Desde Nós Diario:
“O Espazo Cultural Manuel María da cidade da Coruña, recentemente aberto ao público, serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á quinta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A iniciativa está organizada pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña e Lugo, o Centro Dramático Galego (CDG), as Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e 34 concellos galegos. Nesta edición, o xurado outorgou o galardón por unanimidade á proposta Semente de dramón, presentada conxuntamente polas compañías Ancoraxe Escénicas e Compañía Morraoconto sobre o texto de Manuel María Semente de dramón dos medios de comunicación, baixo a dirección de Sara Rey e Rafa R. Martínez.
A montaxe “revisita a farsa de Manuel María botando man de referentes actuais, tanto estéticos como conceptuais, que afondan no bombardeo informativo ao servizo dunha sociedade na que a masa dilúe as individualidades e o capitalismo acaba sendo esa Pantasma Famenta que nos devora na súa arela globalizadora”.
O tribunal –presidido por Quico Cadaval e composto por Paula Carballeira, Cristina Domínguez e con Alberte Ansede, Presidente da Fundación Manuel María, exercendo de secretario con voz mais sen voto– valorou o uso dunha linguaxe artística contemporánea e de ferramentas escénicas como música, cancións e coreografías.
Así mesmo, salientou que “as dúas compañías asociadas, fascinadas pola actualidade da mensaxe do autor, indagan no “como”, “onde” e “quen” controla o relato nos mass media, servíndose dunha linguaxe artística anovadora e contemporánea”.
Este certame bienal para compañías profesionais galegas combina unha axuda financeira de 19.200 euros para produción (4.200 euros da Fundación e 15.000 euros do CDG) cunha ampla xira garantida de 40 representacións por vilas e cidades galegas. Na entrega do premio, recollido por Sara Rey, Laura Pouso e Miguel Gendre, Alberte Ansede destacou que a difusión é o mellor recoñecemento para o teatro, mentres que Francisco Javier Núñez, director do CDG, louvou a colaboración entre compañías. O espectáculo estrearase nun prazo máximo de 10 meses e estará en cartel cando menos até finais de 2028.”
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”, gañan o premio Otero Pedrayo 2026 polo seu impulso á cultura galega a través do humor gráfico
Desde a Deputación da Coruña:
“O Pazo de Mariñán acolleu o 27 de outubro a xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, convocado nesta edición pola Deputación da Coruña de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no regulamento do certame. Tras a deliberación dos seus membros, acordouse concederlles por maioría este recoñecemento aos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”. Trátase dunha proposta da propia Deputación da Coruña que se suma á histórica nómina dun premio que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, recoñecer un labor que constitúa unha contribución eminente ao país e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven á mellora da súa cidadanía e institucións.
A Deputación da Coruña propuxo a candidatura dos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” por “levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos” tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece “o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia”.
A xuntanza do xurado estivo presidida por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, mentres que a vicepresidencia recaeu na deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Na xuntanza participaron tamén, en calidade de vogais e en representación das distintas institucións, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a funcionaria do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ruth González Reyes; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
A representación do ámbito académico e científico estivo integrada por Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro, catedrático emérito de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña; María López-Sández, académica de número da Real Academia Galega; Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Así mesmo, formaron parte do órgano reitor como personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria o poeta Luís González Tosar (designado pola Xunta de Galicia): o ilustrador Manel Cráneo (pola Deputación da Coruña); o historiador e catedrático emérito da Universidade de Vigo Jesús de Juana López (pola Deputación de Ourense) e a técnica de xestión cultural da Deputación de Pontevedra Begoña Fernández (pola Deputación de Pontevedra), xunto con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da institución coruñesa, na secretaría do xurado.
O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se desenvolverá antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.”
Nerea Pallares gaña o Premio San Clemente con ‘Punto de araña’
Desde Cultura Galega:
“A trixésima edición dos Premios San Clemente, outorgados por alumnos de ensino secundario de dez centros educativos a obras editadas xa ten gañadores. A novela Punto de araña (Galaxia) de Nerea Pallares (Lugo, 1989) foi a obra escollida na categoría de lingua galega, impoñéndose segundo o xurado a Mazarelos (Galaxia), de Manuel Portas, e a Ítaca (Xerais), de María Besteiros. O xurado resaltou da obra gañadora cuestións como o “simbolismo fortemente feminista”, ademais de “dar voz a todas as mulleres que non foron recoñecidas”. Tamén fixo fincapé no paralelismo con algúns clásicos universais e no feito de empregar variedades dialectais. (…)”
Gordot, de Paulo Narciso, é a proposta premiada no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal
Gordot, de Paulo Narciso, é a proposta premiada no IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal, organizado pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, o Camões-Centro Cultural Português em Vigo, e a subvención da Deputación da Coruña.
O 25 de outubro de 2026, o xurado do IX Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2026: Galiza + Portugal, dentro da XI Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués em Vigo; e Fabrice Corrons, especialista en teatro contemporáneo e profesor na Universidade de Toulouse; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e considerar tamén as votacións dos grupos participantes, chegou, finalmente, ao acordo de que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña a partir de 2027 sexa:
– Gordot, de Paulo Narciso.
O xurado quere destacar a gran calidade de todas as propostas desta edición do Festival.
