Marilar Aleixandre: “Aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual”

Entrevista a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “Querido Eduardo, fuches dobremente excluído, por seres homosexual e por seres fiel ao Goberno constitucional”, manifestou a pasada terza feira ao recoller o galardón. Segundo denunciaba a través das súas redes, estas palabras foron substituídas por algúns eufemismos nalgúns medios. Que denota isto?
– Marilar Aleixandre (MA): “Fiel ao Goberno constitucional e non aos golpistas”, foi a frase completa. Era unha nota de prensa que se deu desde a Deputación de Ourense. Creo que denota que aínda en 2021 hai persoas ás que lles resulta imposíbel pronunciar a palabra homosexual.
Houbo quen saíu xa do armario, pero a palabra parece que non. E o mesmo a respecto de golpistas e Goberno constitucional. Blanco Amor foi iso que se chamaba un roxo e a súa obra sufriu censura e exclusión por eses dous motivos.
A miña novela é un exercicio contra a desmemoria, aínda que do século XIX, non ten que ver coa República. Porén, precisamente nun acto coma este debería recollerse o que comento sobre a memoria de Blanco Amor. E, sobre todo, non se pode pór entre aspas unha declaración distinta do que digo. É moi importante chamar ás cousas polo seu nome, hoxe en día xa non hai que falar de amor escuro.
– ND: É a desmemoria unha doenza que afecta con forza a sociedade actual?
– MA: Hai moitos problemas dos que non se pode dicir afectan á sociedade porque parece que así fosen un andazo bíblico. É como o machismo, a exclusión das mulleres non é un fenómeno meteorolóxico. A desmemoria tampouco, houbo intención de que se esquecesen determinadas cousas e non se falase delas.
– ND: Como aparece esa desmemoria en As malas mulleres?
– MA: Hai unha máis consciente e outra que ten a ver con diferentes urxencias da sociedade en cada momento. O exercicio de memoria da novela ten varios planos, un deles o das mulleres anónimas que estaban no cárcere da Galera. Ademais do das barcas nas que os penados remaban, ese foi o nome que se deu aos cárceres de mulleres, desde comezos do século XVII.
Concepción Arenal foi visitadora de prisións, que non é un cargo en plural: cando foi destituída -no século XIX os Gobernos cambiaban moi rápido de signo- desapareceu. E foi visitadora na Galera. Sorprendeume que persoas con moito interese e atención pola historia da Coruña non coñecesen a existencia dese cárcere que logo deu nome á rúa.
Considero un exercicio importante recuperar esas mulleres anónimas, que segundo un documento de Arenal eran 300. Hai algunhas notas de prensa en xornais, pero pouco máis. Preguntando, unha persoa díxome: “as cousas que son duras procuran borrarse”.”

O escritor Suso de Toro presenta a súa novela Un señor elegante

Desde a Televisión de Galicia:
Un señor elegante e un escritor disposto a dalo a coñecer. Suso de Toro, nesta última novela, preséntanos unha familia, a dos Baltar de Padrón e Santiago e, sobre todo, un membro: Ramón Baltar, modelo de resistencia e dignidade ante o franquismo.
A novela non discorre desde a ficción. Narrador e escritor fúndense para contar feitos reais en que aparecen personaxes ilustres. Tamén Murguía e Rosalía de Castro. Tamén estará Baltar na reconstrución da cultura galega.
Escrita desde a investigación, na presentación en Compostela falouse da novela como unha obra chamada a ser referencia da nosa historia literaria pero tamén na nosa historia. Máis de cincocentas páxinas dun intensísimo traballo de documentación
Nesta revisión atopou Suso de Toro unha esperanza para o país. Na presentación, música para esa esperanza, Lela, un poema de Castelao interpretado pola cantora Uxía.
A entrevista pode verse aquí.”

Actividades destacadas do Culturgal 2020

PROGRAMA

PROGRAMA LIBRO

PROGRAMA FORO

PROGRAMA ESCENA

PROGRAMA CINEMA