O martes 5 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro e a emigración galega, organizada polo Colectivo Celso Emilio Ferreiro na 239 West, 14º Street, de Nova York, en conmemoración do 150º aniversario dos Cantares galegos. Falarán: Arturo Conde, Claudio Rodríguez Fer e Francisco Álvarez Koki.
Arquivo da categoría: Tradición
Begoña Lorenzo: “Con Tempo Catro quixemos cantar unha Rosalía máis viva e loitadora”
Desde Sermos Galiza:
“Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con Rosalía de Castro: Os ollos que falan por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os Cantares Gallegos de Rosalía en clave de folk, música clásica, jazz ou tangos, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta.
Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. “Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta”, di Begoña Lorenzo do seu novo traballo.
Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón, Antonio Romero e Pablo Salgueiro de Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de Cantares Gallegos, no 150 aniversario da súa publicación.
“Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura”, comenta Begoña Pazos do novo traballo. (…)
O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que “ a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público” (…)”.
Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro
Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:
– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
– Premios da Crítica Galicia 2013.
– O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
– De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.
Ourense: Día de Nós
O 30 de outubro cúmprense 94 anos da edición da revista Nós. E así contribuímos dende Ourense, a terra na que saiu a luz:
Martes 29 de outubro, Encontro Cívico na Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros)
– 19:30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos. Livraria Torga.
– 20:30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz.
– 21:30 h. O feitizo das ruínas. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo na rúa da Paz. Casa nº 21.
– 21:30 h. Convivio. Viño e petisco. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz.
Mércores 30 de outubro, Día de Nós
– 17:00 h. Acto festivo e ofrenda floral no cemeterio de San Francisco:
– 21:00 h. LerNós, coa colaboración de Íria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro.
Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 14 ao 18 de outubro
Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 14 ao 18 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:
– Obradoiro de tradución poética Con barqueira e remador.
– Publícase o primeiro tomo da Historia da literatura galega.
– Crítica literaria de Chus Nogueira / Ningún precipicio, de Olalla Cociña.
– Páxina de narrativa desta semana: O corazón da Branca de neve, de Francisco Castro.
– María Reimóndez presenta tres novos poemarios.
– Páxina de poesía desta semana: A guerra, de María do Cebreiro e Daniel Salgado.
– De Cantares hoxe. Susana Sánchez Arins.
– De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI.
Vigo: presentación de Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro
O venres 18 de outubro, ás 19:45 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro, publicado en Alvarellos Editora. No acto participa, xunto á autora, Henrique Alvarellos.
Gondomar: homenaxe do Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro
O venres 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Gondomar Lois Tobío terá lugar un espectáculo musical en homenaxe a Rosalía de Castro. O acto contará coa participación do escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e a intervención dos grupos musicais: 2naFronteira, Son do Val, Kogito-Ska feito na Galiza, Conservatorio de Música do Concello de Gondomar, Xardín Desordenado e o Coro Tradicional Cantares do Brión. Conducirán o acto Marta Dacosta e Rexina Vega. Por razóns de seguridade, a organización foi requirida para que garanta que non se superará o número de prazas habilitadas no local referido. A tal efecto, os asistentes deberán retirar unha entrada, no propio auditorio, nos momentos previos ao comezo da función, entrada que será indispensable para acceder ao local. Estes boletos irán numerados correlativamente, pero iso non significa unha reserva de asento, senón só unha reserva de praza. Unha vez completa a cabida, non poderá acceder ningunha persoa máis. Esperamos e desexamos que estas medidas esixidas non entrañen ningunha molestia. A actividade enmárcase nas homenaxes preparadas polo Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro, as que inclúen a celebración do Xantar Rosaliano (de prazas limitadas) a desenvolverse o sábado 20 nas instalacións do Pazo da Escola en Mañufe.
A cantar os Cantares
Desde Cultura Galega:
“O 150 aniversario de Cantares Gallegos está a deixar un ronsel inédito de novidades discográficas. Músicos de diversos estilos réndenlle homenaxe a Rosalía de Castro a reinterpretar os seus versos. Desde cancións para nenos ata o rock, as referencias multiplícanse e amosan o orixinalidade dos músicos do país. Repasamos estes lanzamentos nunha serie de dúas reportaxes.
É ben certo que unha obra fundacional para as letras galegas como é Cantares Gallegos só cumpre 150 anos unha vez. No entanto, e aínda que pode ter influído, este aniversario non explica por si só a proliferación de versións musicais da poeta. O interese editorial nunhas hipotéticas boas vendas apóiase nun público que semella ter interese na música en galego e nos seus intérpretes. Canda a isto, cómpren tamén músicos dispostos a lle meter man a uns versos moitas veces xa cantados e tentar achegar algo novo. Deste xeito, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, recoñece a pegada dos editores e dos axentes culturais nesta xeira de lanzamentos, pero insíreos tamén nun maior interese xeral da sociedade pola autora. “A conmemoración de Cantares foi decisiva. Toda a sociedade, aínda que xa o estaba a facer, puxo de novo os ollos sobre Rosalía con máis intensidade. Fixérono por exemplo desde a creación literaria, pero de xeito especial, a creación musical voltouse con Rosalía”. (…)”