Os Premios da Cultura Galega 2026 recaen en María Solar, Almudena Fernández Fariña, Elefante Elegante, Asociación Galega de Empresas Musicais, Alfonso Zarauza, Espazo Lectura, Obradoiro de Gaitas Seivane e o Festival EmigraSON
Desde a Xunta de Galicia:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
– Letras: María Solar
– Artes Visuais: Almudena Fernández Fariña
– Artes Escénicas: Compañía Elefante Elegante
– Música: Asociación Galega de Empresas Musicais
– Audiovisual: Alfonso Zarauza
– Lingua: Espazo Lectura
– Patrimonio Cultural: Obradoiro de Gaitas Seivane
– Proxección Exterior: Festival EmigraSON
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral da Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto López; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Paula Cabaleiro, e María López Sández, en representación do presidente da Real Academia Galega. Tamén integraron o xurado a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; a directora da Fundación Pública Camilo José Cela, María Jesús Martínez; a directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, Concepción Pombo, e a comisaria de arte Pilar Corredoira. Ademais, exerceu como secretaria Marta Bermúdez, xefa de servizo dos Centros Museísticos da Xunta.
Con estes galardóns, a Xunta distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.”
Gonzalo Hermo, Antonio Salas, Universo Cantigas. II, Cabreiros, Abraham Cupeiro, Mar Caldas, Laura Iturralde, Beli Martínez, o proxecto de comunicación do Celta e José María Fonseca Moretón, Premios da Crítica de Galicia 2026
Bases do XVI Certame Curtas AS-PG
O Club de lectura de Lugo gaña o I Premio María José Meilán
Desde Nós Diario:
“A través da Fundación María Reimóndez, a autora lucense lanzou este ano I Premio María José Meilán de Dinamización de Clubs de lectura da cidade de Lugo, que nace en 2026 co obxectivo de incentivar iniciativas de dinamización dos clubs de lectura da cidade. O Club de lectura cidade de Lugo resultou gañador cunha proposta ao redor d’A casa do amo (Pol·len Edicions 2025), o último ensaio de Reimóndez.
O club gañador argumentou que a “elección desta obra responde á convicción de que resulta necesario promover espazos de reflexión crítica que nos permitan revisar as actitudes, prexuízos e dinámicas de carácter racista e colonial que, de forma consciente ou inconsciente, continúan presentes na nosa sociedade”. A proposta inclúe faladoiros, proxeccións documentais e lecturas específicas para o curso 2026-2027.
Ao xurado do premio estivo integrado pola escritora, activista e directora do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra Eva Mejuto; a escritora, docente e crítica literaria Susana Sanches Arins e a docente, integrante da Sega e padroeira da Fundación María Reimóndez, Montse Paz.
O acto de entrega do premio, no que participarán María Reimóndez e a artista Luz Darriba, realizarase o vindeiro sábado 5 ás 12 horas no espazo Arte e Parte e está aberto ao público.”
Xosé Ballesteros, cofundador de Kalandraka, homenaxeado en LIBER 2026 pola súa traxectoria editorial
Desde Nós Diario:
“A Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) decidiu que LIBER 2026 homenaxee o galego Xosé Ballesteros Rey, cofundador e director xeral de Kalandraka Editora, polo seu percorrido profesional e pola súa contribución ao sector editorial. A federación salienta especialmente o seu traballo no ámbito da literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa edición de calidade, a creación literaria, a tradución e a promoción da lectura.
A homenaxe terá lugar o 30 de setembro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), en Barcelona, durante a Gala LIBER. O acto forma parte da programación da 44ª Feira Internacional do Libro, LIBER 2026, que se desenvolverá do 29 de setembro ao 1 de outubro.
Xosé Ballesteros Rey é editor, escritor, tradutor e especialista en literatura infantil e xuvenil. Cofundador de Kalandraka Editora en 1998, exerce desde entón como director xeral da editorial, que recibiu en 2012 o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un catálogo centrado na edición de calidade e na difusión da literatura para públicos de todas as idades. Tamén dirixe os selos Cuatro Lunas e Faktoría K de Libros, integrados na estrutura de Kalandraka, cuxo catálogo supera os 800 títulos. Algúns destes libros recibiron recoñecementos tanto no Estado como a nivel internacional.
Como autor, publicou obras como Talego, gañadora do Premio Manuel García Barros de Novela en 1993. Na literatura infantil destacan títulos como O coelliño branco, Tío Lobo e Imaxina Animais, traducidos e publicados en diferentes países. A súa actividade tamén está ligada á tradución. Entre outros traballos, editou numerosos libros para a infancia e, no ámbito da literatura para adultos, unha antoloxía poética de Fernando Pessoa que recibiu en 2015 o terceiro Premio Nacional ao Mellor Libro Editado.
Ballesteros mantivo ademais unha ampla actividade institucional en representación do sector editorial. Foi presidente da Asociación Galega de Editoras entre 2016 e 2020 e vogal da Xunta Directiva da FGEE entre 2018 e 2021. Así mesmo, formou parte do xurado do Premio Princesa de Asturias das Letras en varias edicións. Con esta homenaxe, LIBER 2026 pon en valor unha traxectoria estreitamente vinculada á edición, á creación literaria e á difusión da lectura, especialmente entre o público infantil e xuvenil.”












