Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 8 de xuño

O 8 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

– 18:30 h. Chan da Pólvora. «Poesía en Acción», con Estela Pan. Diálogo interdisciplinar para abrir un espazo de encontro no que o verso acada unha materialidade distinta á do trazo clásico no papel.
– 18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Contos e obradoiros. Ás veces portámonos mal e convertémonos en bechos insoportables; ás veces somos adorables e encantadores… Contos de diversidade e interculturalidade, para a paz e a convivencia.
– 19:00 h. Mesa debate. Irmás Cartoné. «A tradución, factor normalizador para o sistema literario galego». Con Patricia Buján Otero, de Catro Ventos Editora; Laura Sáez, de Patasdepeixe; Celia Recarey, de Irmás Cartoné.
– 20:00 h. Paseo literario Scórpio. de Ricardo Carvalho Calero. Paseo que rende homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través da súa novela Scórpio. As persoas asistentes percorrerán espazos da cidade relacionados tanto co autor como coa obra. ▸ Inicio: Casa do escritor. Carreira do Conde, 4.
– 20:00 h. Encontro co poeta Antonio Gamoneda. Conducido por Claudio Rodríguez Fer.
– 21:30 h. Off SELIC. Elías Knörr. Recital ao redor dos poemas de O xardín de atrás – Bakgarðurinn traducidos ao galego en O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido.
– 22:30 h. Proxección de Contrafaces de Antón Cortizo. Centrado na voz poética de Knörr. En colaboración coa MICE. ▸ Teatro Principal.

Entrevista a Carlos Negro e Héctor Cajaraville, Premios Jules Verne e Merlín

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista aos gañadores do Jules Verne de literatura xuvenil: Carlos Negro, polo seu poemario Aplicación Instantánea, e do Merlín de literatura infantil: Héctor Cajaraville, pola súa fábula Kusuma. Poden verse aquí.”

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 7 de xuño

O 7 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

– 18:00 h. Chan da Pólvora. Não tenho culpa de viver. Teresa Moure presentará Não tenho culpa de viver, na que traduce ao galego os poemas de Ana Brouwer para a colección «Malaca de fóra».
– 18:30 h. Mesa debate. «Sepáranos tanto o que nos une». Unha mesa temática con dous escritores portugueses, Rui Zink e Marta Bernardes, e dous escritores galegos, Suso de Toro e Teresa Moure, moderado por Carlos Quiroga. Actividade promovida por Póvoa de Varzim.
– 19:30 h. Palabras Vivas. «Voces poéticas en feminino». Lectura dramatizada de poesías de autoras galegas sobre unha base musical, acompañada dunha proxección de imaxes ilustrativas con Elisa Barreiro, Marina Nieto e Fortunato Rodríguez.
– 19:30 h. Paseo literario Fermín Bouza Brey, con Antón Lopo. O paseo cínguese á ruta que debeu seguir Fermín Bouza Brey en Compostela despois de ser expulsado da xudicatura a primeiros dos anos cincuenta. En colaboración coa AELG. ▸ Inicio: Rúa do Vilar, 43.

Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 6 de xuño

O 6 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

– 18:30 h. Contos do mundo. As viaxes de Irene. Contacontos sobre as viaxes de Irene (filla de cooperantes) a distintos lugares onde ten presenza a Cooperación Internacional de SIG (Solidariedade Intenacional Galicia); América Central, campamentos de refuxiados saharauís, Senegal, rexión andina ou Oriente Próximo.
– 19:00 h. Librería Lenda. In tempus veritas (viaxe pictopoética). Xabier Ron (poeta), Xosé Poldras (gravador) e Xosé Antonio Ferreira (músico).
– 20:00 h. Librería Lenda. Atlas dos hórreos de Galicia. Presentación do libro Atlas dos Hórreos de Galicia, de Carlos Regueira Méndez.