O Consello da Cultura Galega e a Asociación Irimia poñen na rede os fondos da revista de pensamento cristián Irimia

Desde o Consello da Cultura Galega:
“A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a presidenta da Asociación Irimia, Lucía Santiago, asinaron o xoves 8 de setembro o acordo para a dixitalización e posta na rede do arquivo completo de Irimia. Seminario de Crentes Galegos desde o seu nacemento no ano 1981. A sinatura produciuse na sede do CCG na véspera da XLIV Romaxe de Crentes Galegos, que tivo lugar o sábado 10 en Culleredo.
O acordo permite a consulta dos 1.039 números que conforman Irimia. Seminario de crentes galegos, publicación de pensamento cristián xurdida en 1981. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, explicou que “Irimia documenta a existencia dun movemento de gran transcendencia nunha sociedade galega aberta ao cambio á modernización, tamén de pensamento, ao tempo que recupera a liberdade de desfruta do exercicio de dereitos democráticos que lle foran roubados”.
A dixitalización da publicación encaixa na liña de traballo da institución de visibilización de fondos hemerográficos dixitais que se suma a proxectos xa consolidados como A saia, o Repertorio de prensa da Emigración ou máis recentemente, a dixitalización da revista Teima. Ademais, forma parte dunha liña de acción do CCG neste 2022 de revisar o período que vai desde a fin do franquismo ata a aprobación do Estatuto de Autonomía, caracterizado por ser un fervedoiro de ideas e iniciativas culturais.
O semanario Irimia publícase ininterrompidamente desde 1981, primeiro en formato de cuartilla e con periodicidade semanal (1981-1984), despois pasou a ser quincenal (1985-2018) ata chegar á periodicidade actual mensual. Medrou tamén desde as oito paxinas iniciais ata as vinte do último número. Na historia desta publicación hai unha longa nómina de autores e autoras así como escritores e escritoras recoñecidas.
No web desta entidade definen a súa publicación como “un medio de diálogo entre persoas que comparten o horizonte de Irimia, na súa amplitude e diversidade. É unha ventá de dobre dirección. Abre e comunica persoas e comunidades cristiás con iniciativas e realidades laicas e a estas, á súa vez, ofértalles unha oportunidade de diálogo e coñecemento da utopía cristiá”.
A Asociación Irimia naceu en 1978 coa vontade de colaborar en prol dunha Igrexa galega, é dicir, unha Igrexa comprometida co seu pobo, coa súa lingua e coa súa cultura, coa súa identidade e a súa realidade popular. Na liña do que se deu en chamar “nova Igrexa galega”, a asociación foi o froito de varias iniciativas anteriores que confluíron nela: os Coloquios Europeos de Parroquias que deron lugar aos Coloquios Galegos de Cristiáns, na busca dunha entidade comprometida con Galiza e o galego; a publicación pastoral da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Boa Nova (1975), a revista Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián (1977); e Os Cruceiros, encontros de cristiáns galeguistas que nacen en 1978, como continuación de aqueles Coloquios.”

Compostela: Xornada “Perante a nova Lei do Audiovisual: Análise e perspectivas”

María López Sández: “A paisaxe ten unha capacidade de mobilización afectiva moi intensa”

Entrevista a María López Sández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que experimenta unha cando a elixen académica?
– María López Sández (MLS): Pois vivino moi emocionada e moi consciente da responsabilidade que implica, por todo o que é a institución para Galicia e a cultura galega, polos que nos precederon e por tomar o relevo de Darío Xohán Cabana, tamén lucense coma min. Unha das cousas que podemos elixir os académicos é o lugar onde facer o discurso de ingreso e a min gustaríame que sexa en Lugo. É unha institución galega e a representatividade xeográfica tamén é interesante.
– LVG: Fala da responsabilidade intrínseca ao cargo.
– MLS: A Academia cumpre unha serie de funcións e é unha das institucións importantes para a revitalización da cultura e a loita pola lingua, e nese sentido debe ser unha institución viva, dinámica e na que se fan cousas. Sei que se chega á academia para traballar e contribuír a iso. (…)
– LVG: Que quere dicir cando fala da vinculación entre a paisaxe e a condición simbólica da nación?
– MLS: Pódese establecer unha afinidade entre a paisaxe e a lingua polo feito de teren funcionado ambas como principais condicións simbólicas da nación. O sentimento de pertenza ao territorio é algo moi arraigado nos galegos, aínda que, igual que ocorre coa lingua, non sempre isto baste para evitar o desleixo ou para garantir unha acción activa de uso e coidado. A paisaxe ten unha capacidade de mobilización afectiva moi intensa e tamén unha plasmación lingüística marabillosa que se percibe nas páxinas de Otero, de Fole e de tantos outros. A nosa propia memoria biográfica está moito máis vencellada ao espazo que ao tempo, e as ideas de campo e cidade en Galicia, por exemplo, están ateigadas de valores connotativos.
– LVG: Filóloga, educadora, escritora, columnista en La Voz de Galicia. En María López Sández conviven varias facetas entre as que non é quen de escoller.
– MLS: Non o vexo como algo separado. Cheguei a todo dende a filoloxía, sinto un pulo moi intenso cara ás linguas, pero o que primou sempre foi o amor á literatura. E cando a literatura significa iso para ti, é un paso moi natural transmitilo e compartilo, e iso enlaza coa dimensión do ensino. Dei clase moitos anos no ensino medio e o que vivín con maior emoción foi o programa lector, darlles aos alumnos e alumnas a posibilidade de ler e escoller entre moitas obras, falar de libros cos rapaces, acompañar o seu perfil lector e promover o seu gusto pola lectura. E por suposto, escribir é unha continuidade e unha culminación dese sentimento cara á literatura. (…)”

