Compostela: faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, por Iria-Friné Rivera Vázquez, o 25 de setembro

“O faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, da man da historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez, terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o xoves, 25 de setembro, ás 19 horas. Presentado polo patrón do Museo Xosé Ramón Fandiño, o faladoiro pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente. A entrada é libre até completar capacidade.
Será unha conversa centrada na exploración das temáticas e influencias presentes na novela de terror e fantasía Un ollo de vidro (1922) de Castelao. Concretamente, afondarase no xeito no que o autor resulta a man mestra que, xunto con Vicente Risco e Camilo Díaz Baliño, estableceu o xénero fantástico e terrorífico tanto na literatura como na arte galega.
Un ollo de vidro é unha sinerxía entre a cultura popular galega e as culturas de Centroeuropa e Europa Oriental materializando o sentido da universalidade, tanto como emancipación cultural como en contribución ao progreso da Humanidade. Como obra conta tanto con referencias a realidade coetánea como con citas históricas (a arte gótica, a arte flamenca), contemporáneas (o Romanticismo Negro), arte nova (cinema, deseño gráfico, ilustración e cartelismo) e vangardas (Expresionismo Alemán). Ao participar de todos este elementos, a obra de Castelao transcendeu o seu imaxinario ata albiscar moita da linguaxe cinematográfica que hoxe en día continúa vixente.”

Lugo: presentación de Benu Zula e a Unicornia Branca, de Ánxela Gracián

A Coruña: Roteiro Literatura e música: Banda Sonora da Pescaría, con Alberto Pombo, o domingo 21 de setembro

O Roteiro Literatura e música: Banda Sonora da Pescaría é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Alberto Pombo, escritor, profesor e músico, propón un camiño pola memoria da Pescaría, entre o salitre e a pedra. Un paseo onde a música e a palabra se entrelazan coas rúas vellas, descubrindo os fitos que fixeron da cidade un epicentro do rexurdir literario nacional e da conciencia cultural dun pobo.

Terá lugar o o domingo 21 de setembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a Praza de San Nicolás. Non é necesaria inscrición previa.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.