Arquivo da categoría: Poesía
Cesáreo Sánchez Iglesias: “A poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, os máis eternos”
Entrevista
a Cesáreo Sánchez Iglesias en Coruña Magazine:
“(…) – Coruña Magazine (CM): Que é, pois, Tempo transfigurado?
– Cesáreo Sánchez (CS): Un poemario que ten como elemento aglutinador a música, que é tempo acrisolado, transfigurado e convertido en materia poética. Dentro dese tempo transfigurado acontece a vida dos compositores, a súa música. É tamén unha aproximación ao que é o amor en clave do que é memoria do amor. Hai poemas á persoa que nos amou de maneira incondicional; a nai, que representa unha forma do máis alto amor.
Aparece a aceptación da orfandade dos seres polos que fomos amados. En concreto, hai algúns poemas vencellados á norte da miña nai, hai xa trece anos, que me fan tomar consciencia da asunción da orfandade, extensible á ausencia doutras mulleres que formaron parte da miña vida. Mulleres ás que amei e que quizais me amaron. Tamén aparece outra variable, que é que cando todo falla, xurden os territorios da infancia, que teñen moito que ver co amor materno. (…)
– CM: Hai detrás de Tempo transfigurado unha metáfora do tempo actual?
– CS: Hai. Ante o tempo veloz está tamén o tempo do poeta, que non é un tempo histórico. O tempo do poeta trascende a historia no sentido do día a día, aínda que se poida falar da historia. O tempo do poeta busca aquilo que permanece. Diante do banal busca o que permanece, diante do urxente busca o que permanece. Comentaba hai uns días que estamos no tempo da desinformación por sobreinformación do banal e efémero. A poesía é todo o contrario: é unha maneira de cuestionar o tempo actual.
Aquí está a música que me formou ó longo dos anos. No poemario, cando falas, falas tamén do presente, aínda que fales do pasado. Eu falo do que permanece do pasado. Poeticamente hai que buscar no presente aquilo que permanece, aínda que a poesía está tamén nos bordes efémeros da vida, que son os máis eternos; pero no fondo sempre escribes do presente.
E ninguén escrebe fóra da propia vida. (…)
– CM: Tempo transfigurado invita a iso. A conxunción de palabra e música convida a tomar as cousas con calma?
– CS: Claro, sería bo que tivese esa función de que a quen le o libro o axude a sacar do seu interior sentimentos que non leve o vento. E ser críticos con aquilo que nos negue humanos. Sempre lles digo aos rapaces: buscade o poético que hai dentro de vós. O carpinteiro que está a facer unha cadeira ten unha poética porque quere facela con cariño, con amor, con beleza… En todo oficio hai unha poética. O poema invita a que busques no interior, dá instrumentos para diferenciar entre o fundamental e o banal. Hai que ter criterio para elixir. A cultura non é a erudición do coñecemento, senón a capacidade de saber elixir. (…)”
Antonio García Teijeiro: “Exportamos moi boa literatura”
Compostela: Poema(s) de outono [1] Clube de lectura: [de]construçom, de Susana Sánchez Arins
Chus Pato: “O Mondoñedo10 é xa o Nobel da literatura galega”
Ribadeo: actos literarios destacados na I Feira Feminista
O
sábado 28 de outubro, en Ribadeo, dentro do programa da I Feira Feminista, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, terán lugar os seguintes actos literarios destacados:
– 12:45 h. Vermú María Soliña e Versos feministas no bar O Cabás, con María José Fernández.
– 13:45 h. Vermú María Castaña e Versos feministas no bar O Indiano con Olalla Cociña.
A Coruña: “A doután. Xornadas surrealistas”
O
venres 27 e sábado 28, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terán lugar as Xornadas surrealistas A doután, co gallo da presentación da exposición “A vida dende o outro lado: O surrealismo galego-portugués”, prevista para febreiro-marzo do 2019, na Coruña. Organizan e coordinan: Tono Galán e Xoán Abeleira, co apoio da Concellería de Cultura da Coruña e a Fundación Luís Seoane.
Dentro das súas actividades destacamos as seguintes propostas literarias:
Venres 27
– 18:00 h. Relatorio de soños. Onilirismo, falando abertamente cos ollos pechados.
– 19:30 h. Creacións poético-musicais de João Sousa.
– 20:00 h. Posta en común do libro O pronunciábel dia da súa morte, de Xesús González Gómez (verbo da recepción na Península Ibérica da noticia do pasamento de André Breton) e outras diversas publicacións do Grupo Surrealista Galego.
Sábado 28
– 18:00 h. ¨A lingua das pedras¨, faladoiro verbo do amor tolo polas pedras no xamanismo, no celtismo, no romanticismo, no simbolismo e no surrealismo. Coios e coídos como plataformas cara ó outro lado. Mostra de pedras intervidas a doután por divers@s convidad@s.
– 19:30 h. Liberdade poética, liberdade de acción.







