Arquivo da categoría: Narrativa
Noia: presentación de A cacería, de Amadeo Cobas
O
sábado 2 de abril, ás 20:00 horas, no Liceo de Noia (Rúa Alameda, s/n), preséntase o libro A cacería, de Amadeo Cobas, publicado en Xerais, novela gañadora da VI Edición do Concurso Internacional de Novela Cidade Centenaria de Ribeira. No acto participan, xunto ao autor, Ramón Carredano e Manuel Bragado.
Muxía: “Océano para Terrícolas”, espectáculo arredor de Contos do mar de Irlanda, con Xurxo Souto, homenaxe a Belarmino Trillo Vidal
Xosé Duncan: “Ás veces teño a sensación de que hai máis escritores ca lectores en galego”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Xosé Duncan en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Para que crear Lermos? Foi por cubrir algún oco? Por engadir un punto de vista máis ao ecosistema de información sobre literatura en galego?
– Xosé Duncan (XD): Si. Se buscamos no Google ou, simplemente, nos poñemos a perder o tempo navegando pola Internet na procura de algo interesante, chegaremos á conclusión de que as webs adicadas á literatura galega poderían ser clasificadas en dous grupos. Por unha banda temos os blogues de escolas e bibliotecas e pola outra as webs da crítica e as editoriais. Obviamente hai excepcións mais, xeneralizando, unha persoa que procure información sobre a literatura en galego atoparíase cunha visión bipolar das nosas letras. Nun extremo os proxectos de fomento á lectura dos docentes e os posts do seu alumnado e, no outro, as análises da crítica e as auto-recensións das editoriais das novidades literarias que, na maioría das ocasións, teñen un nivel de narrativa e complexidade de recursos estilísticos mesmo superiores á obra da que falan. Cando decidimos o que queriamos que fose Lermos, tiñamos moi claro que debería ser un punto de encontro no que tivese cabida toda a literatura (en especial aquela da que non se fala por moitos e variados motivos) mais tratada dun xeito accesíbel e atractivo para calquera amante das letras, desde un nivel básico de acceso até mesmo para algún erudito que se deixase pasar pola web. (…)
– B: Hoxe visibilízase máis ca nunca esa dupla faceta do lector que acaba converténdose en escritor afeccionado, acode a obradoiros de escrita creativa e por fin publica. Como valora esa vía de entrada á literatura?
– XD: Pois supoño que é tan lícita coma outra calquera. Eu, por exemplo, fun moi lector de rapaz e xusto cando deixei de ler, déuseme por escribir. A vida é frenética e, polo menos a min, non me dá tempo para as dúas cousas. Na miña opinión, o importante non é como chegues a escribir senón o que escribas e como o fagas. Si que é certo que semella que hai un boom de obradoiros e plataformas que posibilitan escribir e mesmo de publicar. Mais, en certo modo, resúltame estraño. Quero dicir que se a min me gusta escribir, escribo. Non me adico a ler durante anos e, de súpeto, dáseme por pensar que hai un escritor en min. É como se escoitas heavy metal toda a vida e un bo día decides aprender a tocar a guitarra. Se tiveses vocación, se tiveses a necesidade de envorcar a túa alma sobre unha páxina en branco, terías agarrado unha guitarra tan pronto como rematases de escoitar o primeiro disco. (…)
– B: Falemos de Duncan como autor. Vostede forma parte da nómina de autores da convocatoria de Contos Estraños. Que representou para vostede esa publicación?
– XD: O meu nacemento como escritor. Eu era un escritor nas sombras do meu cuarto. Abandonara a lectura había tempo para me deixar levar polos meus propios pesadelos. Só precisaba unha porta que cruzar e alguén que me ensinase a subir os chanzos dun xeito máis ou menos aparente. Iso foi para min a oportunidade que me ofreceron Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola. Sen eles, sinxelamente, non escribiría. Eu son dos da clase creativa que non van a obradoiros porque non se consideran bos dabondo nin se presentan a certames literarios porque pensan que iso é para os entendidos e cultos. Así que o meu destino sería o do artista incompleto, non formado e, a poder ser, moi bohemio e afundido na miña propia frustración. Si. Contos Estraños foi a miña psicoterapia. (…)
– B: Malia a forte implantación dunha tradición oral fantástica e termos un nutrido grupo de escritores de prestixio que cultivaron dun ou doutro xeito o xénero (Fole, Risco, Ferrín…) si chama a atención que non haxa máis autores e obras de hoxe en día que escriban fantasía e sobre todo que teñan éxito. Non sei como ve o tema.
