Iván García Campos: “Un libro está vivo cando o lector ten aínda máis preguntas e incertezas despois de lelo”

EntrevistaIván García Campos de Montse Dopico a Iván García Campos en Praza:
“(…) – Praza (P): A vida é dona de nós. Non temos o control sobre ela. É unha das ideas máis presentes en Cuestións vitais secretas. Por que?
– Iván García Campos (IGC): Podería ser unha das ideas, si. Mais o que máis me interesaba salientar é que o coñecemento que temos da realidade é parcial, fragmentado. E a partir dese ínfimo coñecemento temos que tomar decisións. Con ese entendemento parcial, nada se resolve definitivamente. Vivimos na incerteza. E mentres agardamos que as cousas se resolvan, a vida vai pasando… Este é un libro que fala do presente. Hai moita literatura de ficción que fala do pasado ou do futuro.
Pero o que eu quixen foi pensar o presente e máis nun momento histórico tremendo como o que vivimos. Tamén quería falar desde a perspectiva das persoas, dos individuos. Non do grupo. Para min iso é o máis interesante para facer literatura, e non a intriga, a acción…, que tamén están nos relatos, pero creo que non é o obxectivo. Quero dicir, que tamén é importante ter o lector nesa incomodidade de que sabe que algo vai acontecer… En calquera caso, o que trato é de suxerir preguntas que, na maioría dos casos, non se resolven. Hai moitas omisións, porque a vida tamén é así. Cada persoa vive a súa vida e o resto son como actores secundarios e non sabemos nin de onde veñen nin onde van… (…)”
– P: Falabas antes de que che interesaba a persoa e non o grupo. Ou de que a literatura debía facer emerxer o oculto. Son ideas moi presentes desde hai moito tempo no discurso literario, sociolóxico…
– IGC: Interésame os individuos, as persoas concretas, e non o grupo. Sempre digo que o importante de alguén que escribe non é a súa vida, senón o que escribe. Pero as circunstancias persoais inflúen no que escribes. Eu traballo rehabilitando persoas que teñen enfermidades e lesións. Persoas que senten dor, medo, incertidume. Acompáñoas en todo o proceso e iso faime vivir cada día o valor das persoas. Pero insisto: a miña vida non ten importancia. Non me gusta falar de min. Hai editoras que utilizan o status profesional do escritor para promocionalo. Iso non me gusta. Que máis dá que sexas catedrático ou que non teñas carreira. Creo que o importante é o que escribas. Da mesma maneira que penso que como se coñece ás persoas é no cara a cara.
– P: As ideas do éxito, da felicidade… tamén se cuestionan no libro.
– IGC: Cando somos novos pensamos que a felicidade é que sexa todo perfecto. Ao medrar, decatámonos de que non é así. De que felicidade é estar co teu fillo, por exemplo. E de que a “felicidade” é unha entelequia. Como a “humanidade”. Non existe a humanidade. Só as persoas. O concepto da felicidade vai mudando ao longo da vida. A vida non acontece de modo ordenado, como nos contan. Non saen as cousas como as tiñamos planeadas. Mais a cuestión é como nos adaptamos. Porque, ata que punto temos o mando da nosa vida? Saber vivir a vida tamén é saber adaptarnos ao que nos vai traendo a vida. (…)”

Vigo: X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas?, mesa redonda de narrativa, con Juan Tallón e Manuel Darriba

O1442217783371bannerXENUVigo2015 X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas? é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, coa que se quere achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
O obxectivo xeral deste ano é que o alumnado obteña unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Na edición deste ano preténdese chegar a ese obxectivo a través da idea de que cada relator/a dea unha visión da obra (e/ou da figura pública) do/a outro/a, unha introdución subxectiva e breve sobre a súa recepción da obra da persoa compañeira de mesa, que preguntas lle suscita, para despois encetar un diálogo fluído entre relatores-as para, ao final, establecer un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas.
A entrada é libre.

Venres 9 de outubro ás 19:30 h.
Charenton ClubCultura (Ramón Nieto, 58). Vigo.
Mesa redonda de Narrativa.
Juan Tallón e Manuel Darriba.

CartolinaXENUVigo2015

Mugardos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

O Xurxo Soutoxoves 8 de outubro, ás 20:30 horas, na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega (Avenida Bello Piñeiro, 5), no Seixo, Mugardos, Xurxo Souto protagoniza a performance interactiva Oceáno para terrícolas, sobre o seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado en Xerais.

Compostela: presentación de Moraime. Pequena vila con mar, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

OXosé Henrique Rivadulla Corcón xoves 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Restaurante María Castaña (Rúa da Raíña, 19) de Santiago de Compostela, preséntase Moraime. Pequena vila con mar, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Edicións Positivas. Neste evento tentarase trasladar os relatos de Moraime á oralidade ambiental dunha taberna, acompañados de pipotes de viño e camaradería, e das sorpresas que poidan aparecer.