A Xunta e Galaxia anuncian a obra ‘A arte de non morrer’ como gañadora do premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025

Desde a Xunta de Galicia:
“A obra A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega.
Así se anunciou o 29 de decembro nunha rolda de prensa na que o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou esta distinción “como a máis relevante e de maior trascendencia neste xénero do ensaio para a nosa lingua”. Ademais, fixo fincapé na temática abordada, a da lonxevidade, puntualizando que “vai ter unha contribución moi útil a nivel científico e divulgativo”. Neste senso, tamén resaltou a profesión do autor “porque ao longo da nosa historia son moitos os médicos que forman parte do noso acervo cultural”.
Deste xeito, o xurado destacou sobre o texto premiado a súa capacidade para achegar un tema de actualidade como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social, explicando estas realidades desde un fondo coñecemento médico especializado que afonda no bioquímico, na tecnoloxía dos alimentos e na vida saudable. Así mesmo, tamén se salientou como se relaciona ese saber coa cultura socializada e as citas de autoridade literarias e artísticas, así como a fundamentación antropolóxica, filosófica e sociolóxica.
O premio está dotado con 3.000 euros e a obra será publicada pola Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) é un médico e escritor galego. Como autor literario foi distinguido no ano 2022 co Premio Blanco Amor pola súa novela A inmoral doutora Cons. Como ensaísta, recibiu o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais no 2017 pola súa monografía Enfermos pobres, médicos tristes. (…)”

Francesco Martín Traficante e Lourenço Álvarez gañan os Premios Carvalho Calero

Desde Nós Diario:
“Ferrol homenaxeou esta terza feira un dos seus escritores natais e máis importantes, Ricardo Carvalho Calero. Fíxoo a través da entrega do premio que leva ao seu nome e que galardoa a investigación lingüística e a creación literaria, un certame que naceu en 1990 tras o falecemento do escritor e que foi recuperado recentemente polo Concello após non se convocar desde 2008.
Este certame naceu da man da Sociedade Cultural Medulio co obxectivo de promover a figura do autor e promover a defensa da lingua galega a través da investigación lingüística e da produción de novas pezas literarias. Agora que a organización do galardón asumiuse desde a esfera institucional, Medulio apoia e arroupa os premios a través da súa participación activa no xurado, como sinala a Nós Diario unha das persoas que o integran: o escritor e investigador Manuel Rei Romeu.
A liberdade normativa da lingua é garantida neste certame, posto que son aceptadas na súa presentación tanto obras escritas na normativa oficial da Real Academia Galega como na reintegracionista. Como explicou Rei, “é un premio que garante a liberdade normativa, non é o único pero é dos poucos que o fai”. O edil de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, explicou a Nós Diario que foron moitas as obras escritas coa normativa reitegracionista que concorreron no premio, unha participación que destacou ao considerar positivo que “non se descarten outras opcións escritas, lingüisticamente tan válidas como o galego normativo”. Carvalho Calero foi un dos máximos defensores da normativa reintegracionista na Galiza, abrindo o debate sobre o futuro da lingua no país.
Nesta edición do certame, 63 obras concorreron ao premio, das cales 59 foron presentadas na modalidade de narrativa e tan só cinco na de ensaio, unha participación que o propio Manuel Rei valora moi positivamente, tamén o fixo coa revitalización destes galardóns e coa suba “na dotación orzamentaria” a 4.000 euros dos premios ás persoas gañadoras.
Das 63 persoas participantes no certame os galardóns foron para o profesor de lingua inglesa Francesco Martín Traficante Pérez na categoría de Investigación lingüística con O galego língua nacional… ou língua autonómica, un ensaio que, como subliña Ponte, pon o foco no achegamento do galego e do portugués, ao considerar que esta proximidade favorece a impulsar a lingua galega internacionalmente.
Na rama de Creación literaria, o premio foi para Lourenço Álvarez Ruiz, profesor xa xubilado, con O portão verde. Ambas as obras reflicten o compromiso dos seus autores pola defensa da literatura e a lingua galega.
O acto ademais de recoñecer a creación literaria do país, tamén foi unha homenaxe á figura de Carvalho Calero, na súa cidade natal da que é Fillo predilecto. Unha homenaxe que contou coa presenza da súa filla María Victoria Carballo-Calero e dos seus netos. Da mesma forma, durante a entrega dos certames, o lingüista José-Martinho Montero Santalha e a escritora Delia Vázquez Vázquez, a cal foi ex alumna e amiga do autor, pronunciaron dous discursos na súa loanza.
Manuel Rei Romeu destacou a importancia deste tipo de certames para visibilizar e promover a figura de Carvalho Calero, considerando que “deberá haber outras institucións a nivel galego que deberán facer máis por el e non ser algo completamente local”.”

