Número cero da revista poética npgGazeta

“Xa temos rematado o N° cero da revista npgGazeta de agrupacións poéticas de base. 60 páxinas con poemas de máis de 26 poetas con outros tantos escollidos por est@s xa publicados e que se poderán descargar gratuitamente en PDF nos próximos días e que sairá tamén en edición de papel. Faranse diversas presentacións coa participación de algún/a d@s poetas que colaboraron neste número en diferentes localidades. Este número foi coordinado por Moncho Bouzas, coa colaboración da artista Isabel Pardo no apartado artístico con formidábeis retratos d@s poetas, a montaxe de Xelo Teixido, Zeltia Villar nas fotografías e Antón de Guizán no deseño. A revista dixital NPGgazeta da NPG Nova Poesia Guitirica comenza así a súa andaina aberta á participación desde os diferentes grupos poéticos de base e também poetas a nível individual. A NPG promove o Certame Vilariñas de micropoemas galegos ademáis de numerosas actividades poéticas desde as terras de Díaz Castro e prepara o 1° Festival de Poesía Guitirica para este ano #CarvalhoCalero2020 en Guitiriz.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”

Luz Pozo Garza, Filla predilecta de Ribadeo

Desde o Concello de Ribadeo:
“O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”. (…)
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.”