Aberto o prazo para a votación popular de Inspiraciencia, ata o 12 de xuño

Abriuseinspiraciencia2015 a votación popular de Inspiraciencia para decidir o premio do público. Preto de 90 relatos pasaron a preselección de entre os máis de 400 relatos recibidos e poden votarse ata o 12 de xuño, co único requisito de estar previamente rexistrado. A mesma selección de relatos pasou ao xurado do premio institucional que decidirá os ganadores para cada lingua e categoría.

– Premio do público: Votación aberta ata o 12 de xuño. Pode realizarse aquí.

– Premio institucional. Xurado: David Alenyà Vilaró, Jon Arrizabalaga Valbuena, Karina Barros Ferradas, Jon Elordi Akordarrementeria, Eva García Fernández, Sara Martín Alegre, Pau Solsona Boada e Sonia Varela Pombo, representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e profesora na Universitat Autónoma de Barcelona.

Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014

DesdeAsociación Galega de Editores a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:

Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.

Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.

Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.

Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.

Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.

Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.

Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.

Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.

Finalistas do III Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada

ACTA_DO_XURADO_FINALISTAS_DO_III_PREMIO_MU_O_DO_VE

Bases do X Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa” 2015

“Coa ansia de fomentar a creatividade fabuladora dirixida ao mundo dos nenos e, ao mesmo tempo, facer memoria deste personaxe da lenda e dos contos populares en relación coas terras de Compostela, convócase o X Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira.- Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame.
Segunda.- Establécese un premio único e indivisible, dotado con 6.500 €.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemprares.
Terceira.- As obras serán de tema e extensión libres, observando as características propias da narrativa dirixida ao público infantil ou xuvenil, e poderán incluir elementos ilustrativos, gráficos, etc.
A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: X Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word, OpenOffice ou PDF.
No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademáis deberán estar numerados, grampados ou encadernados.
A obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do NIF, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 6 de abril de 2015.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre X Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade e cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2015 e será comunicado a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da Deputación.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 25 de febreiro de 2015

O Presidente O Secretario

Diego Calvo Pouso José Luis Almau Supervía”

V Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, coa colaboración da AELG

Inspiraciencia Inspiraciencia 1é un concurso de relatos de inspiración científica, que conta coa colaboración da AELG. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
1. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaro ou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais estarán escritos en catalán, español, éuscaro ou galego. Deberán ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados en ningún outro medio ou blog persoal.
Modalidades e categorías
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva: Relato curto dunha extensión mínima de 800 palabras.
4. Os participantes poderán participar nunha das seguintes categorías: Público adulto (a partir de 18 anos), ou Público mozo (de 12 a 17 anos).
5. Cada participante poderá presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Todos relatos dun mesmo participante deben ser orixinais, é dicir, non se poderá presentar o mesmo relato en linguas distintas.
Presentación dos relatos
6. Os participantes deben rexistrarse nunha das dúas categorías e poden enviar un relato en calquera das linguas do concurso.
7. Os orixinais deberán publicarse no sitio web do concurso. Previamente haberá que rexistrarse a través dun formulario dispoñible no mesmo sitio web.
8. Os participantes poderán acceder á súa conta co nome de usuario e unha contrasinal. O pseudónimo será o nome co que se asinarán os relatos que se queiran publicar.
9. O prazo de presentación de relatos pecharase o 17 de maio de 2015.

inspiraciencia2015Inspiraciencia 2015 1Inspiraciencia 2015 2

A Casa-Museo Manuel María énchese na homenaxe a Rosalía

Desdetarxeta.jpg;jsessionid=2792A14065A55BD1B1D82D0BE594E520 Sermos Galiza:
“Máis de 300 persoas déronse cita este sábado na Casa-Museo Manuel María para homenaxear a Rosalía de Castro na fase final do concurso escolar de recitado de poemas Rosalía sempre viva. A casa na que naceu o poeta abriu ese día as súas portas para acoller o acto central da iniciativa e o auditorio quedou pequeno para crianzas e familiares que participaron da xornada.
Un xurado formado, entre outras persoas, polos escritores Paco Martín e Marica Campo ou a profesora Anxa G. Refoxo valorou o recitado das composicións por parte de 74 estudantes, entre 5 e 18 anos. Na xornada lembrouse que o propio Manuel María se declaraba “un auténtico devoto” da obra de Rosalía e, nese sentido, a Fundación acolle cada ano diversas iniciativas arredor da escritora fundadora da nosa literatura contemporánea. Desta volta, a Casa de Hortas foi a sede desta primeira edición do concurso escolar para alumnado de todas as etapas do ensino non universitario Rosalía sempre viva.
Até Outeiro de Rei chegaron estudantes chegados de moi distintas localidades galegas como Vilagarcía de Arousa, Moraña, Coristanco, A Coruña, Cervo, O Carballiño, Lugo ou Mesía que foron seleccionados na fase inicial que se desenvolveu nos propios centros de ensino.
O premio ao mellor recitado na 1ª Categoría -dividida por idades- recaeu no grupo de 1º de Primaria do CPI de Xanceda (Mesía); o premio da 2ª Categoría foi para Irea Ferreiro López, do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); o premio da 3ª Categoría foi para Fátima Barros Monteagudo, do CPI Santa Lucía (Moraña); e o premio da 4ª Categoría foi para Alejandro Sánchez Cela, do IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O CEIP de Albeiros (Lugo) foi tamén recoñecido como centro que máis alumnas e alumnos finalistas conseguiu situar na fase final do concurso.”