– XD: A miña teoría é que a fantasía está considerada unha literatura moi interesante, e mesmo beneficiosa, para lles dar de ler ás crianzas. Por ese mesmo motivo non está ben visto, ou cando menos ben considerado, que un adulto siga a ler ese tipo de literatura. Xa non che digo nada se un adulto a escribe, agás que o faga para a rapazada. Iso si, despois imos ao cine e consumimos toda fantasía que nos poidan querer vender. Aínda que ninguén se estraña que non leven Oscars, polo menos si que se lles permite ser un produto de consumo masivo. Eu firmaba agora mesmo por non gañar na vida os galardóns e premios que levou, ben merecidos, o mestre Agustín Fernández Paz e vender 5.000 exemplares ao ano d’As Crónicas. E non o digo polos cartos, eh. Só hai que ler ‘Onde van os cartos dun libro?’ en Lermos para saber canto ingresaría eu ao ano por eses 5.000… Non sei, supoño que é o peixe que morde o rabo. Non hai demanda e non hai oferta ou a oferta que hai, ao non haber demanda, ten un proceso de maduración e perfeccionamento máis lento do que debera e está a tardar demasiado en acadar o nivel e a importancia que podería ter. (…)”
A Coruña: presentación de Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes
Vigo: presentación de Os kowa, de Xavier Queipo
O
xoves 31 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), preséntase Os kowa, de Xavier Queipo, publicada en Galaxia, obra que obtivo o Premio Blanco Amor en 2015. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Monteagudo e Carlos Lema.
Ribeira: presentación de A cacería, de Amadeo Cobas
O
xoves 31 de marzo, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribeira, preséntase o libro A cacería, de Amadeo Cobas, publicado en Xerais, novela gañadora da VI Edición do Concurso Internacional de Novela Cidade Centenaria de Ribeira. No acto, organizado polo Concello de Ribeira, participan, xunto ao autor, Manuel Ruiz Rivas, Fabiola García e Manuel Bragado.
Pontevedra: presentación de O soño de Xoán, de Farruco Graña
Xavier Queipo: “A aventura existirá en canto exista o abraio por outras xeografías”
Entrevista
de Xesús Fraga a Xavier Queipo en La Voz de Galicia:
“Os kowa (Galaxia), a novela coa que Xavier Queipo (Santiago, 1957) gañou o último premio Blanco Amor, arranca en Europa para logo desprazarse á Amazonía, seguindo ao seu protagonista, un naturalista que marcha tralo ronsel dunha bolboreta e se perde na selva. O escritor, residente en Bruxelas, visita estes días Galicia para presentar o seu libro, mañá en Compostela (Libraría Pedreira, 20 horas) e o xoves en Vigo (Andel, 20 horas).
– La Voz de Galicia (LVG): No noso mundo hiperconectado, ¿a verdadeira aventura segue a ser a descuberta do humano?
– Xavier Queipo (XQ): A aventura está presente en cada sensación, en como esta se percibe e se entende. Temos máis información, é certo, do que imos atopar nun contexto determinado, mais non a temos de como nós imos vivir esa experiencia, que está ligada a nosa percepción, algo sublime no senso de individual e complexo. (…)
– LVG: Xa escribiu hai moito tempo sobre o Ártico: que posibilidades narrativas ofrece o Trópico fronte aos polos?
– XQ: As posibilidades narrativas existen en calquera punto da xeografía. A percepción inicial é que os Trópicos son un escenario barroco en contraposición ao Ártico, máis minimalista. Esta percepción dilúese co exercicio narrativo que require de estímulos externos e internos. O abraio dos glaciares e das montañas de xeo, dos océanos inzados de baleas e do xogo de luces na auroras boreais é distinto daquel que se vive na selva que pasado un tempo semella monótona e interminábel, diferente aínda dos desertos que tamén hai nos trópicos. (…)
– LVG: ¿Cre que de vivir en Galicia habitualmente a súa obra literaria tería sido moi distinta?
– XQ: Os textos que eu escribo constrúense nunhas coordenadas xeográficas afastadas, isto é certo, mais constrúense tamén na base dunha tradición literaria, a partir da experiencia de vida, das lecturas, do que se escoita, do que se soña e do que acontece arredor de min. Algúns destes parámetros están claramente marcados pola xeografía, outros son independentes. Noutras palabras, si sería diferente, mais non podo adiviñar a magnitude desa diferenza.
– LVG: Houbo no seu discurso de aceptación do Blanco Amor unha reivindicación dunha ollada emigrante, diaspórica, da cultura galega. ¿Que trazos a identifican e que supón no conxunto da nosa cultura?
– XQ: A lectura que fai é atinada. Volvendo outra vez os parámetros, a arte da literatura aliméntase de sensacións, internas e externas. O vivir en permanencia no mesmo nicho ecolóxico, sen interactuar co mundo, pode levar a unha visión cativa do que é a vida e o mundo. Explorar é necesario para un escritor, na forma e nos contidos. Se non queremos ver máis alá do Padornelo, non daremos saído deste momento de estancamento temático e formal no que habitamos.”



