“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.
Arquivo da categoría: Música
Cunqueiro. Estación Mondoñedo
Cunqueiro: estación Mondoñedo é un ciclo de actividades culturais en homenaxe ó escritor Álvaro Cunqueiro, cun programa variado sobre a súa figura e a súa obra: teatro, poesía, gastronomía, vida tabernaria, maxia, fantasía, imaxinación, deseñado por aCentral Folque para o Concello de Mondoñedo.
Gondomar: recital poético, concerto e representación teatral en homenaxe a Álvaro Cunqueiro
O venres 16 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, terá lugar un recital poético de textos de Álvaro Cunqueiro a cargo de Marta Dacosta e Rexina Vega, concerto musical baseado en textos de Cunqueiro a cargo de César Morán, acompañado polo contrabaixo de Alfonso Morán, e representación do prólogo do Incerto señor don Hamlet a cargo do grupo Non si Teatro. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere da Coruña, o 12 de maio
Vídeo do Vento Lois no Antigo Cárcere Provincial da Coruña o 12 de maio de 2011, coa música de Ulträqäns e Loretta Martin e a poesía de Cesáreo Sánchez Iglesias, Antía Otero e Xulio López Valcárcel, nun acto coa presentación de Xurxo Souto e Manuel Rivas. O vídeo foi realizado por Blogaliza.tv:
A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María, con música e proxección audiovisual
O mércores 7 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Lúas de Outono. Homenaxe a Manuel María, coa estrea do audiovisual De amor e cantería, de Pixel Films, dirixido por Anxa G. Refoxo e realizado por Mikel Fontes, un traballo de 10 minutos de duración que recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que o autor expresa a significación que para el tivo a súa casa natal en Outeiro de Rei. Posteriormente terá lugar a actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, no que estrearán cinco pezas sobre poemas de Manuel María e outras gravadas en traballos anteriores.
Salvaterra: actos literarios do XXV Festival de Poesia do Condado, o 2 e 3 de setembro
A XXV edición do Festival de Poesia do Condado, organizado pola S. C. D. Condado, baixo o lema Sem as mulheres nom há revoluçom, na sexta-feira 2 e o sábado 3 de setembro, conta coas seguintes actividades literarias dentro do seu programa:
Sexta-feira 2:
– 22:30 h. Noite nas minas, nas Covas de Dona Urraca. Recital de María do Cebreiro, concerto de De outra margem, e, ao remate, comida, repichoca e festa. Ten aforo limitado e unha entrada de 10 euros (reservas no correo info@scdcondado.org, ou no teléfono 986-658036).
Sábado 3:
– 12:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do libro colectivo de poesía Mulheres entre poesia e luita, publicado pola Assembleia de Mulheres do Condado, coa presenza de Ilduara Medranho, Andrea Nunes e Belém Grandal.
– 18:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do último libro de poemas de Claudio Pato, publicado en Estaleiro Editora.
– Ao longo do día, no mesmo emprazamento, as Covas de Dona Urraca, terán lugar as proxeccións de vídeo-poemas, con obras de María Lado, Ledicia Costas, Lucía Aldao e o Colectivo Rec-deiras.
– 21:00 h. Festival poético-musical, na Zona das Murallas, presentado por Os da Ría. As e os poetas participantes son: Andrea Nunes Brións, Catarina Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Séchu Sende e Xosé María Álvarez Cáccamo. Os grupos musicais serán Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, Cuchufellos e Maria Alice (Cabo Verde).
Memoria da Chaira Enteira, en memoria de Manuel María, o xoves 8 de setembro
O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:
– 14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
– 16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
– 18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
– Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.
Carballo: actividades do xoves 25 de agosto na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 25 de agosto:
– 13:00 h. Pregón a cargo de Rosalía Fernández Rial, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
– 19:30 h. Presentación do libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto estará acompañada por Celsa Sánchez, Paco Graña e a música de O Mighelo.
– 20:30 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Regueira, Manuel Bragado e Luz Cures.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.
Santiago: recital poético-musical de X. H. Rivadulla Corcón e Franky Valencia
O xoves 25 de agosto, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, terá lugar un recital coa participación poética de Xosé Henrique Rivadulla Corcón e a musical de Franky Valencia.
Santa Cruz, Oleiros: recital poético-musical na inauguración de Enarborar o bosque
O luns 22 de agosto, a partir das 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), terá lugar a inauguración da exposición Enarborar o bosque, na que se recollen os traballos feitos durante a xornada de Arte Reivindicativa ao Aire Libre na Carballeira de Chaián, o 5 de Xuño de 2011, formada por pintura, fotografía, escultura e escrita. Dentro dela terá lugar un recital poético-musical, no que participarán: Chelo Suárez, Francisco X. Fernández Naval, François Davo, Helena Villar Janeiro, Iolanda R. Aldrei, Lourdes Maceiras, Marina Cocós, Miguel Melero, Natalia Margalejo, Ramiro Torres e Xesús Rábade, e o poeta e músico Mou de Lugh, que acompañará os poetas cun hang drum. A exposición, que se poderá visitar até o 31 de agosto, e na que participan un total de 59 artistas, está organizada polo Colectivo Arteu.