O sector do libro mostra o seu rexeitamento á guía da Comisión Europea para a transposición da Directiva sobre os dereitos de autoría

“Diferentes asociacións do sector do libro estatal, entre as que se atopa a AELG, expresamos o noso rexeitamento pola redacción da guía elaborada pola Comisión Europea para a transposición do artigo 17 da Directiva 2019/790 sobre dereitos de autoría no mercado único dixital.
Este artigo estabelece por primeira vez a responsabilidade xurídica das plataformas tecnolóxicas cando nelas hai tráfico de contidos dixitais. En opinión destas organizacións, a pesar de que a Comisión Europea recoñece que este documento non ten carácter vinculante, a forma en que foi redactado, cun carácter case lexislativo, parece que quere outorgarlle un carácter maior ao habitual, extralimitándose nas súas competencias.
O documento elaborado pola Comisión está cheo de conceptos xurídicos indeterminados, encadeados uns con outros, que fan imposíbel a súa implementación, creando unha grande inseguridade xurídica.
Á hora de pór en marcha unha regulación nova sobre un dereito, consideran que é preciso crear a máxima claridade e seguridade xurídica posíbel, e, polo xa mencionado, a Guía sobre o artigo 17 non mellora a interpretación dese precepto concreto. Esta guía pode colaborar a que a transposición do artigo 17 resulte tan complicada como o está a ser a do artigo 15 da mesma directiva naqueles estados que xa a encararon.
En opinión destas organizacións, a Comisión non está sendo neutral neste proceso. Como revela unha análise filolóxica, utiliza unha linguaxe máis coactiva en relación ás obrigas das/os titulares dos dereitos de autoría do que usa para as plataformas. En concreto, esixe máis obrigas e condicións ás/aos titulares do dereito que o que se lles esixe ás plataformas. Mesmo crea dereitos que non existen no texto literal da directiva.
Por este motivo, as organizacións confían en que a Comisión rectifique e retire a ‘guía’ enviada aos estados, de xeito que se consiga unha transposición da directiva europea sobre dereitos de autoría no mercado único dixital que garanta acaidamente os dereitos de propiedade intelectual.

Asociacións asinantes:
– Asociación Colegial de Escritores de España (ACE).
– Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Associaciò d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC).
– Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA).
– Asociación de Escritores de Castilla-La Mancha (AECLM).
– Asociación Navarra de Escritores – Nafar Idazleen Elkartea.
– Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).
– Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea (EIZIE).
– Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
– Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE).
– Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos (VEGAP).”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 8 de xullo

O 8 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Cándido Duro asina Luz do abrente outonizo, publicado por Medulia.
19:00 h. Silvia Penas asina O resto é céu, publicado por Urutau.
19:00 h. Andreia Costas asina Corazón de vaca e outras vísceras, publicado por Urutau.
20:00 h. Xabier Paz asina A Barcelonesa, publicado por Xerais.
20:00 h. Xoán Antón Pérez Lema asina Quando os grupos vulneráveis são feridos, publicado por Através.

O 15 de xullo apúntate na túa libraría ao Libroestío

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“O xoves 15 de xullo celebraremos, en todas as librarías de Galicia, o LIBROESTÍO 2021: a festa do verán dos libros.
Cada libraría poderá organizar actividades durante esa tarde do 15 de xullo (desde presentacións de libros con escritorxs, ata música en directo, debates, faladoiros ou calquera outro evento cultural) para atraer a presenza das lectoras e lectores.
Para que a campaña chegue ao maior número de xente, precisamos colaboración e empregar as nosas ferramentas de comunicación (sitios web, redes sociais, boletíns, etc). Nesta ligazón [KIT LIBROESTÍO] podes acceder a varios formatos dos deseños para que os poidas incorporar aos teus sitios web, perfís sociais ou usalos naqueles soportes que consideres oportunos: bolsas, puntos de lectura, camisolas, cartaces, etc. Ademais de compartir este deseño, convidámoste a usar a etiqueta da campaña #libroestío nas túas publicacións nas redes sociais.
Desde a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia animámosvos a participar para consolidar esta festa do libro nos vindeiros anos. O xoves 15 de xullo queremos que sexa a gran festa do libro do verán!”

Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”

Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”