Vigo: preséntase a Fotobiografía sonora de Álvaro Cunqueiro

A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro será presentada no Verbum de Vigo hoxe mércores día 2 de decembro ás 20.30 horas. Intervirán neste acto de presentación o fillo do escritor mindoniense, César Cunqueiro, e mais os autores da fotobiografía, Rexina R. Vega e César Morán.

A Fotobiografía Sonora de Álvaro Cunqueiro (libro + 2 CD’s) presenta dunha forma novidosa a vida e a obra literaria do escritor a través de perto de 200 páxinas, máis de 100 fotografías do seu álbum persoal e dous CD’s que recollen a propia voz de Cunqueiro así como unha selección dos seus poemas musicados.

Lugo: presentación das Cartas de republicanos… de Xesús Alonso Montero

O libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero será presentado en Lugo o vindeiro venres 4 de decembro nun acto que contará coa participación do autor acompañado polo editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo.

Santiago: presentación dun poemario de Xoán Carlos Domínguez Alberte

INCIVIL

Este mércores 2 de decembro preséntase en Santiago o poemario Incivil de Xoán Carlos Domínguez Alberte, editado por Toxosoutos. Participarán no acto o poeta Miro Villar e David González Couso, director de publicacións da editorial. Será a partir das 20 horas na Libraría Couceiro.

Culleredo: presentación de Poemas de amor e cidade

O vindeiro Mercores 2 de Decembro as 20 horas na Biblioteca da Poesia “Uxío Novoneyra” de Vilamalania-Vilaboa terá lugar o acto de presentación do libro Poemas de amor e cidade da Editorial Espiral Maior e a Concelleria de Cultura do Concello de Culleredo, e que é producto do obradoiro de poesía organizado desde principios de ano e dirixido por Miguel Anxo Fernán-Vello. O libro recolle os poemas realizados polos participantes no obradoiro.

Muros: presentación da novela Monte Louro

Mañá venres, 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa de Cultura de Muros (Estrada Miraflores s/nº) terá lugar a presentación de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Acompañarán ao autor no acto Laura Eiras (concelleira de Cultura do concello de Muros), Concha Martínez Mayo e Manuel Bragado. Esta presentación coincide coa chegada da segunda edición de Monte Louro ás librarías.