Bases do VII Certame Curtas para Rosalía

BASES DO VII CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA

1.- ORGANIZACIÓN
OAS-PG Certame de curtametraxes Curtas para Rosalía é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases, promocionar o certame e organizar as galas de entrega de premios e, se for o caso, resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web: http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas para Rosalía. Ningún dos membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame. Nesta VII edición o Certame Curtas para Rosalía conta coa colaboración do Concello da Coruña.

2.- TEMÁTICA
A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. No 2013 celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.
Resulta evidente que as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. Sendo Rosalía de Castro a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega. Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:
1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.
2.- Obras cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral.

3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN
1. Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 10 de maio de 2017.
2. As obras presentadas terán que ser presentadas en soporte DVD e recepcionadas antes das 14 horas do día 10 de maio no local da AS-PG, enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.
4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.
5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto coa fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
7. No web da AS-PG, no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal, serán publicadas as curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro.
8. Categorías.
Somos conscientes que o mundo do ensino se está a vencellar cada vez máis con este certame e desde a AS-PG pretendemos facer aínda máis visíble o traballo que desde os Centros de Ensino se está a levar en soporte audiovisual. Por este motivo nesta VII edición do Certame contemplamos dúas categorías, unha delas é especificamente para curtas elaboradas por Centros de Ensino. Así convocamos:
a) Categoría mellor Curta da VII edición.
b) Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
A mesma Curta só poderá participar nunha única categoría que será indicada na ficha de inscrición.
O xurado designará un máximo de tres obras finalistas, en cada unha das categoría. Entre eses finalistas estará a gañadora.
9. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios que terá lugar a primeiros de xuño. Data e lugar serán publicados na páxina web da AS-PG. Nesta Gala é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.
10. Responsabilidades legais. O/a concursante será único responsable da súa curtametraxe. A organización do certame declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre o/a participante.
11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.

4º INSCRICIÓN
A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar, e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico a informacion@as-pg.com en que constará nome e apelidos e contacto (teléfono e correo electrónico) e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 1 de febreiro de 2017, e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.
2.- Na inscrición e recepción definitiva, até as 14 horas do 10 de maio de 2017, os/as participantes deberán enviar a seguinte documentación:
* DVD (en formato dvd_vídeo, .mov, ou mp4) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
* Ficha de inscrición (Anexo 1) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra.
* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
Os traballos deberán enviarse ou presentarse no seguinte enderezo:
Asociación Socio-­Pedagóxica Galega
“VII Certame Curtas para Rosalía”
Rúa Laracha, 9 ­baixo
15010 A Coruña
Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.
Se desexas participar podes baixar aquí a ficha de inscrición.

5º. XURADO
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da asociación a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelable.

6º PREMIOS
Categoría mellor Curta da VII edición.
– 1º Premio da VII edición de Curtas para Rosalía dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio da VII edicións de Curtas para Rosalía dotado de 500€ + Diploma.
Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
– 1º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 500€ + Diploma.

7º RESPONSABILIDADE
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.”

Fervenzas Literarias. Enquisa para Os mellores libros do 2016

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Podes votar os que para ti foron os mellores libros do 2016 máis outros aspectos relacionados coa literatura nas vinte categorías que propoñemos.
Lembra: non é obrigatorio cubrir todos os campos. Se non liches por exemplo ningún libro infantil, ou un libro de poesía ou ningún libro de teatro, non te preocupes, valora aqueles campos que queiras, sempre que o fagas antes do domingo 15 de xaneiro do 2017.
Se queres participar no lote de libros que sortearemos entre os participantes da enquisa lembra deixar os teus datos de contacto. Se es o gañador ou gañadora publicaremos o teu nome na listaxe de Os mellores libros do 2016.
IMPORTANTE: Para que o resultado final sexa o máis limpo posible levaremos ao igual que todos os anos un control de IPs duplicadas e tomaremos igualmente todas as medidas necesarias para evitar votacións que poidan dar pé a fraude nos resultados finais, incluíndo a eliminación de enquisas sospeitosas. Lembrade! É unha enquisa para escoller os mellores libros do ano, non aos escritor@s con máis número de amigos. Grazas pola vosa comprensión!
Moitas grazas pola túa colaboración e, sobre todo, pola túa participación!!!

Pódese participar desde aquí.”

A editorial Alvarellos recibe un dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego

Desde Fervenzas Literarias:
“O compostelán Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de entrega dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial. Entre as tres categorías premiadas a editorial Alvarellos recolleu a distinción especial do Premio pola súa importante contribución cultural durante case catro décadas e incorporar as novas xeracións. O xurado do premio valorou tamén o seu vínculo coa capital do país e a calidade das súas producións, mantidas e impulsadas con iniciativas que achegan o libro á poboación lectora e que saben pescudar no pasado para convertelo en coñecemento útil e interesante no presente.
Estes premios están convocados conxuntamente pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago e teñen como obxectivo o de recoñecer o esforzo que realizan as empresas de Compostela no proceso de facer normal o uso da lingua propia de Galicia. As outras dúas empresas premiadas foron Nanube, na categoría de uso continuado do galego; e Miranda Priestly na categoría de nova incorporación ao galego.”

