Ferrol: Somos cultura, somos poesía, no Ateneo Ferrolán

O xoves 15 de maio, ás 19:30 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar un recital solidario de poesía, coincidindo co Día das Letras Galegas. Recitan en directo Miguel Anxo Fernán-Vello, Eva Veiga, Xosé Leira, Rosa Méndez, Sergio Fernández, Fátima Fernández, Ángeles Delgado e Xurxo Gago, co acompañamento musical da violinista Estrela Gómez e o cantautor Fernando Naveiras, “Fefi”.

Lugo: recital de poesía e música Versos ao vento

Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía

Desde Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”