(Entrevista en La Voz de Galicia)
Arquivo da categoría: Poesía
Riotorto: recital de poetas da xeración dos 80 na Festa da Cultura
Este sábado 25 de setembro, a partir das 22:00 h., dentro da Festa da Cultura que se celebra en Riotorto, desenvolverase un recital poético de autores da chamada Xeración dos 80, no que intervirán Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xulio Varcárcel, Xavier Seoane, Luísa Castro e Cesáreo Sánchez.
Ese mesmo día celebrarase a Feira do libro e do disco galego, no marco da cal se realizarán as seguintes presentacións:
17:00 h. Xosé Chao Rego, por Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00 h. Rosalía, o clamor da rebeldía, por Pilar García Negro.
19:00 h. Noente paradise, con Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.
O programa completo da Festa da Cultura, desde o venres 24 até o domingo 26, pódese consultar aquí.
Vigo: recital A hostia en verso, con poesía, música e artes plásticas
O sábado 25 de setembro, ás 21:30 horas, terá lugar no Café Golem (Churruca, Vigo) un combate lírico que enfrentará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Laura Sáez, David Rodríguez, Lara do Are e Miguel Valverde, baixo o nome de A hostia en verso. O acto será unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado. Contarán tamén coa intervención musical do Leo i Arremecághona, e a das artistas plásticas Antía Sánchez e María Longa, que realizarán senllas obras en directo. Haberá tamén ricos e gratuítos petiscos para o público asistente, que se verá reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate.
Folgoso do Courel: Emilio Cao homenaxea a Novoneyra
O sábado 25 de setembro ás 18:30 h., na Ferrería Nova de Seoane, no Concello de Folgoso do Courel, terá lugar a presentación de Interseccións, o inconcluso proxecto conxunto que desenvolveran no seu día Uxío Novoneyra e Emilio Cao, e que se retoma co propio músico, Branca Novoneyra no recitado, Carme Rey na voz e Manuel Gutiérrez no piano. Este acto forma parte do festival Espazos Sonoros, organizado pola Consellería de Cultura.
María do Carme Kruckenberg: “Non podo esquecer a desolación que vin nos países comunistas”
Entrevista a María do Carme Kruckenberg en Xornal:
“Xornal (X): Cales son a estrutura e a temática d’A voz da auga?
María do Carme Kruckenberg (MCK): O libro está composto de poemas curtos divididos en catro partes: primavera, verán, outono e inverno. Estes poemas están pensados xa dende o ano 1997, en que fixen a primavera e o verán, e este ano rematei o outono e o inverno para facer un libro. A temática é a auga, pero a auga en moitos sentidos: a auga que un sente, a auga que unha persoa é, o recordo dos ríos, das fontes, do mar…
X: Este é o seu derradeiro poemario?
MCK: Si, este é o último, con el penso pechar a temática poética da miña vida, e xa non escribirei máis poesía. É o último porque hai outro libro meu, entregado a Galaxia que aínda non está publicado, pero está feito antes deste.”
A porta verde do sétimo andar: “Poesía en galego e para Galiza”
(Xornal)
A Coruña: recital poético-musical na entrega dos premios do I Certame de Curtas para Rosalía
O luns 20 de setembro, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, celébrase a entrega de premios do I Certame de Curtas para Rosalía de Castro, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. No acto haberá un recital poético-musical en homenaxe á poeta coa participación de Anxo Angueira, Abe Rábade e Guadi Galego.
Vigo: presentación de A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg
O venres 17 setembro, a partir das 20:30 h., preséntase no Verbum (Avenida de Samil, 17) de Vigo o que, pola propia vontade de María do Carme Kruckenberg, será o seu derradeiro poemario, A voz da auga, publicado por Barbantesa, completando unha singradura poética comezada moitos anos atrás. Haberá un recital da autora coa participación de Susana Blanco (violonchelo) e Leonardo Blanco (violín) tocando As catro estacións de Antonio Vivaldi.
Vigo: presentación de Sétimo andar, poesía alén
O sábado 18 de setembro, a partir das 21:00 h., preséntase en “A Cova dos Ratos” (na rúa Romil, 3) de Vigo o libro Sétimo andar, poesía alén, publicado por A Porta Verde do Sétimo Andar, no que participan Miguel Ángel Alonso, Ana Cibeira, Rosa Enríquez, Alfonso Láuzara, Alba Méndez, Alberte Momán, María N. Soutelo, Manolo Pipas e Ramiro Vidal. O deseño da portada é de Roberto Alonso.
Vigo: presentación de Penúltimo acto
O venres 17 de setembro, a partir das 18:30 h., preséntase na Galería Sargadelos de Vigo (rúa Urzaiz, 17), o libro Penúltimo acto. No acto participarán, alén dos autores, Antonio Alonso Fontán e o editor, Fernando L. Pérez Poza.