Cervatos, fuxir, avante”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“É tanto menos que singular falar deste novo poemario de Lucía Novas (Bueu, 1979), require dunha expresión semellante. Cervatos ten moito de moi variadas cousas, “tan kitsch que é beleza intensa”, tan poliédrico que hai que ilo construíndo, decapando, rebordando a curiosidade que nos fai erguer a lapela de cada palabra. A nosa experiencia como lectoras conta tanto como a nosa sensitividade.
Funciona algo así como un collage de sinestesia, como unha paisaxe descritiva a base de numeracións como naquel laboratorio da vella Celestina, descrito, palabra tras palabra, sintagma após sintagma, moi polo miúdo. Todo aquí está feito para curtocircuitar os cinco sentidos e fixarse na produción global.
Conducindo rápido a través da xustaposición, nunha road movie transfronteiriza, Novas condúcenos mentres fuxe e busca; pasan animais e esceas como nunha reivindicación do pasado nun de transparencias e veladuras sobre o presente. A man no volante, o ollo no que ha de vir e a convivencia coas marxes, as figuras do pasado e o que acontece na beiravía. O brazo pola fiestra. O aire fai pregos na roupa lene. Arricha os poros e crea confusión. (…)”

Amauta Castro: “O verso admite todo o que nos devasta”

Entrevista de Ronsel Pan a Amauta Castro en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): “Só o instante coñece a forza do pensamento”: o pensamento que ten de improvisación?
– Amauta Castro (AC): Desde logo hai unha parte de intuición poética (non sei se de improvisación) que é necesaria para desenvolver o oficio da poesía. Einstein consideraba que nunca chegara a ningún dos seus logros científicos por vías convencionais, e que en boa medida precisou dese punto de intuición que adianta o pensamento máis definido e razonado.
É no instante, na tentativa de captura do instante, que aparece esa forza. Durante anos me sentín obsesionado pola obra do artista plástico italiano Alberto Burri. Burri tentou captar o punto de combustión dos materiais principalmente sobre elementos plásticos. Sempre pensei que era necesaria a mesma tentativa a través do texto poético. E entendo que non son o único que pretendeu isto. Os místicos (musulmáns e cristiáns, que son os que coñezo e puiden ler), os grandes mestres do haiku, e mesmo poetas da nosa propia tradición galego-portuguesa, tentaron achegarse ao instante desde a intuición poética. Creo que non é preciso estenderse muito máis, pero hai exemplos moi evidentes no eido da fotografía e do cinema que tentan achegarse a esa forza.
– P: “O verso admite todo o que nos devasta”: constrúese desde as ruínas do ser?
– AC: A poesía pode construirse desde diversas posicións. Parece que a felicidade non adoita ser a maioritaria e que somos movidos por sentimentos que producen unha convulsión en nós mesmos. Desde a indignación política ao intimismo máis severo, pasando pola desespranza ou pola inminencia da morte, etc. Non existen unha pauta, nin se pode ser categórico e afirmar que efectivamente construimos o poema desde a ruína. Pero cito a Alfonso Pexegueiro para dicir que “só a poesía pode sacarnos dos infernos que a intelixencia crea”. (…)”

Arancha Nogueira: “Hai que deslocalizar a poesía e levala aos bares, non é elitista”

Entrevista a Arancha Nogueira en La Región:
“(…) – La Región (LR): Cal é ese “spleen” do título [spleen en catro tempos]?
– Arancha Nogueira (AN): “Spleen” é como os antigos gregos lle chamaban ao bazo, porque crían que este órgano era o que regula o temperamento. Popularízase na literatura como sinónimo de capturar o temperamento dun lugar. Porque os lugares teñen carácter e nos inflúen. Eu fago un spleen de Santiago de Compostela, a cidade na que vivo, pero podería ser de Ourense ou de calquera outro lugar. Precariedade, turistificación, alugueiros caros… É un berro colectivo dunha xeración.
– LR: Que significado teñen os espazos na súa poesía?
– AN: Este poemario marca unha diferenza cos anteriores, máis íntimos. Aquí doulle máis importancia aos espazos públicos. A miña poesía é íntima e social. Creo que hoxe as mulleres reflexionemos sobre as cousas que nos interpelan é algo tremendamente social que é preciso colectivizar.
– LR: Publicou un poemario hai uns meses. A este ritmo, non ten medo á páxina en branco?
– AN: Un pouco, pero non tanto polo número de publicacións. Levo escribindo moitos anos. No momento no que non podes escribir, é certo que te angustias moito, porque é unha forma de vida e unha maneira de buscar a túa identidade. (…)”

A Coruña: recital de Valter Hugo Mãe e Miguel Anxo Murado no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Miguel Anxo Murado e Valter Hugo Mãe. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos xaneiro 2019.

Compostela: Homenaxe a Díaz Pardo no seu sétimo cabodano

Desde Sermos Galiza:
“No sétimo cabodano da súa morte, un monllo de amigas e persoas achegadas -organizadas como Academia Real Isaac Díaz Pardo- volven homenaxear o artista, intelectual e creador de Sargadelos. Será este domingo, 13 de xaneiro, no cemiterio de Boisaca, en Compostela.
O acto comezará ás 12.30 horas e constará de tres bloques, precedidos dunha “procesión cívica até a tumba de Díaz Pardo” ao son da Marcha do Antigo Reino de Galiza interpretada polos Catro de Vigo e a lectura do poema de Lorenzo Varela Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados a cargo de Isabel Fonseca.
As alocucións constitúen a primeira parte da homenaxe. Pronunciaranas o xornalista Perfecto Conde, o filólogo Gregorio Ferreiro, o dramaturgo Manuel Lourenzo e o deseñador Carlos Núñez. Despois haberá un recital de poesía en que participarán Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Sabela Hermida, María Xosé Queizán, Manuel Landeira e Manuel Ucha.
Unha ofrenda floral pechará a xornada, canda a solta de pombas e as palabras de clausura de Alonso Montero. O ramo serán “os tres himnos de Isaac”: o Galego, o de Riego e a Internacional.”

Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (IV)

O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Recital poético-musical (primeira parte). Xoán Neira López, Toño Núñez, María José Fernández, José Blázquez e Paco Reija:

Recital poético-musical (segunda parte). Lois Diéguez, Xoán Xosé Fernández Abella, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, Martiño Maseda Lozano e Joaquín Carballido:

Recital poético-musical (terceira parte). Xosé Lois García, Alberte Momán, David Otero, Cesáreo Sánchez e Luís Valle:

Son Trío gaña o II Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados

Desde Cultura Galega:
“A Fundación Celso Emilio daba a coñecer esta fin de semana o ditame da segunda xeira do Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados. O grupo vigués Son Trío foi o vencedor deste certame coa súa versión musicada de Un día, poema incluído na obra Viaxe ao país dos ananos do autor celanovés. O premio, que a fundación convoca de xeito bienal, está dotado con 3.000 euros en metálico e unha peza de bronce. O grupo está formado por Katerina Linke, Su Garrido Pombo e Susanna Blanco. A fundación anunciara o pasado novembro a suspensión do certame pola baixa participación, recuperando a iniciativa cun novo prazo de presentación a final dese mesmo mes.”