura. Eu daba aulas de Bioloxía. Non foi por iso polo que comecei a facer literatura. Do que si me decataba era da falta de materiais de ciencias en galego. Por iso comezamos a escribir os primeiros materiais didácticos. A formiga coxa, por certo, comezou sendo un conto que lles contaba aos sobriños. E era unha cascuda, que ao pasar ao papel transformouse en formiga. (…)”

Marilar Aleixandre: “A ciencia tamén é cultura galega”

Entrevista Marilar Aleixandrede R. Castro a Marilar Aleixandre en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Volvendo á Academia, parece que está a intentar compensar o déficit histórico coas mulleres. Agora son cinco de trinta, e en breve seredes seis…
– Marilar Aleixandre (MA): É un avance, mais as feministas o que pedimos é a metade de todo. O lóxico é que sexamos a metade das listas electorais, a metade dos postos elixibles, a metade dos representantes públicos, a metade das académicas… E nese momento estaremos chegando á igualdade. Eu son profesora na USC e as mulleres como docentes son a metade, pero son moitas máis nos postos máis precarios, no profesorado interino, que son mileuristas. Porén, catedráticas somos o 20%. Isto mostra que a promoción non se fai por igual. Porque cando unha muller é escollida para un posto, parece que se espalla a idea de que é porque hai unha cota. E cando é un varón dáse por suposto de que é polos seus méritos. E eu nego isto. As mulleres que chegaron a algún sitio normalmente tiveron que esforzarse máis que os homes en chegar aí.
– SG: Que supón para ti substituír a Neira Vilas na Academia?
– MA: É algo que ten un factor emocional grande, porque eu tíñalle moito cariño e el a min. Era un home entrañable, compartiamos moitas cousas. Ambos valorabamos a literatura infantil e xuvenil, non é unha literatura menor. E valoro tamén o seu compromiso social e político, sempre estivo a carón da xente que sufría inxustizas e eu síntome moi identificada con el. (…)
– SG: Cales son os teus obxectivos na Academia? En que ámbitos che gustaría deixar pegada?
– MA: Aínda é un pouco cedo para falar disto, porque en todas as entidades colectivas hai que ir con actitude de cooperación. Eu sei o que me gustaría pero teño que ver o que se agarda de min. Eu hai un ámbito que eu creo que podo achegar, que é o do feminismo, e xa hai persoas feministas na Academia, e iso é algo que debe ser reforzado neste momento. Hai feminismo moi interesante que se está a facer aquí, tanto a nivel de ensaio como no activismo, e eu espero achegar algo nese sentido. E tamén supoño que no ámbito nas ciencias, porque é unha situación que debería estar totalmente normalizada e non o está. E aí hai dúas cousas: a ciencia tamén é cultura galega. Non só é cultura galega a literatura e a música. Hai que incorporar toda a actividade científica que se está facendo tanto sobre Galiza e sobre outras cuestións máis universais. Temos que facer un esforzo para que se considere parte da cultura galega e, por outra parte, e que as científicas recoñezan que se pode dar ciencia en galego. E, por outra banda, que se rectifique ese decreto. (…)
– SG: Para rematar, cóntanos dos teus próximos proxectos literarios. Todo o que publicaches ultimamente foi para público infantil e xuvenil…
– MA: Neste intre estou cun libro de poesía que lle prometín ás miñas amigas de Apiario, que é un proxecto editorial marabilloso. Pretendo que estea rematado en maio, pero non sei porque hai moitas identidades están aí competindo. E tamén comecei un libro de relatos, pero que vai algo máis atrasado.”