A “pulsión” de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo

Desde Sermos Galiza:
““Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre Intempériome, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada.
Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. Sigue lendo

Carlos Negro: “Hai todo un mercado especializado que pauta o que as mozas deben comprar, vestir, pensar”

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Negro en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Parte o libro [Penúltimas tendencias] dalgunha experiencia concreta ou foi unha reflexión que se foi sedimentando co tempo?
– Carlos Negro (CN): Máis ben foise sedimentando, si. Dicíanme que o meu libro anterior, Makinaria, que está centrado nos mozos adolescentes, era moi masculino. Entón pensei en tratar un tema diferente, pensando tamén no público xuvenil, que é o desa presión sobre as mulleres para que todo sexa “fashion, chic e sexy”. E foi un reto, a verdade. No caso de Makinaria si que partira do que vía, en mozos próximos. Neste caso, foi máis ben unha reflexión de máis tempo, orientada a esa crítica dos estereotipos.
– MD: O libro apunta á imposición dun modelo de beleza non só irreal, senón reprodutor de roles patriarcais.
– CN: Un modelo de beleza que tamén se está a estender aos homes, aínda que a presión é maior sobre as mulleres. O libro ten tamén un sentido das metamorfoses dunha moza, que poderían ser varias. Da procura da propia identidade, fronte a un modelo de beleza moi pechado e canonizado. Mais tamén hai outras ideas, como o amor romántico. E, nese aspecto, o libro é unha reacción contra o escrito por Federico Moccia. Eu vía que os alumnos o collían na biblioteca, que estaba moi de moda. Tiña curiosidade e lino. E quedei asustado. Ademais de estar pesimamente escrito, era profundamente reaccionario no seu contido. Era o tópico da muller fascinada polo ‘machito’. Unha muller aparentemente liberada pero que o que quere é ser modelo de televisión, presentadora ou parella dun chico guapo, á sombra do seu mozo. (…)
– MD: Tanto este libro como o anterior son moi distintos de Far-West, Cultivos transxénicos… Mais o tema da revisión da masculinidade xa podía percibirse.
– CN: Si, en Héleris xa había unha revisión diso, no sentido do que o nacionalcatolicismo impoñía sobre o que debía ser unha muller e un home no tempo da posguerra. De todas maneiras con Cultivos transxénicos pechei unha etapa. Agora xa non estou tanto co tema da identidade colectiva, a memoria do rural, a identidade nacional…, senón co tema da identidade de xénero… Aínda que isto é unha reflexión que fago a posteriori, non é algo planificado. Vou buscando cousas novas que contar. Tento non repetirme. De feito, polo medio publiquei en Positivas Abelcebú, un libro satírico que non tiña que ver cos anteriores. Busco temas noves, voces novas, cada un co seu estilo. Non é tampouco que teña un estilo recoñecible. Parece que son un escritor diferente ao cambiar de libro, porque son proxectos distintos. Son etapas. (…)”

Lugo: edición número 35 da revista oral O pazo das musas

O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 35 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura do poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro (Guitiriz,1914-Lugo, 1990), con motivo de cumprírense 100 anos do seu nacemento o pasado mes de febreiro, e que este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas. Para achegarnos a unha figura tan senlleira da nosa cultura contamos coas intervencións do profesor Armando Requeixo, que nos falará da vida e da obra; Alfonso Blanco Torrado traeranos á memoria á súa amizade; X. Antón Cascudo, desde o mundo do audiovisual faranos partícipes dos segredos do seu documental O instante eterno, e varios alumnos e alumnas do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitarán os versos máis coñecidos do poeta.
A revista contará no apartado musical coa actuación de 2naFronteira, dúo composto por Carmen Pením e Maurizio Polsinelli. A súa intervención é moi oportuna pois coincide cos días previos á publicación do seu disco Zapatiños para Díaz Castro no que musican gran parte dos poemas de Nimbos, obra cume de Xosé Mª Díaz Castro. Un total de 15 cancións para voz, piano e harmonio, entre as que están temas que interpretarán nesta revista oral como Penélope, Noite do mundo, Coma unha espada, Ai capitán, …

SUMARIO DO NÚMERO 35

– Portada musical. Noite do mundo, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
A vida de Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Alalá do verme e a estrela (poema O verme e a estrela), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
O instante eterno e a xenealoxía emocional de Nimbos, por X. Antón Cascudo (10’).
– Proxección dun fragmento de O instante eterno (documental de Xosé Antón Cascudo) (5’).
– Música. Penélope, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
Andadura con Díaz Castro, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
– Música. Remuíño, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemi Romero, alumnos/as do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitan a Xosé Mª Díaz Castro (10’).
– Música. Ai, capitán, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
A escrita de Xosé María Díaz Castro: Nimbos e outras auras, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Nana da terra (poema Terra sucada), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Coma unha espada, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XVIII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES San Paio de Tui do seguinte xeito:
“Lectura continuada de poemas, intervención artística perfilando o rostro de Rosalía a partir da escritura dos seus versos e ambientación músico-poética a partir dunha pequena lista de reprodución de vídeos. Todas estas accións desenvolvéronse na entrada principal do centro e contaron coa participación e asistencia de numerosos membros da comunidade educativa.”