A RAG dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010). O pleno da institución, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou homenaxealo o vindeiro 17 de maio, cadrando coa celebración do sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, e os cento dez anos do seu nacemento. Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo. Foi unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo, e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). (…)”

María López Sández, académica de número electa na Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria do sábado 9 de xullo tamén se votou a favor de que a filóloga e escritora María López Sández (Lugo, 1973) ocupe a vacante producida polo pasamento do académico Darío Xohán Cabana o pasado mes de novembro. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa é investigadora da literatura galega e da sociolingüística, e tamén creadora literaria. (…)
A traxectoria de María López Sández demostra un firme compromiso coa lingua e a cultura galegas dende unha perspectiva rigorosa e multidisciplinaria. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Doutorouse en teoría da literatura e literatura comparada cunha tese na que analizou a descrición da paisaxe como unha das condicións simbólicas da nación a través de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín. Neste mesmo tema centrouse o ensaio que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro, unha obra de referencia na relación da literatura galega co territorio; e nel seguiría a afondar atendendo os imaxinarios rurais e urbanos no campo das letras galegas en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán. (…)”

Xusto Beramendi: “No provincialismo empézase a pensar Galiza doutra maneira e a través dunha prensa propia”

Entrevista de Antón Escuredo a Xusto Beramendi en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que elementos salienta desa primeira etapa do provincialismo?
– Xusto Beramendi (XB): É o nacemento do galeguismo político con datas moi concretas, entre 1840 e 1846. Rematou abruptamente co esmagamento do levantamento de Miguel Solís. O contexto político en que nace ese provincialismo situámolo ao remate da guerra carlista e o triunfo dos liberais, coas pugnas no conxunto do Estado español para ver que modelo de estado se vai construír.
Nesa loita, sobre todo entre moderados e progresistas, na Galiza comeza a aflorar una corrente de pensamento diferenciada que xa non ten como referente político principal España senón Galiza.
Outro factor importante son as influencias intelectuais que proceden de Europa. Por exemplo, o historicismo alemán que dá moito valor ás características culturais dos diferentes pobos. Tamén o celtismo, que nace en Francia no século XVIII e que introduce na Galiza Verea e Aguiar.
Foi importante un grupo de estudantes universitarios liberais en Compostela, fundamentalmente, que se xuntan na Academia Literaria e reciben esas influencias europeas.
Politicamente son progresistas e empezan a pensar Galiza doutra maneira a través dunha prensa propia e participando tamén en política dentro da Xunta revolucionaria do Partido Progresista e no levantamento de Solís de 1846. Crean un novo sistema no que ten moito valor a obra de Antolín Faraldo. Todo isto desemboca no levantamento de 1846.
– ND: Como configura o provincialismo o concepto da Galiza?
– XB: Vai mudando na evolución ao longo do galeguismo histórico. Nesta primeira etapa do provincialismo, a Galiza é unha nación no pasado, mais no seu presente é unha parte do Estado español que ten unhas características propias, facendo máis fincapé na cuestión histórica que na cultural. En función desa personalidade que ten reivindican que teña dereito a un maior peso na política do Estado, mais non pasan de aí.
No segundo provincialismo, na xeración de Rosalía e Murguía, isto cambia e xa a Galiza comeza a ter conceptualmente unhas características propias dunha nación de seu, aínda que este concepto non se traduza, de momento, ao plano político que chegará despois co rexionalismo a finais do século XIX e, posteriormente, serán as Irmandades da Fala as que cheguen a un concepto pleno da Galiza nación con todas as súas consecuencias.
– ND: Anunciou que deixaba as súas responsabilidades no Museo do Pobo Galego. Que representou para vostede formar parte da institución?
– XB: Seguirei no Padroado mais xa ía sendo hora de renovar agora que se pode facer esa transición dunha maneira ordenada.
Para min o Museo representou unha das partes máis importantes da miña vida profesional e pública. Como o foi para García Martínez [cofundador e anterior director do Museo do Pobo Galego]. Os dous temos dous fillos e sempre dicíamos que o Museo era como o noso terceiro fillo. Partiu dunha idea que tivemos en 1976 e que, por fortuna se puido materializar, creo que conseguimos que tivese continuidade.
– ND: Como lle gustaría que evolucionase agora o Museo?
– XB: En primeiro lugar que se completase o programa museístico, que semella que está en vías de concretarse. Tamén que mantivese e aumentase esa influencia e respecto que ten a maior parte da xente polo Museo. Por último, que se garanta o relevo xeracional dos que xa estamos “medio desaparecidos” e que siga adiante.”