Morreu un Mestre da Memoria, morreu Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2015.

A cámara ardente está na sala número 1 do Tanatorio Regueiro, da Fonsagrada. Mañá, sábado 1 de xullo, ás 15.15 sairá cara o cemiterio parroquial de Porteliña (A Fonsagrada). O funeral terá lugar ás 16.00 na igrexa parroquial.

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un  27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa con moitas necesidades pero tamén alegre e con tradición musical. Seu pai tocaba a frauta traveseira, e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.
A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi daquela cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior, que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos da sega do trigo.
No transcorrer da vida, ademais de músico, foi  xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da conservación da trompa ata a actualidade.
Emilio do Pando  participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Etnográfico da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable da profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.
Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, foi actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.
Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías  e ilusións é ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se convertiu nun digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.
Emilio do Pando pasou a formar parte do noso arquivo de Mestres da Memoria como exemplo irrepetible de persoa onde conviven memoria, saber e tradición.

Deixounos onte, 29 de xuño de 2017.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Emilio do Pando no Proxecto Polafías.

Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista

Desde Galaxia:
“Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde do 27 de xuño despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego. (…)”

Faleceu Mariví Villaverde, nomeada Boa e Xenerosa pola AELG en 2009

A AELG lamenta a perda dunha outra voz da memoria á que sempre debemos volver: Mariví Villaverde.

O 28 de marzo de 2009 vivimos canda ela unha xornada nunca esquecida ao lle entregar a AELG o premio Boa e Xenerosa.

Recoñecíase en Mariví Villaverde un referente dinamizador da cultura galega no exilio arxentino a través da tradución e representación de obras en lingua galega, xunto ao seu compañeiro e escritor Ramón de Valenzuela, recoñecida hoxe tamén como escritora, como directora, noutrora, do xornal Galicia xunto a Arturo Cuadrado, mais sobre todo como muller-testemuña consciente das cicatrices dun tempo privativo e coutador.

Unha vida solidaria, xenerosa, coherente e entregada aos valores sólidos que chantan en nós a grandeza da liberdade.

Hoxe, 24 de abril, será incinerada e en xuño farase o funeral.

Faleceu o escritor Miguel Suárez Abel

Desde Xerais:
“O escritor e psicólogo Miguel Suárez Abel faleceu na tarde de onte en Pontevedra e o seu funeral terá lugar este mércores 19 de abril ás 18:00 horas en Santo Estevo do Campo, Arzúa.”
Desde a AELG lamentamos o seu pasamento e enviamos o noso apoio á súa familia e amigos/as.

“Paco Souto: nas marxes vivas”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Especial Paco Souto: Nas marxes vivas. Falan: Cesáreo Sánchez, Marta Dacosta, Miguel Mato Fondo, María Lado, Rosalía Fernández Rial, Chus Nogueira, Xosé Iglesias, Viki Rivadulla, Evencio Ferrero e Xosé Regueira. Pode accederse á entrevista aquí.”

Faleceu José Luis Sucasas

Desde Praza:
“Practicando unha das súas paixóns, o ciclismo, e do xeito inesperado en que se acolle a morte de alguén cheo de vida. O economista, enxeñeiro e escritor José Luis Sucasas (Lalín, 1959) faleceu repentinamente este sábado, 1 de abril, tras desplomarse mentres facía deporte coa súa bicicleta na Toxa. Os servizos de emerxencia tentaron, sen éxito, reanimalo. (…)
Coa súa xente achegada e compañeiros na vida, pero tamén coa infinidade de persoas que o seguían e lían con atención, quedan catro obras de narrativa –O paxaro que ninguén ve (2002), Soñaron buratos na terra (2003), Pena Furada (2012), Nunca foi día de todo (2014)- e mais un ensaio –Outra vaca no millo (2010)-. (…)”

Faleceu Paco Souto

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda do seu Socio Paco Souto, quen durante 10 anos achegou o seu traballo ao Consello Directivo.

Non se podería entender a poesía actual sen a súa contribución como poeta, editor ou activista cultural. Unha persoa inesquecíbel e valente, optimista radical que contribuíu a que a nosa poesía e a nosa lingua tivesen máis alento.

Está previsto un acto cívico de despedida o venres 31 de marzo, ás 15:45 horas, no Tanatorio de Malpica (como chegar).

Escritor de referencia na actual poesía contemporánea, autor tamén dunha peza de teatro, Amar non ten laranxas, publicada nos Cadernos da Escola Dramática Galega, recibiu diversos premios, entre os que se encontran os Espiral Maior e Johán Carballeira.

Activista da lingua, da literatura e a cultura, comprometido co seu país e co seu tempo, desde finais dos anos 80 cando formaba parte do equipo da revista Ólisbos, revista literaria da Facultade de Filoloxía da USC, onde se foron publicando diversas voces que logo acabarían consolidándose no panorama das letras. Nos 90 comeza a publicar os seus primeiros libros, e tamén fai parte das Edicións do Dragón, proxecto marcou un fito na poesía galega da altura, tanto no deseño editorial (cartafoles manufacturados e individualizados, nos que os poemas ían acompañados de autografados do propio autor/a). O primeiro foi A rota dos baleeiros, onde colaboran as tres persoas que forman, naquel momento, Edicións do Dragón: Paco Souto, Fran Alonso e Miro Villar; libro que ten ilustracións do afundimento do Casón (1987), co que xa se observa unha vontade de que a arte sexa tamén canle de denuncia. Despois dese virían outros, con voces de varias escritoras, que incluían gravados de artistas plástica.

Despois de Edicións do Dragón, embarcarase con máis de 15 persoas no que sería Letras de Cal, un selo editorial que tivo o acerto de poñer na rúa as voces máis novas e mais unha antoloxía referencial para coñecermos a poesía dos 90.

Xa con residencia en Malpica implícase na creación da Asociación Cultural Caldeirón e o Premio de poesía erótica “Illas Sisargas”.

Falece Paco Souto mentres mariscaba en Razo

Desde Que pasa na Costa:
Paco Souto –percebeiro, concelleiro do BNG en Malpica, activo escritor de poesía e membro da asociación cultural Caldeirón– faleceu esta mañá mentras mariscaba na zona da punta de Razo, en Carballo. Polo momento descoñécense as causas do suceso no que outros tres percebeiros que traballaban na mesma zona tiveron que ser rescatados.
Os equipos de emerxencias continúan nestes momentos a traballar no lugar do suceso do que se deu a voz de alarma arredor das 12:20 horas. Un helicóptero medicalizado desprazouse ata alí para evacuar das rochas a un dos mariscadores ferido xa que segundo informan dende o 112 se atopaba nunha illada.”

“Palmira G. Boullosa, in memoriam”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Soubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993), traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.
Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista. Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.”