Celia Díaz: “As armas de Aníbal foran fabricadas por galegos”

EntrevistaCelia Díaz de César Lorenzo Gil a Celia Díaz en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A boca do monte é non só unha novela histórica senón un relato enciclopédico, con moitas notas ao pé para que a persoa que le estea informada da vida cotiá na época da dominación romana. Como organizou a documentación para a novela? Canto tempo investiu? Que fontes empregou?
– Celia Díaz (CD): A verosimilitude é a primeira característica que debe posuír unha novela histórica e para conseguila resulta imprescindible unha exhaustiva documentación previa. Documenteime en dúas fases: unha inicial e outra sobre a marcha, a medida que necesitaba consultar aspectos concretos, para non incorrer en anacronismos ou contradicións flagrantes. Durante ese tempo consultei libros, artigos, teses de doutoramento e publicacións dixitais. Primeiro centreime na minaría romana do ouro e continuei con obras sobre a cultura castrexa. Ramón Vila proporcionoume unha ampla relación dos xacementos mineiros e dos castros do concello de Quiroga que me axudou na localización dos escenarios: Castro de Ares e Anguieiros, principalmente. E, por suposto, recollín varias lendas da tradición oral sobre a presenza romana en Montefurado. (…)
– B: Vostede é unha autora que cultiva habitualmente a literatura infantil e xuvenil. Especialmente destacan as súas obras de teatro. O teatro para a rapazada goza de boa saúde?
– CD: Hai aspectos positivos, como a existencia de dramaturgos e de compañías teatrais de longa e recoñecida traxectoria. Tamén se celebran festivais e mostras, por exemplo a MOTI de Ourense, que o pasado decembro chegou xa á 12ª edición. Do mesmo modo, o teatro de monicreques conta con magníficas compañías e existen festivais específicos. Convócanse tamén varios premios para textos dramáticos que serven de estímulo para a escrita. É fundamental que existan obras de calidade que poidan ser levadas á escena e que contribúan á vitalidade do sistema literario galego. Mais a realidade é que a literatura dramática é practicamente inexistente. En primeiro lugar, pola dificultade para publicar. Ás editoriais non lles interesan as obras teatrais e limítanse a editar os textos gañadores dos certames e pouco máis. Hai tamén outro factor: a literatura galega, e máis se é para rapaces, e máis aínda se é teatro, ten pouca visibilidade. Está practicamente ausente en moitas librarías, e non digamos nos escaparates. O que non se ofrece, non se vende; esa é unha premisa básica de mercadotecnia. E se non se vende, non é rendible, co cal se pecha o círculo. De modo que o panorama está lonxe de ser esperanzador ou, dito doutra maneira, queda moito camiño por percorrer. (…)”

María Reimóndez: “O único non realista da novela é o final”

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Abusos sexuais, corrupción, prostitución. ¿É o libro [A dúbida] un retrato demasiado amargo da sociedade actual?
– María Reimóndez (MR): É un retrato realista da sociedade na que vivimos, que non queremos moitas veces recoñecer. E un dos problema máis importantes á hora de falar de abusos sexuais a menores é precisamente esa invisibilidade da propia situación. Esta novela busca poñer ás persoas que len na situación de dubidar do que nos rodea. (…)
– LVG: ¿Unha novela tan dura é necesario que remate moderadamente ben?
– MR: É importante dende o punto de vista de que, por desgraza, aínda que hai moitas persoas que non somos vítimas de abusos sexuais na infancia, si que hai moitas que foron. A literatura tamén está creando sociedade, e dende ese punto de vista hai que ter coidado coas mensaxes que se transmiten, e ter respecto polas persoas que pasan por este tipo de situacións. Por desgraza, a novela nese punto ao mellor é o único non que non é realista porque é certo que a maior parte de dos casos de abusos sexuais primeiro, non chegan ao sistema xudicial; segundo, o trato que reciben as vítimas é próximo ao horror, e hai informes bastante explícitos ao respecto; e na maioría dos casos, ademais tampouco se consigue chegar a unha situación de xustiza. Pero considero que iso non é o ideal, e que tamén é unha maneira de crear unha narrativa distinta sobre o que debería ser. (…)”

Entrevista a Iria Misa, autora de Xa non estou aquí

Desde iria-misao Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar García Rego entrevista a Iria Misa, autora de Xa non estou aquí, obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016. Xerais acaba de publicar o libro, que ten como protagonista a Ánxela, unha moza que repite primeiro de bacharelato obrigada polos seus pais. A historia versa sobre as inseguridades típicas da adolescencia. Pode accederse á entrevista aquí.”