Galicia e a División Azul, de Xosé M. Núñez Seixas, gaña o XV Premio Manuel Murguía de ensaio da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
Galicia e a División Azul, do historiador ourensán Xosé M. Núñez Seixas é a gañadora do XV Premio Manuel Murguía de ensaio, convocado cada dous anos polo departamento de Cultura da Deputación e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.
Decidiuno por unanimidade o xurado presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e formado por Blanca Paula Rodríguez, gañadora da última edición, e Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Héitor Picallo e Xurxo Martínez. Actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Manuela Muñiz Souto.
O comité avaliador valorou que se trata dun texto contemporáneo “moi ben documentado e con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e conclusión final”. Tamén o salientou “o traballo de investigación e de arquivo notable, cunha linguaxe ensaística, estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura”. Tivo ademais en conta os documentos, ilustracións, gráficos, e fotografías incorporadas, “que aportan moita información de interese, o mesmo que a “notable bibliografía da que fai uso o autor e o uso coidadoso da lingua nunha obra de grande interese polo tema que aborda, a División Azul, e a súa repercusión posterior”. (…)”

Da ecoloxía ao bravú: o Losada Diéguez premia Manuel Rivas e Alberto Pombo

Desde Nós Diario:
“A edición número 40 do Premio Antón Losada Diéguez recoñeceu esta semana o traballo de dúas figuras de referencia na cultura galega: o profesor e ensaísta Alberto Pombo e o escritor Manuel Rivas. Os dous autores foron elixidos de maneira unánime polo xurado, que destacou a excelencia das súas obras e a súa contribución á literatura galega actual.
Na modalidade de Investigación e Ensaio, o premio foi para Alberto Pombo, profesor de literatura e impulsor da campaña “Aquí tamén se fala”, considerada a maior mobilización da mocidade galega a prol da lingua. A súa obra Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000), publicada por Edicións Xerais, parte dunha exhaustiva tese de doutoramento que traza as ligazóns entre a música popular —do rock ao bravú, pasando polo punk ou a música infantil— e a literatura galega.
O xurado salientou a importancia de afondar na chamada “outra música” e subliñou o valor dun traballo que aplica os enfoques máis actuais dos estudos culturais á realidade galega. “Desprega ante o público lector a obra dunha xeración que soubo arrequecer o panorama musical do século XX desde o compromiso coa cultura de noso”.
Na modalidade de Creación Literaria, o premio recaeu en Manuel Rivas, quen vén de ser tamén recoñecido co Premio Nacional de Literatura. A súa última novela, Tras do ceo (Edicións Xerais), foi destacada pola súa calidade literaria e polo uso da lingua, construíndo un relato que mestura elementos xa clásicos na obra do autor cunha mirada fondamente contemporánea.
O xurado do premio —convocado de forma anual polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense— puxo o foco na forma en que Rivas aborda o conflito entre natureza e civilización, denunciando un modelo que destrúe o hábitat humano e espiritual. “Manexa con suma habelencia unha progresiva tensión narrativa”, sinalan, destacando a súa capacidade para provocar reflexión e emoción nas lectoras e nos lectores a través de escenas de desigualdade, violencia e destrución.
A decisión foi adoptada por unanimidade por un xurado composto por Diego Fernández Nogueira (concelleiro de Cultura do Carballiño, que actuou como presidente), Patricia Torres (alcaldesa de Boborás), César Fernández (deputado provincial de Cultura), Lourenzo Fernández (da Real Academia Galega); Dolores Vilavedra (do Consello da Cultura Galega), María Xosé Fernández (do Museo do Pobo Galego), e Antonio Salgado, Benigno Salgado e Carme Fernández (como representantes respectivos das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña).
Os galardoados recibirán unha dotación económica de 6.000 euros, xunto cunha peza escultórica do recoñecido artista Acisclo Manzano. (…)”

María Pilar Casal Valiño gaña o XXIV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Ser humanos

Desde Galaxia (foto publicada pola editora):
“Na cidade de Santiago de Compostela, o 26 de decembro, reunido o xurado da XXIV edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, no Centro Ramón Piñeiro, convocado pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega, decidiuse por unanimidade outorgar o galardón á obra titulada Ser humanos, de María Pilar Casal Valiño.
O xurado, composto por Grial Parga, Rocío Carolo, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como secretario con voz e voto; destacou deste ensaio o seu carácter actual e o seu valor humanista nun contexto como o existente, no que é necesaria e imprescindible a convivencia coas novas tecnoloxías por parte dos seres humanos.
Así mesmo, valorou esta achega, que se apoia en textos de autoridade diversa, dende os máis clásicos ata os máis actuais; abrirá un diálogo fructífero respectó da cuestión tratada dende a transversalidade.
Finalmente o xurado tamén loou a súa arquitectura impecable e a prosa áxil e fluída que convida a múltiples lecturas.”

