Santiago: presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia

O mércores 30 de outubro, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza da Universidade, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase Vento e chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, editado por Xerais. No acto interveñen, xunto aos autores, Manuel Bragado e Marco García Quintela. Tras a presentación, realizarase un espectáculo teatral baseado nos textos de Vento e chuvia a cargo de cinco destacados actores e actrices de Galicia: Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González.

Pontevedra: Encontro da Federación Galeusca 2013, do 25 ao 27 de outubro

Do venres 25 ao domingo 27 de outubro terá lugar o Encontro da Federación Galeusca do 2013 en Pontevedra, baixo o título A literatura infanto-xuvenil: Perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra.

O programa está formado polo seguintes actos (sublíñanse os actos abertos ao público en xeral):

Venres, 25 outubro
20:30 h. Recepción no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira).
Este acto contará coa presenza do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e dos tres presidentes das asociacións que conforman a Federación, e que atenderán á prensa:
Cesáreo Sánchez Iglesias (AELG).
Guillem-Jordi Graells (AELC).
Ander Iturriotz (EIE).

Sábado, 26 outubro. Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11).
De 10:00 a 12:00 h. Mesa redonda de narrativa (presenta e modera Francisco Castro).
Pere Morey (AELC), María Reimóndez (AELG), Fernando Morillo Grande (EIE).
De 12:30 a 14:00 h. Paseo literario por Pontevedra, con Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.
De 16:00 a 18:00 h. Mesa redonda de poesía (presenta e modera Antía Otero).
Josep Francesc Delgado (AELC), Carlos Negro (AELG), Nicolás Zimarro Bravo (EIE).
De 18:15 a 20:15 h. Mesa redonda de teatro e outros formatos (presenta e modera Mercedes Queixas).
Pau Marqués (AELC), Ánxeles Cuña (AELG), Alaitz Olaizola Borda (EIE).

Domingo, 27 outubro. Casa das Campás.
De 10:30 a 12:00 h. Asemblea Federación Galeusca.
De 12:00 a 12:30 h. Lectura de conclusións e clausura.

As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e cinco anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.
Actualmente a presidencia da Federación corresponde á asociación vasca, e será cedida ao remate da Asemblea da Federación ao presidente da catalá, Guillem-Jordi Graells.

Vigo: presentación de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá

O venres 25 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), de Vigo, preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, onde se xogará sobre a escrita dramática a partir de textos de Roberto Vidal Bolaño, participan, xunto ao autor, Pepe Carreiro.

O Roberto Vidal Bolaño máis cativo

Desde Cultura Galega:
“Centos de escolares están a pasar estas semanas polo Salón Teatro de Santiago de Compostela. Alí asisten á representación de Touporroutou da lúa e do sol, unha das obras que vidal Bolaño escribiu a pensar nun público familiar. Non foi a única, o autor homenaxeado nas letras galegas deste ano desenvolveu de xeito consciente un importante traballo dirixido a este tipo de público.
Son varias as obras que Roberto Vidal Bolaño escribiu orientadas a todos os públicos. Antes do que traballos centrados nos máis novos, os estudosos da súa obra coinciden en sinalar que se trata de textos complexos, que as crianzas poden gozar plenamente pero que deixan a porta aberta a múltiplas interpretacións para os maiores. Así, non é de estrañar que o homenaxeado no Día das Letras preferise falar de teatro familiar antes de que teatro infantil. Eduardo Alonso, director da versión actual do Touporroutou da lúa e sol e antigo compañeiro de Bolaño en Teatro do Estaribel, sinala que “o teatro familiar, tanto o pensado para escenarios como o de rúa, é unha parte moi importante do traballo de Vidal Bolaño”. Segundo con quen falemos, o número de obras que se poden considerar “teatro familiar”, varía. “Hai cando menos catro ou cinco que son especificamente para todos os públicos, ás que se teñen que sumar tres ou catro de teatro de rúa pensadas para un público de paseantes”, explica Alonso. (…)”

Santiago: XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da lingua, o 16 de novembro

O sábado 16 de novembro, o IES As Fontiñas de Santiago de Compostela acolle as XIV Xornadas de expresión oral Tíralle da lingua, da AS-PG, e nas que interveñen Francisco Castro, Quico Cadaval, Pilar Ponte, Fran Godón e Pablo Carracedo.
Matrícula e máis información, no web da AS-PG.

PROGRAMA

De 09:45 a 10:00 h. Recepción e entrega de material.
De 10:00 a 12:00 h. Achegarse ao galego a través da escrita literaria. Francisco Castro, escritor.
De 12:00 a 14:00 h. Falar a través do “podcast”. Pilar Ponte Patiño, profesora de ensino secundario.
De 16:00 a 17:30 h. Contar histórias. As adoas vam todas num fio. Quico Cadaval, contador de historias, dramaturgo e diretor teatral.
De 17:30 a 19:00 h. A creación dramática no ensino. Metodoloxía práctica. Fran Godón, profesor de ensino secundario e especialista en arte dramática.
De 19:00 a 20:00 h. Música galega contemporánea e expresión oral. Pablo Carracedo Goldar, mestre de educación primaria e musical.
20:00 h. Clausura.

Compostela: Titiriteiros, no Café da memoria do Museo do Pobo Galego

O xoves 26 de setembro, ás 18:00 horas, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dentro de Café da memoria, cita que periodicamente organiza o Museo para partillar memorias arredor dunha cunca de café, coa colaboración da Asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego, contarán as súas vivencias como artistas ambulantes Alfonso Silvent (fillo de José Silvent, creador de Barriga Verde), e Juan Silvent (fillo de Santiago Silvent, tamén titiriteiro). Manuel Lourenzo, autor e dramaturgo, e grande coñecedor da tradición teatral galega, dará unha visión máis contextual do que era andar co teatro polos camiños.

Carballo: XXII Festival Internacional Outono de Teatro

“Emoción, humor, poesía, reflexión, beleza, ilusión, historias, experiencias,… son o alento co que o FIOT impregna ao outono de Carballo. En tempos de incerteza, continuamos ofrecendo “pracer intelixente” (como di o lema dunha das compañías presente no programa deste ano), e seleccionamos o mellor das carteleiras para que o teatro nos facilite a entrada no inverno.
Preséntase o 22 Festival Outono de Teatro e, nese afán de propoñer un fío que nos leve dun espectáculo a outro, o número que identifica esta edición suxeriunos como tema do festival o das igualdades ou semellanzas, diferencias ou diversidade que existen entre as parellas presuntamente de iguais. A dicotomía igualdade-diversidade é un concepto fundamental relacionado coa nosa identidade, coa cultura e coa capacidade de desenvolvemento da sociedade, que require que sexamos conscientes da mesma.
Este “argumento” percorre, máis ou menos directamente, a maior parte das obras e coa súa elección pretendemos subliñar o compromiso do festival coas preocupacións sociais máis actuais. As perspectivas que ofrecen de achegamento á igualdade-diversidade son múltiples, e van desde as de carácter máis persoal, como as que se producen nunha das relacións máis paradigmáticas, as da parella sentimental, protagonista en varios dos espectáculos que presentamos e na que se incide desde múltiples enfoques, na relación familiar máis primaria, a paterno-filial, na que as confrontacións son parte da evolución, ou as referidas a nós mesmos como individuos que, ás veces, nos preguntamos se estaremos integrados por diversas personalidades. (…)”
Pódense consultar aquí o PROGRAMA e as ACTIVIDADES PARALELAS do Festival.