Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”

Santiago: presentación de As palabras do silencio, de Ánxela Gracián

O xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase As palabras do silencio, de Ánxela Gracián, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, os chineses Ye Wang e Lu Xu, quen farán unha dramatización da lenda orixinal do Qu Xi en chinés e galego, e Manuel Bragado. Durante os catro xoves seguintes (21 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro) terá lugar de 17:30 a 19:00 horas o obradoiro literario infantil Primeiro fun cartón agora son dragón impartido pola autora do álbum, dirixido a nen@s entre 4 e 8 anos.

A Coruña: presentación do número 199 da revista Grial

O xoves 14 de novembro, ás 19:30 horas, na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9) da Coruña, preséntase o número 199 da revistal Grial. No acto participan Víctor F. Freixanes, Fernando González Laxe, Alberte Piñeiro e Ana José Varela.

Ferrol: presentación de Dez anos de poesía nas Pontes

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro titulado Dez anos de poesía nas Pontes, publicado en Galebook. No acto participan Santi del Moral, Ofelia López, Gloria David, Mari Carmen Freire, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela, Eduardo Estévez e Medos Romero.

Vigo: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

A Coruña: lanzamento de Falar a Ganhar

A sexta feira 8 de novembro, ás 21:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase o libro Falar a Ganhar, coordenado por Manuel César Vila, e que foi publicado en por Através Editora. No acto participa, xunto ao coordenador, Xurxo Souto.

A Coruña: presentación de kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez

O xoves 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase o poemario kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez, publicado por Fabulatorio. No acto, xunto á autora, participan Cibrán Rico, Suso Vázquez e Yolanda Castaño.

Pontevedra: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila

O xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase Raíz da fenda, poemario de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, que fará un agasallo a cada un dos asistentes, participa Luca de las Heras.