O historiador Rafael García Ferreira gaña o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Desde Nós Diario:
Outubro 1934 en Compostela. Mobilización, consecuencias políticas e represión, do historiador Rafael García Ferreira é o gañador do XXVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
O xurado valora deste traballo ser un ensaio rigoroso, ben escrito, argumentado, estruturado e con bo dominio das fontes.
Tamén valora que a temática e o estudo de caso son de interese e actualidade, dado que se aborda un período histórico complexo, con elementos que poden ter certas conexións coa actualidade e seren abordados dende diversas perspectivas e ámbitos das ciencias sociais.
O xurado do XXVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais estivo composto por: Teresa Devesa Graña, polo Concello de Allariz; Joaquim Vázquez Rodríguez, polo Concello de Melide; Manoel Carrete Rivera, polo Concello de Castro Caldelas; e Carmen Villarino Pardo, pola Universidade de Santiago de Compostela; Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco e como secretaria,
Desculparon a súa presenza por motivos persoais Xavier Limia de Gardón, pola Deputación de Ourense; Xosé Henrique Costas González, pola Universidade de Vigo; e Maria Luísa Soares, pola Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, que remiten a súa valoración dos traballos.”

Outórganse os XXXIX premios Losada Diéguez de ensaio e narrativa

Desde Cultura Galega:
“Trinta e cinco obras xa publicadas optaban este ano nas dúas categorías da XXXIXª edición do Premio Antón Losada Diéguez promovido polos concellos de O Carballiño e Boborás, contando co apoio da Deputación de Ourense. Trala deliberación do xurado o sábado 20 de abril a obra A Vera Cruz de Antonio Palacios de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962), editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses alzouse por maioría co premio na modalidade de Ensaio e Investigación; mentres que na categoría de Creación Literaria a maioría do xurado decantouse pola obra Quen escribirá a miña historia? asinada pola pontevedresa Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) e publicada na editorial Galaxia. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.
No caso do carballiñés Rafael Otero, o xurado considerou a obra premiada “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”. Na modalidade de Creación Literaria, o xurado valorou da obra de Iria Morgade Valcárcel o feito de que se trata dunha obra dunha creadora galega nova “que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver”. A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez. “

Montse Fajardo recibe o Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual

Desde Nós Diario:
“A xornalista e escritora Montse Fajardo resultou ser a gañadora do Premio Xohana Torres 2023, un galardón que distingue ao mellor ensaio, investigación ou creación audiovisual que, desde unha perspectiva feminista, aborda o papel das mulleres na sociedade galega. Fajardo recibiu o recoñecemento polo seu traballo de investigación O patronato franquista: un inferno para as mulleres aínda descoñecido.
“Estou moi contenta, especialmente vendo as persoas que constitúen o xurado, nomes moi recoñecidos na memoria histórica con perspectiva de xénero”, declara Fajardo a Nós Diario. “Mais sobre todo espero que o premio sirva para dar a coñecer o que significou o Patronato, a extrema crueldade coa que actuaba baixo a aparencia dun organismo benéfico”.
O Patronato de Protección a la Mujer foi unha institución pública de reformatorios da España franquista, encadrada no Ministerio de Justicia que teoricamente, tiña como obxectivos a dignificación moral das mozas das que se facía cargo –sempre menores de 25 anos– para que non as explotasen, o seu afastamento do vicio e a súa educación de acordo coa relixión católica. Porén, ese propósito traduciuse na eliminación de calquera mostra de liberdade ou de decisión sobre o corpo das mulleres que ingresaban alí.
“Abría as portas do inferno a calquera moza cuxo comportamento se afastase da moral imposta polo franquismo”, explica Fajardo. “Manter un comportamento tan indecoroso como bicar con paixón un mozo, podería ser constitutivo de ingreso nas institucións do Patronato”.
Unha vez acollidas pola institución, estas mulleres pasaban por un auténtico calvario de humillacións, agresións físicas e mesmo sexuais da man dos seus titores, que agachaban o seu delito sinalando o suposto pecado feminino. A institución, ademais, estivo relacionada coas tramas de roubo de bebés, xa que unha das causas polas que podía ingresar unha muller nova era a de quedar embarazada sen estar casada.
A coartada da beneficencia fixo que a verdade sobre esta institución tardase moito en saír a luz e, de feito, sorprende o silencio deitado sobre ela.
“Precisamente por esa imaxe de institución benéfica escapou ao escrutinio das historiadoras. Mesmo xente moi comprometida coa memoria histórica ignoraba a magnitude do que sucedía alí. Espero que este premio sirva para difundir e para afondar no seu estudo”, remata Fajardo.”

Montserrat Fajardo, gañadora da edición 2023 dos Premios SELIC con Onde habita a tolemia

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
Montserrat Fajardo é a gañadora da sétima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra Onde habita a tolemia na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.
O xurado considera que a obra Onde habita a tolemia é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.”

Yolanda Castaño gaña o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Economía e Poesía: rimas internas

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o 14 de decembro de 2023 o xurado na cidade de Santiago de Compostela, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega; composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide, por maioría, outorgar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa vixésimo terceira edición, á obra titulada Economía e Poesía: rimas internas.
O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente. (…)”