María Fe Quesada nomeada Socia de Honra de Gálix

Desdemaria-fe-quesada Gálix:
“A xunta directiva de Gálix decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2016 á ilustradora Mª Fe Quesada.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro luns, día 12 de decembro, ás 12:00 horas nun acto escolar aberto ao público no IES Valadares (Vigo).
A escritora María Xosé Queizán lerá a laudatio. Despois procederase á proxección dos traballos da galardoada e o alumnado asistente ao acto poderá, ademais de manter un coloquio coa ilustradora, recibir un gravado numerado e asinado por ela, feita para esta ocasión. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.”

Porto do Son: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2016 e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2016, o sábado 3 de decembro

convite_anuario_2016Os premiados deste ano, segundo o escrutinio dos votos das socias e socios, son:
– Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza 2016: Maxi Olariaga.
– Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2016: Museo do Mar de Noia.
– Premio Barbantia da Cultura Galega 2016: Quico Cadaval.

Comunicarlles tamén que ese mesmo día, ás 14:30 h., faremos un xantar de confraternidade nun restaurante de Porto do Son. Para acudir ao xantar, é necesario anotarse antes do 30 de novembro no mail: barbantia@barbantia.org ou contactar co coordinador de Barbantia.

Licalaterna, gañador do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados

DesdePremio-Celso-emilio-2016_hz-1 a web da Fundación Celso Emilio Ferreiro:
“O Grupo Licalaterna (Andrea Souto e Óscar Iglesias) vén de ser escollido polo Xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados como gañador do mesmo.
O tema premiado é o poema Mensaxe dende o silenzo, poema do libro O soño sulagado. O premio será entregado o sábado 3 de decembro as 11:30 horas no Espacio Foro do Culturgal en Pontevedra.”

Henrique Monteagudo, Premio Rosa dos Ventos

DesdeHenrique Monteagudo Galaxia:
“A Galicia viva de alén mar. Os alumnos e alumnas do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, o centro que escolariza en Bos Aires, con programa educativo galego, máis de medio millar de nenos e rapaces, dende a educación infantil ao preuniversitario, vén de outorgar un ano máis o seu Premio a unha persoa ou institución que se teña salientado a prol da cultura galega nas súas relacións coas colectividades emigrantes e, máis concretamente, coa realidade bonaerense.
Neste ocasión a persoa escolleita foi o profesor e académico Henrique Monteagudo. (…)
Nunha carta oficial que o alumnado enviou ao premiado argumentase, entre outras razóns, a atención constante que Henrique Monteagudo vén dedicando ás varias Galicias de alén mar, non só a Galicia arxentina, e a alta estima que no centro docente se ten pola súa obra, tanto no plano académico como no que atinxe á súa actividade como dinamizador cultural. (…)”

Salvador García-Bodaño obtén o Premio San Martiño de Normalización na modalidade de Toda unha vida

Salvador García-Bodaño Salvador García Bodaño AELGobtivo o Premio San Martiño de Normalización Lingüística na modalidade de Toda unha vida, na XXVI edición destes premios concedidos pola Asociación Cultural O Brado. A reunión do xurado tivo lugar o mércores 16 de novembro, e serán entregados nun acto aberto a todo o público o vindeiro xoves, 1 de decembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal da Estrada.

Compostela: XVII Xornadas de Expresión Oral Tíralle da lingua, o sábado 26 de novembro

Astiralle-da-lingua XVII Xornadas de Expresión Oral terán lugar o sábado 26 de novembro, no IES As Fontiñas (Rúa Estocolmo, 5), en Santiago de Compostela.
Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.
O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.

PROGRAMA

De 09:45 a 10:00 h. Recepción e entrega de material.
De 10:00 a 12:30 h.: O Projeto regueifesta: improvisar para transformar o caminho da lingua. Séchu Sende, Manolo Maseda e Alba María.
Com a intençom de criar umha regueifa expansiva, a Regueifesta chega ao Tira-lhe da língua na procura de persoas com vontade de transformar através dum princípio de base: o processo educativo tamém deve ser um processo de participaçom direta e compartida de alunado, professorado e outros agentes. Desde a raiz da identidade própia improvisamos para ser mais livres.
De 12:30 a 14:00 h. A lingua das árbores. Anxo Moure, O Carballo con Botas.
As árbores falan, contan historias cando o vento move as polas ou a chuvia cae nas follas. As árbores tamén teñen nome, mesmo algunha delas media ducia.O contacontos Carballo con Botas, fai unha proposta lúdico pedagóxica para achegar o mundo da escola ao falar de teixos, acivros, freixos, buxos, sobreiras… Aprender a “atrapar contos”, cociñar historias que alimentan a imaxinación, que nos dan raíces de bosque.
De 16:00 a 18:00 h. O potencial da radio na aula, Carmen Novas, da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
As metodoloxías educomunicativas veñen revelándose eficaces non só para traballar contidos, entre eles os da formación en valores, senón tamén habilidades coma a expresión oral ou as competencias lingüísticas. Reflexionaremos sobre algunhas claves e exemplos da comunicación para o cambio social e remataremos poñendo en práctica a teoría cun miniobradoiro de cuñas radiofónicas.
De 18:00 a 20:00 h. Aulas sen paredes: unha nova metodoloxía para o ensino e aprendizaxe de lingua, con Rosalía Fernández Rial, profesora e poeta.
Sesión teórico-práctica na que se expoñerán primeiro as coordenadas epistemolóxicas nas que nos situamos para a continuación desenvolver un obradoiro cunha dinámica concreta na que se empregará a expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para o ensino e aprendizaxe da oralidade e a expresión corporal nas áreas de linguas.
20:00 h. Clausura. Sigue lendo